Cuba critica o cerco da OTAN e recorda que Rusia ten dereito a defenderse

O ministerio de Estado de Cuba produciu onte unha terminante condena do goberno de Washington ao que responsabiliza da grave tensión inducida sobre as fronteiras da Federación Rusa mediante a crecente presencia de tropa e armamento da OTAN. Cuba recorda a violación sistemática da Lei Internacional de parte dos EUA e, en particular, o bombardeo ilegal de Serbia en 1991 e o despoxo da Federación Iugoslava. Reproducimos a versión abreviada desta declaración publicada por Granma no serán de Sábado.

Os nazis que chantan bombas no Dombass usan armas e información táctica da OTAN.

“Empeñado en continuar a progresiva expansión da OTAN sobre ás fronteiras da Federación de Rusia, o goberno dos EUA condúcenos  a unha situación de  consecuencias non previstas que puido ser evitada.

Son coñecidos os movementos militares realizados polos Estados Unidos e a OTAN en meses recentes en rexións na beira da Federación Rusa, precedidos da entrega de armamento moderno a Ucraína, o que conforma un cerco militar progresivo.

Non é posíbel examinar con rigor e honestidade a situación actual de Ucraína, sen prestar atención aos xustos reclamos da Federación Rusa aos Estados Unidos e a OTAN nin aos factores que conduciron ao uso da forza e a ignorar principios legais e normas internacionais que Cuba subscribe e apoia con todo vigor por seren referencia imprescindíbel, particularmente para os países pequenos que loitan contra a imposición, os abusos de poder e as inxustizas.

Cuba é un país defensor do Dereito Internacional, comprometido coa Carta das Nacións Unidas, que sempre defenderá a paz e opoñerase ao uso ou ameaza da forza contra calquera Estado.

Lamentamos profundamente as perdas de vidas de civís inocentes na Ucraína. O pobo cubano ten e terá unha relación entrañábel co pobo ucraíno.

A historia esixirá responsabilidades ao goberno dos Estados Unidos polas consecuencias dunha doutrina militar de acoso lonxe das fronteiras da OTAN, que ameaza a paz, a seguridade e a estabilidade internacionais.

As nosas preocupacións aumentan coa decisión recentemente adoptada pola OTAN, de activar, por primeira vez, a Forza de Resposta desa alianza militar.

Foi un erro ignorar durante décadas os fundados reclamos de garantías de seguridade de parte da Federación Rusa e dar por seguro que permanecería impasíbel ante unha ameaza directa á súa seguridade nacional. Rusia ten dereito a defenderse. O cerco e o asexo non son o medio de conseguir a paz.

O proxecto de resolución sobre a situación en Ucraína non aprobado no Consello de Seguridade o 25 de febreiro, que será presentado á Asemblea Xeral, non foi concibido como unha contribución real á procura de solucións á actual crise.

Pola contra, trátase dun texto tendencioso, que non presta atención as lexítimas preocupacións de todas as partes involucradas nin recoñece a responsabilidade dos que promoveron ou realizaron accións agresivas que precipitaron a escalada deste conflito.

Cuba é partidaria dunha solución diplomática seria, construtiva e realista da actual crise en Europa, por medios pacíficos, que garanta a seguridade e soberanía de todos, así como a paz, a estabilidade e a seguridade rexional e internacional.

Non son aceptábeis a hipocrisía e a medida dobre. É de lembrar que Estados Unidos e a OTAN lanzaran en 1999 un ataque de gran envergadura contra Iugoslavia, país europeo que esnaquizaron, cun alto costo en vidas, en función dos seus obxectivos xeopolíticos, con desprezo da Carta da ONU.

Os Estados Unidos e aliados utilizaron a forza en múltiples ocasións. Invadiron estados soberanos para provocaren cambios de réxime, e  interveñen nos asuntos internos doutras nacións que defenden a súa integridade territorial e independencia e resisten fronte os propósitos de dominación.

Son tamén responsábeis da morte de centos de miles de civís, que consideran danos marxinais inevitábeis; de millóns de desprazados e de destrución sen medida en toda a xeografía do noso planeta como resultado das súas guerras de saqueo.

A Habana, 26 de febreiro de 2022”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará