Cuba 2023: o que se esquece e o que se espera depois dun ano infernal

Iroel Sánchez – La Pupila Insomne

“Foi un ano moi duro”, lese nas redes dixitais e na prensa;  tamén se escoita en resumos de radio e TV nacionais e estranxeiros sobre o que foi 2022 para Cuba. Tanto, que ameaza con converterse nun retrouso, o que non lle quita seu carácter de frase axustada á verdade, mesmo co matiz: “duro non, durísimo”.

O furacán Ian deixou Cuba sen luz e foi só un dos andacios do 2022 crítico, envelenado polo bloqueo no límite.

Duro por feitos puntuais e dramaticamente dolorosos como a explosión no Hotel Saratoga, o incendio na base de Super-tanqueros de Matanzas ou o furacán que bateu arreo provincias occidentais do país. E por riba, na vida diaria dos cubanos deuse un ir a peor case en todos os ámbitos: cortes de luz prolongados, redución importante do transporte público, escaseza de bens básicos de toda clase, incluíndo alimentos e medicamentos. Unha visión burocrática e insensíbel que en non poucos lugares converteu arreo a cola e a tolerancia das autoridades á especulación en atranco para o acceso a calquera tipo de produto ou servizo. A maiores, unha inflación remontada  que minguou o poder adquisitivo de pensións e salarios, nomeadamente os do sector público.

As explicacións destes fenómenos foron varias. As máis citadas: o agravamento inusitado do bloqueo estadounidense, o impacto da pandemia de Covid-19 sobre a actividade económica en xeral e o turismo en particular; a crise económica global e a mestura dos efectos da pandemia cos incrementos de prezos froito da guerra en Europa; a demorada aplicación da reforma económica aprobada dende o VI Congreso do Partido Comunista de Cuba en 2011 e erros básicos na reforma monetaria. Para outros, é preciso mirar máis atrás e entender o que pasaba coa economía de Cuba antes de apareceren os primeiros efectos destes procesos, a comezos do ano 2020.

Non se menciona a situación do principal aliado económico e político de Cuba: Venezuela. Xa sabemos, dirán algúns “e por que temos que depender do que sucede noutro país, China, Venezuela ou Rusia?”. Alá imos: Cuba está cercada por un país que, sendo potencialmente o seu mercado natural e máis próximo, ten trinta veces máis poboación e emprega todo o seu enorme poder diplomático, mediático e económico, o maior do mundo, para perseguir calquera fenda pola que poidan entrar ingresos ou transaccións cubanas. E non pode un país sen grandes recursos en hidrocarburos, con terras pouco fértiles, pobre en recursos hidráulicos, situado nun lugar onde son frecuentes furacáns intensos, tratar de compensar esa enorme asimetría con relacións mutuamente vantaxosas con países que como Venezuela non se someten á hexemonía dos EUA? E para alén da xeopolítica… hai un só país tropical, petroleiro ou non, que atinxira algún nível de progreso económico sen investimento estranxeiro, sen relacións comerciais asimétricas co mundo desenvolvido, ou sen economía aberta? Realizouno por acaso sen relacionarse coa economía dos EUA e sen recibir créditos de entidades como o Fondo Monetario Internacional ou o Banco Mundial, controlados por Washington e vedados para Cuba? Alguén o fixo tendo en contra leis coma Helms Burton e a Torricelli? Demasiado parecido ao conto do boxeador ao que lle berran que pelexe limpo logo de amarralo de pés e mans.

De como as accións dos EUA contra Venezuela son vistas por quen as impulsa como unha maneira de impedir o avance económico de Cuba temos evidencia na decisión temperá desde 2014, de medios interesados no avance do socialismo na illa, como a emisora do goberno dos EUA Radio Televisión Martí e o diario madrileño El País, nunha especie de profecía que busca auto-cumprirse. Por exemplo no editorial “A economía cubana sen Venezuela”, publicado por  El País, 21 de febreiro de 2014; “Cuba vivirá unha grave crise se lle falta axuda venezolana”, de 9 de decembro de 2015; “Cuba sofre «shock venezolano» por lentitude de reformas”, de Rolando Cartaya, en Radio Tv Martí o 27 de xullo de 2016. Tamén é certo, pero pouco dito, que trala morte de Hugo Chávez, en marzo de 2013, e en paralelo co inicio das súas negociacións con Cuba, o goberno de Barack Obama desatou unha guerra económica contra Venezuela, logo da declaración do país bolivariano ser unha “Ameaza inusual e extraordinaria para a Seguridade Nacional dos EUA” na véspera do Cume das Américas de abril de 2015 en Panamá.

Tal como adiantara El País, o ataque a Venezuela sentiuse en Cuba. Nun artigo titulado Cuba, Venezuela e a tormenta perfecta (de xuño do 2016) o goberno cubano houbera de tomar medidas emerxentes para enfrontar as consecuencias dunha redución significativa nos envíos de combustíbel desde Venezuela. O subministro  era parte dos acordos bilaterais pagados pola Illa con servizos de saúde para sectores maioritarios do pobo venezolano.

De porparte, as transformacións económicas en Cuba non marcharon segundo previsto. Un ditame do Pleno do Comité Central do Partido Comunista cubano que avaliou en 2016 as políticas aplicadas dende 2011, no lanzamento da  “revisión do modelo económico e social”, recoñeceu “erros na planificación dos procesos e no seu control” e sinalou que “non sempre a Comisión Executiva  deu implicado órganos, organismos, organizacións e entidades, dende a base, puideren orientar, capacitar, apoiar, controlar e render contas da súa xestión”; notou asemade “fallas de perspectiva integral e visión limitada sobre os níveis de riscos así como valoracións erradas de custos e beneficios”; nalgúns casos foi deficiente o seguimento e control das políticas, con desvíos dos seus obxectivos e sen corrección”; observa a maiores “carencia dunha cultura tributaria no país, e deficiente emprego da contabilidade como ferramenta fundamental para calquera análise económica” pero non deixa de mencionar “limitacións económicas e financeiras que frustraron un feixe de medidas que requirían investimentos”

NIN MENCIÓN DO BLOQUEO

Abril de 2016, faltando menos dun mes para o VII Congreso do Partido Comunista de Cuba, Barack Obama visitou A Habana. O seu programa de información salientaba dous obxectivos: liquidar a idea da hostilidade dos EUA con Cuba e achacar a atrancos internos as dificultades cotiás da illa. Non fixo nin mención do bloqueo e moito menos da crecente agresividade política, económica e militar da súa administración contra o país que maior intercambio comercial tiña con Cuba nese momento: Venezuela.

A información privada aparecida en Cuba con diñeiro estadounidense a partir do segundo período da administración Obama, augurou daquela o regreso de cortes de luz masivos, unha caída de dous díxitos no Produto Interno Bruto e a volta aos mercados non abastados que os cubanos coñeceran nos anos noventa do século pasado trala desaparición da URSS e a caída do COMECON. A situación anunciada por analistas cubanos afíns ás Open Society Foundation de George Soros e revistas pagadas dende Miami, demoraría aínda; faltaba aumentar o bloqueo moito máis.

Co goberno de Donald Trump a partir de2017, choveran sobre Cuba 243 medidas adicionais ao bloqueo, ao ritmo de unha por semana. E aínda en Cuba non había carencias nin apagamentos, como se anunciara dende Miami e Madrid. En febreiro de 2019, na fronteira de Colombia con Venezuela, mentres se executaba unha operación terrorista disfrazada de axuda humanitaria, nunha proba máis de canto ten que ver unha cousa coa outra, o senador cubano-americano Marco Rubio, impulsor declarado de todas esas medidas de Trump contra Cuba, tuiteaba en modo matón, eufórico e ameazante, ao Presidente de Cuba, vémonos logo”. Aínda se lle espera pola Habana.

Abril do mesmo 2019, un alto funcionario de Washington deixaba claro que o obxectivo das presións sobre Venezuela, tal como reclamaban colaboradores de El País e Radio Tv Martí desde tempos de Obama, eran os mesmos na era Trump, agás que os executaran menos diplomaticamente: “Aínda que non esperamos un cambio político inmediato en Cuba por mor das nosas sancións directas a Venezuela e as sancións directas e indirectas a Cuba, cremos que van traer cambios na economía cubana debido ao que a Administración de [Juan] Guaidó está a facer con respecto ás exportacións de petróleo a Cuba; axudamos ao presidente interino Guaidó a lograr o seu obxectivo de non subsidiar máis ao réxime cubano. Cuba terá que adaptarse á perda do 30% ou máis das súas importacións de petróleo fortemente subsidiadas, o que significa inducir unha economía máis baseada no mercado” (https://www.cubatrade.org/blog/2019/4/7/background-interview-with-trump-administration-officials).

Dende Brasil chegara pouco antes outro golpe. Fins de 2018 o goberno de Jair Bolsonaro cancelara un acordo polo que 11.000 médicos cubanos traballaban nese país mediante a transacción de 400 millóns dólares anuais a Cuba.

Con todo, en xuño de 2019, aínda a illa non daba trazas de se acomodar aos propósitos de Trump pretendía. Tanto el coma seus colaboradores na gran prensa internacional tiñan razóns para desesperarse: o novo goberno de Miguel Díaz-Canel subía pensións e salarios do sector orzado, conxelados por longo tempo, e a pesar de enfrontar o impacto das sancións ás compañías navieiras que transportaban combustíbel a Cuba o que provocou tensións no abastecemento a gasoliñeiras e transportes durante varias semanas do segundo semestre. Por un tempo, deron capeado o impacto no transporte público. Antes, noutra proba de resistencia, xurdían novos servizos de taxis colectivos n´Habana e ferrocarrís nacionais, mentres a fins dese ano A Habana celebraba ao grande o seu aniversario 500. Malia vérense na necesidade de gastos non previstos para investir boa parte das súas divisas en adquirir o combustíbel que antes recibía de Venezuela, a economía cubana tampouco colapsou cando anunciara Trump. Cinco anos despois da dobre agresión con “sancións directas” (a Cuba) e “indirectas” (vía Venezuela) as profecías de Trump , El País e Radio Tv Martí, non se daban cumprido.

Tiveron que acumularse 243 medidas do goberno de Trump, incluíndo o corte en viaxes e remesas e comandos armados contra as navieiras que transportaban combustíbel a Cuba, coroadas pola designación espuria da illa como país patrocinador do terrorismo cos seus consecuentes impedimentos ás transaccións financeiras internacionais, para os anuncios de 2014 manifestásense en concordancia cos desexos os seus augures. A comezos do segundo semestre de 2021, xa con Biden na Casa Branca pero coa misma política trumpista cara á illa, a combinación dun pico pandémico en plena variante Delta do SARSCOV-2, combinado con cortes de luz e auga, sen provisión no mercado minorista, e os efectos dun reordenamiento monetario que contaba cun control da pandemia e un cambio na política estadounidense que non se produciron, levase á rúa a xenreira intoxicada desde as redes dixitais o 11 de xullo dese ano, en non pouco casos derivada en vandalismo. O Secretario de Estado Anthony Blinken demoraba aínda a súa prometida “revisión da política cara a Cuba” nunca vista.

A FLORIDA NON PAGA TRAIDORES

Antes, en novembro de 2020, persoas preparadas pola estratexia do cambio de goberno trazada polos EUA, capitalizaron o efecto dunha provocación disfrazada de defensa da liberdade artística. Auto-proclamados defensores da liberdade de expresión, lograron mesturar artistas verdadeiros en busca de diálogo con provocadores adestrados, nunha manobra fronte ao Ministerio de Cultura da illa, xusto na véspera da chegada Biden á Casa Branca, de xeito que os máis extremistas de Miami, clamaran daquela por unha intervención militar. Contra as súas promesas de campaña, o relevo da Casa Branca en xaneiro de 2021, converteuse no máis fiel dos trumpistas. A recente derrota total do Partido Demócrata no Sur da Florida, certificou o erro de querer competir coa ultradereita política que presume de ser máis dura con respecto a Cuba. Aínda non se aprecia que os que deciden a política exterior estadounidense perderan o medo ao que Marco Rubio  chama abertamente “medo ao exilio cubano”.

Só o incremento sostido de emigrantes cubanos chegaos á fronteira dos EUA, encirrados pola crise económica en Cuba (á que contribuíra de maneira importante, un peche do seu consulado n´Habana e o imán dunha política migratoria que converte en refuxiados aos cubanos que logren pisar solo estadounidense) obrigou Washington a sentar na mesa co goberno de Cuba e reabrir asúa embaixada habaneira, no entanto respectaba máis do 90% das sancións trumpistas. O impacto da crise inducida por estas é tal que a apertura do seu consulado n´Habana xa non abonda para facer desistir a emigración irregular.

No segundo semestre de 2022 volveron os cortes de luz, acompañados de protestas dispersas e máis dun intento terrorista alentado, con impunidade, dende territorio estadounidense. Aínda que o país controlou a pandemia de COVID con tres tipos de vacinas propias (dise rápido pero é unha fazaña que só grandes potencias puideron facer) e abrir portas ao turismo, o crecemento previsto de 2,5 millóns de turistas quedou en 1,8 e a economía creceu por baixo do previsto, que xa era insuficiente. Os paros por quedas na xeración eléctrica -faltou diñeiro para as reparacións de plantas envellecidas- e a baixa dispoñibilidade de combustíbel para xeración, crearon unha situación aínda peor que en 2021 nese servizo que veu resolverse pero non definitivamente fins de ano ao dar estabilizado o servizo e prometer unha situación mellor en 2023, aínda que serán necesarias novas reparacións e investimentos.

As transformacións non foron detidas pola crise, aínda que hai quen piden maior velocidade: a nova Constitución cubana de 2019, aprobada case co 87% dos votos, recoñece o mercado, que o Estado “regula e controla” “en función dos intereses da sociedade”, así como ás empresas de propiedade privada, das que desde fins de 2021 foron aprobadas máis de 6.000. Unha declaración recente dun alto funcionario da chancelería cubana, denunciando que Estados Unidos identifica ese sector privado “coma instrumento de subversión política”, dixo que Cuba non se vai a opor a esa utilización se Washington fai excepcións ao bloqueo para promovelo en detrimento do sector público da economía insular.

A inflación non baixou e anúnciase un programa de estabilización macroeconómica, do que ainda non se coñecen detalles, mais que ten o difícil reto de axustar un elevado déficit fiscal sen terapias de choque, desemprego masivo e peche de servizos públicos que son universais e gratuítos na illa, a maiores de solucionar contradicións como un subsidio á gasolina que fai que, sendo un país non petroleiro, en Cuba véndase ese combustíbel a un dos prezos máis baixos do mundo.

A intervir na última sesión do ano no parlamento cubano, o Presidente Díaz-Canel anunciou un 2023 retador pero mellor. Varios elementos danlle a razón cunha contorna internacional máis favorábel. Unha xira de éxito realizada fins de novembro por Rusia, China, Alxeria e Turquía, permitiu restaurar lazos económicos, renovar contratos de enerxía, abrir novas posibilidades de investimento e cancelar débedas e retomar créditos. Na contorna latinoamericana crecen as relacións económicas con México que compra vacinas cubanas contra a COVID e ten contratados máis de 600 médicos insulares, mentres o regreso de Lula ao goberno en Brasil volve abrir posibilidades de retomar os acordos cancelados por Bolsonaro. A recuperación económica venezolana é un feito, cun crecemento de máis do 13% e a “Administración de [Juan] Guaidó” xa non ten nin o recoñecemento dos seus antigos correlixionarios. Unha tanxíbel melloría da xeración eléctrica resulta básica para garantir o crecemento do turismo, a estabilidade social e a ansiada reanimación da economía.

DESATAR RESERVAS E POTENCIALIDADES

As prioridades definidas polo Presidente foron claras: desatar as verdadeiras reservas e potencialidades existentes na sociedade; destrabar forzas produtivas; propiciar máis os incentivos e menos as trabas e as prohibicións que frean o desenvolvemento; o necesario progreso da empresa estatal socialista, a resposta da agricultura á produción de alimentos; dar mellor atención ás persoas en situación de vulnerabilidade. Isto, en liña coas expectativas populares no enfrontamento efectivo ao delito, á corrupción, ás ilegalidades, e contra a burocracia; o respecto á lei, a orde e a decencia; que se teñan en conta os consensos e a participación do pobo para decidir; acudir á innovación; que se faga un exercicio democrático do poder popular; que todo o mundo renda contas; que os mozos non abandonen o país e non deixen de participar na Revolución. Grandes desafíos no medio dunha agresión que non cesou pero que no novo ano ofrece a Cuba mellores oportunidades para vencelos se a autocrítica deriva en forza transformadora. Non só o precisa Cuba,  tamén Latinoamérica e o mundo. Os inimigos sábeno e por iso termarán canto poidan para descarrilarlle o camiño, pero xa non hai modo de tentar facerlle máis dano, e esa é a oportunidade dos que souberon estar no límite e poden no ano que comeza camiñar por un túnel onde paseniñamente, empeza verse unha luz.

Versión galega de Olga Sober a partir do orixinal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *