Cuba contra dúas pandemias: Coronavirus e Bloqueo

Gustavo Veiga – Página 12

O goberno de Donald Trump atopou un socio ideal no Coronavirus para o bloqueo integral de Cuba. A maiores do paquete de sancións económicas e de ameazas a terceiros paises coas que EUA castiga a illa hai 60 anos, súmanse arestora as consecuencias da pandemia. Non tanto as sanitarias, que na illa están máis que atendidas, mais no estrago que causa o COVID-19 sobre o turismo, a súa principal fonte de ingresos. Como se non lle abondara, a Casa Branca ven de meter seu veciño na lista de nacións que relean na loita anti- terrorista. Na conferencia de prensa de venres 22, Carlos Fernández de Cossio, director xeral para EUA do Ministerio de Relacións Exteriores (MINREX) sinalou: “É un listado sen valor legal, non recoñecíbel por ningún foro internacional ou órgao colexiado na loita contra o terrorismo; o goberno de Trump caloña Cuba e envelena as relacións da illa con terceiros países”.

Cada peza, un bloqueo. Visión do caricaturista Martirena que vive dentro.

Trump aproveita para lle mandar un recado á diáspora (basicamente de Miami) ao se cumprir a efeméride da independencia formal de Cuba, en 20 de maio de 1902: “Orgulloso de vostedes, Cubano-Norteamericanos e feliz de telos comigo!”, dixo, como se iso fose comprobábel e non  un aceno de cara ás eleccións do 3 de novembro.

Fernández de Cossio respondeu dous días despois dende A Habana: “Custa crer que a maioría dos cubanos estea de acordo cunha campaña que atranca as relacións cos seus familiares, o que nos fai pensar que a maquinaria política, sobre todo a do Partido Republicano na Florida, non toma demasiado en conta o criterio ou a opinión dos cubanos, senón que os utiliza”.

Non é de agora a marea dos ataques a Cuba en ano de eleccións nos EUA.  Máis grave foi o do 30 de abril: o tiroteo da embaixada en Washington. Malia Habana non culpar de xeito directo ao goberno de Trump, denuncia o seu silenzo cómplice. Bruno Rodríguez Parrilla comentou: “Temos a esperanza de o goberno de Estados Unidos pór en coherencia a súa retórica contra o terrorismo e a súa política de loita contra o terrorismo internacional coas súas responsabilidades neste ataque”.

Que o Departamento de Estado (ministerio de Exteriores dos EUA) incluíse 13 de maio a Cuba na nómina de países (na que xa meteran a  Irán, Corea do Norte, Siria e Venezuela) que non cooperaran en 2019 contra o que eles chaman terrorismo significa que se lles prohibe comprar ou obter a licenza para procurárense armas ou servizos militares de orixe estadounidense. O Bloqueo xa incluía esta medida. Aínda que desde 2015 –nos comezos do período de distensión dos ex presidentes Barack Obama e Raúl Castro- Habana non integraba o listado ao que Trump botou man de novo. Din que Cuba ampara no seu territorio a cadros do ELN colombiano e a prófugos da xustiza estadounidenses como a militante do Exército Negro de Liberación, Joanne Chesimard, acusada de matar un policía en Nova Yersey en 1973.

Rodríguez Parrilla xa explicara en 2017 o que pensan en Cuba de casos como o de Chesimard: “En uso da lei nacional, o dereito internacional e a tradición latinoamericana, Cuba concedeu asilo político ou refuxio a loitadores polos dereitos civís dos EEUU. Por suposto que estas persoas non serán devoltas”.

A lista que renova todos os anos o Departamento de Estado, non contabiliza os atentados que teñen como alvo a Cuba hai décadas. Son máis de 500, na maioría con finanzamento estadounidense, e perpetrados por cubano-norte americanos que residen ou residían nos EUA. Non inclúo o terrorismo de Estado practicado polo goberno estadounidense, concretamente pola Axencia Central de Intelixencia contra o pobo de Cuba”, completou Fernández de Cossio.

A escalada de denuncias que parte de Washington non sería máis que pura retórica se sumar  o bloqueo e as consecuencias que está provocando a pandemia sobre o turismo na maior das Antillas. O alto funcionario da chancelería deu un par de exemplos sobre o cerco económico que lle impón EEUU a Cuba. O seu país quixo contratar en 2019 varios equipos de ventilación mecánica para terapia intensiva. Non puido. Hoxe son indispensabeis para enfrontar o coronavirus. Tamen frustrou a entrega  en marzo pasado dunha axuda de material cirúrxico dende China. A empresa aérea de carga negouse a facer a viaxe temendo unha forte multa dos EUA co gallo da súa lei extra-territorial Helms-Burton.

No saúdo aos cubano-norteamericanos que quer seducir para as eleccións (aínda que teñan un peso simbólico no padrón, non todos votan e menos cando a elección cadra nun día laborabel) Trump dixo que reforzara as sancións para obter respecto polos dereitos humanos, mercados libres e transición á democracia en Cuba.

A Cuba cústalle o Bloqueo 4 mil millóns de dólares anuais por non poder comprar nun mercado tan próximo á súa costa e a causa das medidas coercitivas contra a súa principal industria: o turismo. O seu ministro de Comercio Exterior e Investimento Estranxeiro, Rodrigo Malmierca Díaz, agregoulle a COVID-19 fins de abril: “A pandemia causará efectos negativos na economía cubana, sumado aos danos do bloqueo imposto por Estados Unidos, pero traballamos con seriedade e dedicación para palialos”.

Lester D. Mallory , subsecretario de Estado adxunto para Asuntos Interamericanos en 1960, fora o inventor da fórmula que ainda aplican sesenta anos despois. Escribira naquela altura nun informe reservado: “temos que empregar axiña todos os medios posibeis para debilitar a vida económica de Cuba e seguirmos unha pauta discreta e intelixente que leve a necesidade de crédito e bens materiais de Cuba ao extremo de, provocar fame, desesperación e o derrocamento do Goberno”.

A fórmula segue en vigor, a soberanía de Cuba tamén.






Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará