Cuba celebra o Primeiro de Maio acompañada pola solidariedade internacional

Axencias – TSA

Mais de mil representantes da rede mundial de solidariedade con Cuba, asistiron a manifestación do Primeiro de Maio na Praza da Revolución da Habana, réplica dunha marea que percorre a illa de cacho a cribo na cita principal da independencia, a que simboliza a vontade de preservar a soberanía e o legado de Fidel. Entre as bandeiras de sesenta nacións solidarias, figuraba a da Galiza, representada por unha delegación da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil.

A solidariedade internacional vive con Cuba a data maior da Revolución.

«Bon dia, Cuba. Chegou Primeiro de Maio, festa de traballadoras e traballadores, marcha dos homes e mulleres que fan Patria. Vémonos a beira de Martí, o lugar no que tantas veces acompañáramos a Fidel e onde estaremos con Raúl”.  A este saúdo do presidente Diaz Canel, respondeu unha inmensa marcha popular, a representación internacional presente e os parabéns de todas as nacións do mundo que nunca permitiron que Cuba estivese soia, nin en momentos coma o presente, nos que a máquina da propaganda imperialista non permite que as novas de Cuba circulen no mundo. Dende hai sesenta anos, a predicación imperial das liberdades consiste basicamente nun exercicio de censura.

O ministro de Estado dixo que a cita era a demostración dun pobo traballador que non dobrega e batalla con vontade creativa contra un bloqueo oportunista e criminal. “Os propósitos do imperialismo fracasarán fronte a resolución de o pobo de Cuba defender súa Revolución».

 Rachele Fruit, candidata a gobernadora por Florida, presente na praza en representación do  Partido Socialista dos Traballadores dixo que a xornada era expresión do apoio popular ao goberno revolucionario. “Temos que aprender de Cuba a solidariedade para estendela a todo o mundo». Fruit di que nos últimos anos viran medrar nos EUA as protestas por condicións de traballo inaceptábeis e en demanda de salarios xustos.

Nicolás Aguilar, da Coordinadora Nacional Peruana de Solidariedade con Cuba, recordou que só a vía do socialismo pode garantir a soberanía do pobo e como exemplo citou o do goberno de Pedro Castillo, cercado por unha oligarquía que conserva o voto do Parlamento. “Cuba é o primeiro país  de América que pode resistir o imperialismo por razón de estar gobernado pola clase obreira”.

Aura Rosa Hernández Moreno, que forma parte dunha numerosa delegación da República Bolivariana de Venezuela, agradece o exemplo que a Revolución Cubana ofrece a todos os pobos do mundo na organización da clase traballadora,  na participación do pobo na solución de problemas comúns e no recurso a anovación científica. “O imperialismo non perdoa a autodeterminación dos pobos, a soberanía, ou a toma de decisións propias”.

A seguir da xornada de domingo, comezou na Habana o Encontro Internacional de Solidariedade con Cuba, no que participan as delegacións de 60 países presentes na marcha popular e 219 organizacións do sindicalismo mundial, instancias solidarias e partidos de esquerda.

O presidente de Cuba, o titular da carteira de Estado (relacións exteriores) e outras representacións, asisten ao encontro acompañados por científicos cubanos que interviran nas equipas  creadoras das vacinas cubanas anti-COVID-19.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará