Cuba, e a solidariedade revolucionaria

Manuel Mera – Sermos Galiza
Once de novembro cúmprese o 40 aniversario da independencia de Angola, conquistada despois dunha longa guerra contra a potencia colonialista, Portugal. Mais a historia deste país tería sido moi diferente, se a axuda solidaria de Cuba non ter evitado o triunfo da intervención dos Estados Unidos. Norteamérica pretendía mediante os exércitos de Suráfrica e Zaire, impedir ao Goberno do MPLA (Movimento Popular de Libertação de Angola) asumir o governo. Non foi esta a única contribución solidaria de Cuba na África no eido militar. Lembremos a colaboración co goberno socialista de Etiopía (1977-1988) fronte á invasión somalí apoiada por Washington. Porén, destaca a solidariedade con Angola, tanto por se prolongar 16 anos (1975-1991), como por as forzas cubanas ser tamén decisivas para a independencia de Namibia e Cimbabue, así como para o remate do apartheid en Suráfrica. Falamos dunha colonia de 1.246.700 km2, e 6.761.000 habitantes en 1975, deles máis de 350.000  colonos brancos, nomeadamente portugueses. En Angola as exportacións dobraban ás importacións.

As imaxes de Agostinho Neto e Fidel acompañan a histórica celebración en Luanda do fin da guerra contra o colonialismo racista.
Os retratos de Agostinho Neto e Fidel acompañan a  conmemoración en Luanda dos 40 anos da vitoria contra o Apartheido que se cumpriran 17 de novembro de 2015.

Mediado outubro de 1975, tropas do FNLA (Frente Nacional de Libertação de Angola), do exército de Zaire e mercenarios portugueses, con armamento pesado e asesores sudafricanos e da CIA, entraron pola fronteira norte. Polo sul, facía o propio unha columna de blindados de Suráfrica, que previamente ocupou a provincia de Cunene no mes de agosto co apoio da UNITA (União Nacional para a Independência Total de Angola, dirixida por Jonás Savimbi). O obxectivo destas tropas era tomar a capital do país, Luanda (500.000 habitantes), antes da declaración da independencia. Nesa altura só había 480 instrutores cubanos en Angola. Os primeiros chegaran mediados de setembro e estabelecéranse en Cabinda, Benguela, Salazar e Saurimo. Mais, atendendo a solicitude de Agostinho Neto, presidente do MPLA, e diante da invasión exterior, Cuba decidiu enviar forzas militares. Sería a chamada Operación Carlota, en lembranza dunha escrava negra que liderou unha revolta de escravos na illa en 1843. Oito de novembro, chegaron a Luanda dous avións con 164 militares, iniciándose o operativo. Quince de novembro, había xa 2.000 cubanos en Angola, e 3 de febreiro de 1976, estes atinxían os 30.000. Ao mesmo tempo comezou a chegar material militar enviado pola Unión Soviética.
Os angolanos e os militares cubanos fixeron recuar o exército sudafricano 1.000 quilómetros até o punto de partida na fronteira con Namibia, forzándoos 21-23 de xaneiro de 1976 a se retirar do país, agás nalgún enclave na fronteira, de onde o marcharían poucos meses despois. Para acadar esta vitoria, os cubanos destruíron as pontes sobre o río Queve, o 13 de novembro, freando o avance sudafricano, e forzas conxuntas do MPLA e cubanas emboscáronos en Ebe, o 23 do mesmo mes.
O FNLA, o exército do Zaire e mercenarios portugueses, que estaban a moi poucos quilómetros de Luanda, foron expulsados en moi poucas semanas. Non se cumpría polo tanto a promesa de Holden Roberto, cabeza do FNLA (que contaba co apoio de Zaire, Estados Unidos e China) de ocupar a capital antes do día fixado para a declaración da independencia, e a asunción dun Governo provisional. Para eliminar esta ameaza foi chave a batalla de Quifangondo, localidade a poucos quilómetros ao norte de Luanda. Esta aldea estaba defendida por 850 soldados do MAPLA (creado o 1 de agosto de 1974 a partir das forzas guerrilleiras do MPLA), seica 200 catangueses, 88 cubanos e un asesor soviético, ademais de 120 cubanos en reserva. Confrontaban cuns 3.300 homes, do FNLA, exército do Zaire, mercenarios portugueses, e disque sudafricanos. Déronse tres combates do 5 ao 10 de novembro, rematando na derrota de Holden Roberto, que recoñeceu 345 mortos na batalla.
Oito de febreiro, cae o cuartel xeral da UNITA, en Huambo (antes Nova Lisboa, con 62.000 habitantes), segunda cidade de Angola e capital da estratéxica meseta central. Tamén foi importante a batalla por Cabinda (7.283 km2), enclave produtor do 80% do petróleo e separado do resto de Angola polo Zaire. O 8 de novembro, o exército de Zaire e guerrilleiros do FLEC (Frente para a Libertação do Enclave de Cabinda) invadiron o territorio. Porén, foron vencidos o día 13 por forzas do MPLA con apoio cubano.

Fidel recibe a Eduardo dos Santos, presidente de Angola, novembro de 2007
Fidel recibe a Eduardo dos Santos, presidente de Angola, novembro de 2007

A conflitividade non rematou coa declaración da independencia e a derrota da invasión externa.  Continuou en forma de guerra do MPLA contra FNLA e a UNITA. Esta última contaría cunha forte axuda exterior, sobre todo de Suráfrica. Aliás, esta potencia rexional non deixou de intervir directamente; por exemplo en maio de 1978 atacando os campamentos de refuxiados de Namibia en Kabinda, causando 600 mortos e 350 feridos, a maior parte nenos/as e mulleres.
“Agosto de 1981, os sudafricanos iniciaron o operativo “Smokeshell” con 15.000 soldados, blindados e avións, para avanzar 200 quilómetros na provincia de Cunene. O goberno de Pretoria xustificou a agresión como un operativo contra bases guerrilleiras da SWAPO, o movemento de liberación de Namibia, porén cóidase que o obxectivo non declarado era crear unha “zona liberada” na que UNITA puidese instalar un segundo goberno de Angola, capaz de obter algún recoñecemento internacional. A eficiente resistencia militar angolano-cubana frustrou ese intento e sucesivos ataques nos anos seguintes. O desgaste militar, as presións internacionais e o crecemento da mobilización interna anti-apartheid obrigaron a Suráfrica a iniciar conversacións diplomáticas co goberno do MPLA. En decembro de 1988, un Acordo Tripartito asinado en Nova York (entre Angola, Suráfrica e Cuba) puxo fin ao conflito entre Luanda e Pretoria estabelecendo que Namibia sería independente e que as tropas sudafricanas e cubanas se retirarían de Angola” (Guía del Mundo 1993-94, Colombia).
Por Angola pasaron durante neses dezaseis anos uns 300.000 militares cubanos, e o número de mortos ascendeu a 2.077. Non existe dúbida polo tanto da importancia do papel das forzas armadas de Cuba para garantir que a liberación desta colonia non fose ficticia, e terminase sendo controlada por un neo-colonialismo, como sucedeu noutros países africanos naquel intre. Mais coido que este artigo ficaría incompleto, sen analizar a actitude dos Estados Unidos, e se houbo contrapartidas a Cuba polos servizos prestados en Angola.
Tres planos subversivos ideou a Axencia Central de Intelixencia de Estados Unidos (CIA) baixo o código xeral de “IA Feature”, para impedir ao MPLA a proclamación da independencia. “Pouco tempo despois do golpe militar progresista en Portugal que derrocou a ditadura de Caetano, o 25 de abril de 1974, a CIA ordenou a reapertura do centro en Luanda como medida preventiva (…)  Un grupo de axentes da CIA, dirixido por John Stockwell, chegou a Luanda cun obxectivo preciso: evitar o triunfo do MPLA”. A operación da CIA tiña un orzamento de 32 millóns de dólares, e contemplaba: “a elaboración de materiais para a difusión na prensa que deformaran a realidade da guerra en Angola; asinados polos grupos contrarrevolucionarios UNITA e FNLA co propósito de que difundilos polas axencias internacionais occidentais, evitando as sospeitas cara á CIA (…) Vintetrés de outubro, instigadas por Estados Unidos, tropas regulares do exército de Suráfrica apoiadas por tanques e artillaría, partiron desde as fronteiras e invadiron o territorio angolano” (Los países no alineados; Prensa latina; 1982 Praga, Checoslovaquia).
A inxerencia norteamericana tamén é constatada por Emilio Méndez del Valle (Angola, imperialismo y guerra civil, Akal Editor1976, España): “Desde decembro de 1975, o goberno norteamericano admite oficialmente que vén axudando desde a primavera dese ano o FNLA. A través da CIA e por intermedio do Zaire estivo enviando material de guerra e equipo diverso por valor de 32 millóns de dólares (esta é a cantidade oficialmente admitida ata principios de 1976)”. Non existe contradición entre o feito de os Estados Unidos, como imperialismo hexemónico, favorecer despois da Segunda Guerra Mundial a descolonización, e a súa intervención nos procesos. A súa lóxica non respondía fundamentalmente a criterios democráticos senón á intención de substituír ás antigas potencias metropolitanas, a través do control económico e cultural e, se fixese falla, mediante a intervención militar. O colonialismo adquiría novas formas con novos suxeitos.
Por último, como un aspecto a lembrar e poñer en valor, está a cuestión da solidariedade, e o carácter exemplar de Cuba, malia todas as súas limitacións demográficas e económicas. E neste aspecto, moitas veces, cando se analiza a contribución de Cuba con Angola e Etiopía, a importancia da achega militar opaca a solidariedade no campo civil, especialmente no eido da saúde e do ensino. Os dados que se barallan nos estudos sobre o persoal cubano que desenvolveron tarefas civís en Angola nese período varían moito; van dos 50 mil ate os 100 mil. En calquera caso é unha cifra moi grande. Este persoal foi vital nun intre no que sectores enteiros dos servizos e da economía ficaron paralizados pola precipitada marcha dos colonos. Segundo o censo de 1980, residían en Portugal 505.078 colonos retornados, dos que 309.058 procedían de Angola e 164.065 de Mozambique. Cómpre sinalar que a estes retornados hai que engadir aqueles colonos de Angola e Mozambique que emigraron a Suráfrica, onde viven hoxe seica uns 400.000 portugueses. Son cifras que amosan a gravidade do problema económico e social ao que debeu facer fronte o MPLA ao asumir o goberno.
Sobre o papel solidario e revolucionario de Cuba reproduzo as palabras do Presidente de Angola, recollidas en El País co gallo da saída dos militares cubanos en 1991: “Durante moitos anos os internacionalistas cubanos fixeron unha contribución importante á defensa da independencia de Angola e axudaron a este país a resolver seus problemas administrativos, sanitarios, educacionais e de construción, amais de apoiar a súa defensa”, dixo Dos Santos. Afirmou ademais que o líder cubano Fidel Castro mostrara “unha solidariedade exemplar”. Os esforzos cubanos quedarían rexistrados “na historia e ficaran na memoria de todos os angolanos honestos”. A actitude solidaria continuou despois da evacuación das tropas. Na actualidade viven en Angola 4.196 cubanos/as, dos que uns 842 realizan tarefas na sanidade e 588 no ensino. E, cousas da vida, este país tamén se converteu nun receptor de emigrantes portugueses, uns 100.000. Na solidariedade de Cuba hai outra cara. Esa que se reflicte nunha nova do mes de agosto, cando os medios de comunicación facían referencia a que se graduaron na illa 189 estudantes angolanos, en medicina, enxeñería e pedagoxía.
Como derradeiro comentario, unha historia de vida que relaciona Galiza, Cuba e Angola, de interese para valorar en toda a súa amplitude o papel da emigración galega. Refírome aos irmáns Díaz, nados en Pobra do Brollón e que marcharon a Cuba en 1951, e anos despois sumáronse á guerrilla contra Batista na Serra Maestra. Nos primeiros combates morreu Xosé Díaz, o máis novo. Tanto Manuel como Faustino incorporáronse despois da Revolución ao exército e ao Partido Comunista. O primeiro formaría parte do seu Comité Central durante 21 anos. Manuel Díaz será enviado no ano 1982 a Angola. Anos despois lembraba así aquela xeira: “Ao chegar nomeáronme Xefe da Rexión Militar en Moxico cuxa capital é Luena. Nun momento da guerra cheguei a dirixir 12 brigadas. Nos dous anos que estiven participei en máis de 100 combates contra o inimigo, todos vitoriosos para a causa de Angola. A maioría eran pequenos combates que duraban pouco tempo, aínda que nunha oportunidade estivemos a punto de caer nunha emboscada. Grazas ao valor e á preparación da nosa tropa puidemos aniquilar aos agresores” (Cuba los gallegos y el Che; Lois Pérez Leira; Galicia en el Mundo, Vigo, 2007). Manuel e Faustino estiveron varias veces na Galiza na década dos 90 e seguían mantendo en Cuba relación coa colectividade galega, como directivos da Artística Galega na cidade da Habana.

http://manuelmera.blogaliza.org/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *