“Cuba seguirá resistindo o bloqueo xenocida”(Miriam Almanza, combatente ás ordes do Che)

Francisco J. Jiménez, entrevista en La Opinión de A Coruña,  a Mirian Almanza, revolucionaria cubana que depois de ter combatido a beira do Che, manifesta que a pegada do guerrilleiro non poderá ser ignorada, nin as súas ideas deturpadas. Nacida en Santa Clara en 1940. Almanza asegura que todo o que a humanidade faga en homenaxe ao Che é pouco “porque estamos a falar dun home irrepetibel que marcou o devir histórico en materia de xustiza social, e a dignidade das persoas”. No seu ver, a figura do Che transcendeu fronteiras xeográficas e temporais co seu exemplo revelador da necesidade de transformación social . A entrevista coa guerrilleira cubana, enmárcanse na lembranza internacional do Che  ao se cumpriren 50 anos do seu asesinato pola CIA en Bolivia.

Miriam Almanza Rodriguez

Guevara foi tan consciente das realidades do mundo e tan heroico na loita contra as inxustizas que foi obxecto sistemático de campañas de defenestración e difamación, sinala a entrevistada, mais os alicerces da súa obra, os seus valores e o seu espírito son inquebrantabeis. “Contra os ataques infames ao seu legado o que procede é abordar a figura do Che dende o coñecemento, a súa escrita, e o o testemuño da xente que o coñeceu en vida”.

O asalto ao cuartel de Moncada, abriu a vida de Miriam cara un cambio profundo da realidade explotadora da ditadura de Batista. “Aínda sen entender plenamente o que significaban, a aparición doChe, Fidel, Raúl cambiou a nosa vida e serviunos guía para saírmos da opresión e realizar a dignidade como pobo. Cinco anos máis tarde do asalto ao cuartel de Moncada, xa co Che en terra cubana, unha noite petaron á porta de casa: “O Che está chegando a Santa Clara, ¡imos!”. A miña irmá e eu esperabamos con ansia ese momento dende había tempo, e mesmo  durmiamos vestidas para pasar á acción. Chegara o dia: fomos ao encontro do Che e vímolo vir pola estrada, cun brazo roto e un apósito na fronte ferida, a beira de Aleida March, estudando o terreo para sabotear o tren blindado que o Goberno mandara a Santa Clara para conter o avanzo cara poente da guerrilla. Era case noite, achegámosnos e pedímoslle unirnos á Revolución. Nunca esquecerei como, pese á tensión do momento, deunos unha palabra amábel e atenta.”

A seguir, Almansa foi testemuña do encarnizado asalto ao tren blindado que decidiu a rendición e fuga do ditador. “Unha batalla heroica,  mentres  os meus cometidos centrábanse en falar cos tendeiros para disuadilos de se aproveitaren. De porparte, convencín un oficial de Batista ao mando dunha brigada antiaérea para se pasar ao bando da Revolución e fixen as veces de observadora de baixas coa encarga de informar aos postos de mando… Naquel momento había moitas cousas que se podían facer para alén de empuñar un arma”.

No triunfo da Revolución, Miriam estudou para mestra. “Cómo se poderia facer a Revolución sen educación? O meu esforzo neses anos foi transmitir valores como o amor á patria, a honradez, a solidariedade, a disciplina, a xustiza… como parte dun proceso educativo que tamén abarca a familia e as institucións”.

Loitando a beira do Che, Miriam Almanza comprendeu o papel necesario dos héroes. “No meu caso foron os que mantiveron viva a chama da Revolución: Fidel Raul, O Che, e todos os que no tempo da loita foron quen de transmitir ao pobo as ideas e as previsións necesarias para avanzarmos”.

O consello da revolucionaria coincide co do Che: “Non confiar nin un tantico así nun imperialista (fai o xesto de coller una migalla entre furabolos e polegar)  e se a presidencia de Donald Trump é algo aberrante, nada asusta ao pobo cubano, que leva medio século soportando un embargo xenocida por parte de Estados Unidos. Acumulamos experiencia e xa somos especialistas: seguiremos resistindo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *