Cuba premia a Neira Vilas coa Medalla Alejo Carpentier

O Cónsul de Cuba en Compostela, Alejandro Fuentes Hernandez, recoñeceu o labor de Xosé Neira Vilas a prol das culturas nacionais de Cuba e Galiza coa Medalla Alejo Carpentier outorgada polo Consello de Estado da República de Cuba. O escritor galego, traballador en Cuba dende 1960 até a súa xubilación, asegurou que recibía a máis alta distinción do Estado Socialista Cubano, en nome dos obreiros galegos emigrantes, dos transterrados que loitaran na Guerra da Independencia de Cuba e da súa lembrada compañeira, a escritora galego-cubana Anisia Miranda.

“Neira é unha personaxe de Alejo Carpentier”, dixo Ana Chouciño, diretora da Cátedra de Cultura Cubana da Universidade “Alejo Carpentier” antes de ilustrar a biografía do neno labrego de Gres, emigrante á Quinta Provincia, fins dos 40, o Bos Aires de Luis Seoane, Castelao, Lorenzo Varela, Eduardo Blanco-Amor, Rafael Dieste e Arturo Cuadrado e despois voluntario do nacente Estado Socialista cubano. Formado como xornalista na Arxentina, intégrase na Habana da Revolución no Instituto de Literatura y Linguística onde nacerá, baixo a súa direción, o mellor arquivo da emigración galega na Nosa América e relacionase con Ernesto Guevara e Alejo Carpentier.

Cuba premia a Neira Vilas coa Medalla Alejo CarpentierRetirado en Gres a comezos dos 90, intervén na fundación da Cátedra de Cultura Cubana da Universidade de Santiago que agora súmase á homenaxe de Neira no 50 aniversario da publicación de “Memorias dun neno labrego”.

O Cónsul Fuentes lembróu que Neira era doutor honoris causa pola Universidade da Habana, pola súa valiosa aportación a instancias da cultura de Cuba coa colaboración invaluabel de Anisia Miranda. O homenaxeado mal puido conter a emoción ao lembrar a vital aportación de Anisia Miranda, falecida hai un ano, ao traballo en común nos anos que viviran en Arxentina e Cuba e a seguir adicou un recordo agradecido ao país que non era, dixo, a súa “segunda patria” senón “a patria paralela”. Neste sentido fixo memoria do primeiro plano escolar galego iniciado polos emigrantes en Cuba en 1904 e da prensa galega da illa “que supera -dixo- en cantidade e importancia a que existiu en todo outro lugar e época”. De Cuba viron tamén para Galiza o himno, a bandeira, a academia da língua e a colaboración de crase que promoveu as sociedades agrarias e a importante prensa agrarista ao tempo que moitos galegos se sumaban a guerra da independenza de Cuba.

A homenaxe a Neira Vilas celebrouse no Paraninfo da Faculdade de Xeografía e Historia e dirixiu o acto o reitor Casares Long. Profesores da USC, funcionarios do Consulado de Cuba, directivos da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” e unha importante representación das terras de Deza, na compaña do alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero, adicaron un longo aplauso a Neira ao cabo do seu parlamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *