Cuba, a sorprendente

Ningunha vontade foi excluida na construción do Novo Código das Familias de Cuba, aqui descrito polo caricaturista Martirena.

Farruco Sesto – Correo del Orinoco

De Cuba é imposíbel non namorar para sempre. Afirmación que fago dende o sentimento, pero tamén dende a razón, a partir da miña propia experiencia. O meu con ela comezara hai ben tempo, cando mal tiña quince anos, como un amor de mocidade dos que permanecen vivos e non esquecen nunca.

Toda unha vida entregada a este asunto de amor, e nunca defraudada. Nin un só intre de dúbida, nin dela, nin de min mesmo, nin dos lazos cos que voluntariamente amarrei a ela o meu espírito rebelde, a miña posesión máis valiosa.

Nunca me asaltara desencantamento polos seus dirixentes , polo seu pobo, ou pola súa revolución que chegou para quedar.

Porque Cuba é moi especial. Sempre excepcionalmente fermosa, con esa fermosura do auténtico, do singular.  Saben? Cuba éncheme a alma. Ou por que non dicilo doutra maneira, en colectivo?: Cuba énchenos a alma. E a cada momento sorpréndenos.

Cuba, a sorprendente, sería, paréceme, unha boa maneira de chamala, digo, se houbese que porlle un adxectivo para cualificala. Pois logo de máis de sesenta anos de bloqueo imperialista, séguenos emocionando, conmovendo, cativando, marabillando, coa súa imaxinación rebordada de humanidade, a súa capacidade de resistencia insubornábel, e un exercicio permanente de decoro, pouco menos que insólito, co que escrebe a historia paso a paso dende o acontecer diario.

Declaración que fago dende o amor que lle profeso, que non é un amor cego senón en constante posta a proba e reafirmación, para destacar o efecto de admiración e compracencia que me produce agora unha lectura rápida do CÓDIGO DAS FAMILAS, sometido a consulta especializada no ano 21, e a unha ampla consulta popular entre febreiro e abril deste ano, e que despois de ser apoiado maioritariamente en referendo nacional, foi aprobado pola Asemblea Nacional do Poder Popular de Cuba.

Pódese ler completo na edición ordinaria da Gaceta Oficial de la República de Cuba, N.º 87, do 17 de agosto de 2022, que puiden baixar por internet.

Prégolles que lean, que non o perdan, aínda que sexa nunha lectura rápida como a miña. E,  a quen tiver un interese especializado no tema, abordalo como documento de estudo e aprendizaxe. É algo extraordinariamente valioso, ao meu xuízo. Unha aportación substancial á cultura humana, dende esta illa máxica e sempre sorprendente, elaborada dende a súa propia realidade, a partir da dignidade e o humanismo como valores supremos, e que debe ser tomado referencia e exemplo.

Aprendín dos meus mestres que toda revolución verdadeira non é, no fondo, senón un cambio profundo e irreversíbel das relacións humanas. A sociedade cubana demóstrao máis unha vez.

Tradución ao Galego de Adela Roade para TSA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *