Cuba rectifica a García Margallo e recórdalle que España non foi invitada

Ninguén invitou ao ministro de Exteriores do Goberno de Mariano Rajoy a visitar Cuba. O preceito para visitas de Estado é declarar antes o obxecto da viaxe e agardar resposta do país ao que se se pretende viaxar. O ministro García Margallo invertiu os termos, e proclamou condicións para se presentar en Cuba.

Decontado, o viceministro de Relaciones Exteriores de Cuba, Dagoberto Rodríguez, recordou que García Margallo non recebeu ningunha clase de invitación para visitar Cuba.”Sería de interese para a opinión pública, saber se García Margallo recebeu algunha invitación verbal ou oficial para visitar Cuba, ou se coida que non precisa invitación”, declarou na Habana Dagoberto Rodríguez, quen indica a seguir: “A Cuba non o invitou ninguén”.

Cuba rectifica a García Margallo e recórdalle que España non foi invitadaO vice-ministro lembra ao responsábel das relacións internacionais no gabinete do PP que Cuba xa non é colonia de España nin de ningún outro país e recoméndalle que atenda máis ben “a fonda crise social que vive España e o enorme desacougo dunha sociedade que ten un 40% da mocidade no paro”.

O Ministro acaba de derramar o máis preciado obxectivo do Goberno de Mariano Rajoy para a súa actuación no exterior: o propósito de xuntar en Cádiz vindeiro novembro, a toda a Nosa América. Un Estado a un paso da creba, reinstala o vello decorado colonial para probar poder de convocatoria. Mais para exercer o paternalismo neo-imperial no límite do oportunismo cambiario e da explotación de recursos, élle preciso ao organizador ocultar a súa hecatombe colonial, a mesma que Castelao definira lucidamente “imperialismo fracasado”.

Parece unha contradición: a metrópole bicentenaria ten o propósito de invitar ás colonias emancipadas como proba de irmandade, mais, nos prolegómenos do convite, dicta normas de goberno a Cuba, a mesma Cuba que se safara coas armas na man do dominio español e que agora resiste a vocación colonial norteamericana. O Goberno de Rajoy esquece que Cuba é soberana, que o prestixio de Cuba en toda a Nosa América derrota hoxe por aclamación a Posición Común da UE, subsidiaria do bloqueo norteamericano. Os que queren ignorar esta realidade, farían mellor aforrando as caras invitacións para os fastos de Cádiz. Os tempos cambiaron: se Cuba non invita a España, serán moitos o Estados de América que non se sentan en disposición de ser invitados por España.

De esquerda a dereita, García Margallo e o viceministro de Relaciones Exteriores de Cuba, Dagoberto Rodríguez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *