Cuba marca os pasos para relacionarse cos EUA

Ventil Carvalho -Terra Sen Amos
A carta de Raul Castro, publicada 1 de xullo, establece con toda claridade as condicións de Cuba para iniciar a normalización cos EUA asi como o contido imprescindíbel das futuras relacións bilaterais. O levantamento do Bloqueo é asunto prévio ao que deberán seguir a solución de asuntos derivados de políticas do pasado: a restitución do territorio ilegalmente ocupado pola Base Naval en Guantánamo, o cese das transmisións radiais e televisivas sobre Cuba, que violan normas internacionais para a soberanía, a eliminación dos programas dirixidos a promover a subversión e a desestabilización internas. A carta precisa asemade que o povo de Cuba deberá ser compensado polos danos humanos e económicos provocados por las políticas dos Estados Unidos. Sobre un horizonte tan limpamente trazado, maniféstase a oposición previsíbel dos Congresistas de Miami e fundadas acusacións de incoeréncia contra Washington.

O fin do Bloqueo é un dos pasos para iniciar relacións cos EUA
O fin do Bloqueo é un dos pasos para iniciar relacións cos EUA

Non poden repintarse nun verbo 54 anos de Bloqueo. Iroel Sánchez denuncia mencións recentes de Obama que ao seu xuizo forman parte da prometida reofensiva de EUA para acabar coa Revolución: as viaxes e investimentos de norteamericanos, o incremento dos contactos co povo cubano,  o equipo diplomático recrecido que atinxirá todos os recantos da illa, a prometida defensa activa da liberdade de prensa e reunión a promesa “de criticar os actos que contradigan eses valores”. O ben informado xornalista cita o traballo de Tracey Eaton publicado na páxina “La pupila insomne”, sobre o incremento de fondos para os “programas de promoción de la democracia”. A última avaliación dos dereitos humanos en Cuba, en 25 de xuño pasado define ao país como estado autoritario no que a cidadanía carece da capacidade de cambiar o governo. “Washington semella esperar que o povo de Cuba lle faga o traballo que milleiros de millóns de dólares estadounidenses investidos en propaganda, inxerencia, subversión e terrorismo non deron feito”, comenta Iroel.
Entre os congresistas amigos de Posada Carriles, Ileana Ros-Lehtinen acusa a Obama de “estar comprando un legado”; Carlos Curbelo di que a iniciativa da presidencia demócrata “non vai adiantar os noso intereses nacionais e confire irresponsábel lexitimidade a unha dictadura militar absolutamente ilexítima” e para Marco Rubio trátase de “concesións unilaterais para un réxime noxento”.
No entanto, a páxina iraniana Alwaght publica un comentario sen asinar titulado “Embaixadas sí, mais nin falar de Guantánamo”. Parécelle que achegarse a Cuba, modelo da independencia e xustiza para Latinoamérica, está en contradicción coa política de Obama sobre otros países do continente coma a democrática Venezuela, cuxa oposición delincuente ten o voto e o diñeiro da administración norteamericana. Para o portal iraniano, trala resolución do diferendo con Cuba, o Partido Democrata procura mellorar a súa posición para as presidenciais de  2016. Recuperar o prestixio estragado de EEUU en Latinoamérica a medio de Cuba, emblema dos países críticos a Washington, e multiplicar contactos coa oposición para acelerar un levantamento contra a Revolución seria o alvo da renovada relación.
Tucídides chama “tregua insegura” e “tregua baixo sospeita” as reticéncias de Esparta e Atenas fronte a Paz de Nicia,  logo de 23 anos de guerra. O armistício pasara polas fases clásicas de entrega de prisioneiros e reintegro de terras, mais foi derradeiramente comprometido polas presións dos aliados. Nada a ver co caso de Cuba, bloqueada e asexada durante medio século contra toda Lei e humanidade. A razón de Cuba conquista o final do Bloqueo. Eis a explicación da claridade coa que estipula as súas condicións fronte ao Imperio. No entanto, un vendaval de avisos e sospeitas cruza a Rede.

http://www.alwaght.com/es/News/13093/Embajadas-s%C3%AD-pero-ni-hablar-de-Guant%C3%A1namo
https://lapupilainsomne.wordpress.com/2015/07/02/cuba-y-ee-uu-entre-el-que-y-el-como/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará