“Cuba sen bloqueo sería ainda máis xenerosa e solidaria: un perigo para o egoismo universal” (Silvio Rodríguez)

Silvio Rodríguez, a imaxe máis cosmopolita e viaxeira da Revolución Cubana e un dos contados rapsodas revolucionarios que ten presenza no vedado da música comercial do Norte rico, aborda no sito La tercera, en conversa con Claudio Vergara, o último intento da CIA por alzar na illa a bandeira de protesta contra o Goberno a conta dos atrancos creados polo bloqueo. A entrevista de Silvio foi reproducida integramente por Cubadebate e dela publicamos a seguir un resumo.

Silvio nun seu concerto en Madrid

O entrevistador aborda o estado de opinión en Cuba despois dun masivo chamado dixital a protestar contra o goberno. “Ao cabo do bloqueo infame que nos ven aplicando o rexime imperial dende hai 62 años –sinala Silvio-  e das 243 medidas de asfixia a maiores, engadidas por Trump; logo da esperanza de Biden levantar cando menos as medidas de Trump, como prometera en campaña, e de esquecer a súa promesa; a maiores de nos teren pendurado o título de “país pendido ao terrorismo”, “imperio do mal”, “patio traseiro”; logo de suspender as remesas e da baixada do turismo (a nosa primeira industria) que, para remate, chegaban depois de 18 meses de pandemia, era lóxico que aparecesen expresións de cansazo… Pregunto como estaría calqueroutro país de Latinoamérica -Chile mesmo, por exemplo-, de ter sido torturado a longo de 62 anos, sen acougo, polo imperio más poderoso da terra. Negándolle crédito, sen poder facer transaccións bancarias,  sen os barcos poder recalar no arquipélago por mor de multas millonarias, como nos fan a nós”.

Precisa Silvio Rodríguez que o bloqueo non é o único causante dos atrancos de Cuba. “Mais se os que nos cercan co bloqueo coidasen que os seus efectos carecen de importancia, xa nolo terían arriado para probar que as protestas de Cuba contra o cerco carecen de fundamento. E logo, por que non levantan o bloqueo? Será que non queren que o mundo vexa o que pode ser Cuba sen bloqueo. Con seguridade saben que seríamos un país aínda máis solidario; un país que repartiría vacinas propias a todos os países que carecen delas, en tantos lugares deixados da man dos gobernos. Cuba sen bloqueo sería un país aínda máis xeneroso e solidario, isto é; un perigo terríbel para o egoísmo universal”.

O entrevistador pregunta se non se trabucou o goberno ao chamar delincuentes, mercenarios e confundidos aos manifestantes. “Pode errar un goberno na cualificación das persoas que participan nunha protesta –sinala Silvio- mais unha cousa é non atinar coas palabras e outra completamente diferente é mandar carros de combate e tropa armada  que dispara contra a moitedume, mata e valeira os ollos dos que protestan na rúa, como teño visto que pasa noutros paises”.

Desafía o xornalista a Silvio Rodríguez co feito de algúns músicos novos teren cambiado o lema Patria o muerte, venceremos por Patria y Vida. O entrevistado ironiza por non teren citado a Silvito el Libre, fillo de Silvio e abertamente crítico co goberno. “Por outra banda –sinala Rodríguez- hai un video dunha intervención de Fidel nunha escola onde pronuncia o lema Patria y Vida, inspirado por unha alumna. Poden consultalo no internet. Alfredo Guevara usara o lema hai anos na clausura dun festival de cine da Habana. Patria y Vida  é un lema fermoso e eu non teño reparo en repetilo malia que primeiro paréceme imprescindíbel berrar Abajo el bloqueo!

Sobre a militancia opositora de moitos artistas mozos, Rodríguez precisa: “É verdade que moitos artistas novos militan na oposición e que son continuamente citados. É certo tamén que non mencionan outros artistas que non militan na contra. É evidente que aproveitan como nunca a todos os que se colocan en contra o goberno. Boa parte da prensa mundial participa desa campaña e todos os días estamos nas portadas. Aprovéitanse da pandemia non para ceder o bloqueo senón para arrecialo. Isto sucede precisamente no relevo da xeración que comezara o proceso revolucionario e ao tempo que varios congresos de Cuba recoñecen erros e anuncian cambios na economía que poden ir mellorando resultados. Sucede ao tempo de ser Cuba o único país do Terceiro Mundo que ten cinco vacinas de éxito contra a Covid-19. Non é casual. Non queren que avancemos. Queren pechar o cerco a golpe de propaganda e de medidas de asfixia. É o castigo contra Cuba por se ter atrevido a ser ela mesma”.

Entrevista completa en español en http://www.cubadebate.cu/especiales/2021/11/29/silvio-rodriguez-era-bastante-logico-que-en-cuba-aparecieran-expresiones-de-agotamiento/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará