CUBA INDICA A FEIJOO QUE AS MUDANZAS FARANSE DENTRO DO SOCIALISMO

Sermos Galiza – Redacion de TSA.

“Raúl Castro deixoulle claro ao presidente da Xunta que ningunha mudanza se desenvolverá en Cuba fóra do socialismo”. O xornal Sermos Galiza resume hoxe neste titular a resposta do Goberno de Cuba á recomendación de Núñez Feijoo de seguiren o exemplo da Reforma Política española. Raúl celebrou unha reunión de cortesía con Feijoo, á marxe do programa acordado para a visita á Habana do presidente de Galiza, e a seguir departiu no seu despacho cunha delegación do Partido Comunista de España e Izquierda Unida, invitada polo Partido Comunista de Cuba. “O encontro -conta a xornal Juventud Rebelde na portada- propiciou un amplo intercambio sobre diversos asuntos de interese nacional e internacional, na coincidencia de continuar afortalando as relacións de amizade e cooperación existentes entre o Partido Comunista de Cuba, o PCE e IU”.

Sermos Galiza lembra nunha crónica asinada por M.L., as críticas de Feijoo a Touriño cando o socialista visitara Cuba como presidente da Xunta e relata que o actual presidente, na súa primeira viaxe a Cuba, “mostrou a súa vontade de establecer novos lazos comerciais coa illa, en especial convidando a empresarios galegos a investiren en Cuba.

Raúl Castro na breve audiencia concedida ao presidente da XuntaNese sentido, Feijóo aplaudiu en diversas ocasións os “cambios” desenvolvidos no goberno de Castro e puxo a transición española como modelo para o goberno cubano. Como resposta, Feijóo trae de volta a constancia de que calquera mudanza que se desenvolva na illa será dentro da economía socialista. Malia encontros e promesas, as declaracións de Feijóo de intensificar a colaboración mutua e unha máis sólida relación económica, non conlevou ningún tipo de compromiso concreto”. O autor da crónica sinala que “Feijóo tentou afortalar na viaxe a súa posición de home de Estado, minguada despois das fotos no iate de Dorado”.

A obriga de coerencia nas relacións internacionais, non deixa nunha posición doada a Feijoo depois de o seu partido e él mesmo como presidente da Xunta defenderen as sancións da UE contra Cuba. O comentario de Feijóo na Habana “a nosotros no nos ha ido mal”, convocou decontado o espectro do paro, a ofensiva contra os dereitos sociais e as garantias democráticas e a razonabel desconfianza na UE expresada por Ucraina.

Doutra parte, o compromiso expresado por Núñez Feijoo cos galegos residentes en Cuba e cos fillos e netos destes, provistos de dobre nacionalidade, definido coma un “compromiso de sangue”, foi recibido polos novos emigrantes que diariamente escapan da economia galega en ruinas, coa irónica esperanza de participaren do mesmo fervor institucional. Unha representante das emigrantes retornadas, que teñen demandado repetida e inútilmente a protección da Xunta fronte a arbitraria decisión da Facenda de lles gravar e sancionar o cobro de xubilacións por anos de traballo no exilio, reclamou a Feijoo “un compromiso semellante ao que promete aos galegos en Cuba”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *