Cuba, Trump e o diálogo de Corea

Atilio A. Boron

Regresando dunha viaxe a Cuba, comparto un feixe de reflexións sobre o momento actual da illa. O endurecimiento do bloqueo ordenado por Donald Trump, engrella a situación económica da illa rebelde e deita pedras no camiño da reforma porén non contramiñe a moral dos cubanos que levan sesenta anos aprendendo a convivir con tanta ruindade que, como o mal tempo, vén do Norte. Con Trump xa son doce os inquilinos da Casa Branca que quixeron derribar á Revolución Cubana, ou producir o tan degorado cambio de réxime. Os once denanteriores morderon o pó da derrota, e ao magnate de Nova York espéralle máis do mesmo.

Trump asusta aos viaxeiros interesados en visitar Cuba, que poden atoparse na situación do turista da caricatura ao descobrer que está onde o presidente di que non se pode estar.

No primeiro, ordenou o retiro de numerosos diplomáticos da reaberta embaixada dos EUA na Habana (a maioría, do servizo secreto ou axentes preparados para infiltrarse con achegas e agasallos entre o pobo) A seguir impuxo novos atrancos ao comercio exterior da illa, aos investimentos e ao turismo de EUA para Cuba, con consellos disuasorios para os viaxeiros a Cuba.

O novo presidente, Miguel Díaz Canel, deberá transitar por un carreiro sementado de dificultades: dende a ilegal extraterritorialidade das leis dos EUA que, coa aquiescencia de gobernos serviles (empezando polos europeos e seguindo polos latinoamericanos) impón sancións a bancos e empresas de terceiros países que comercien con Cuba, até os vetos á importación de produtos que conteñan máis dun dez por cento de compoñentes dos EUA ou de patentes radicadas nese país, pasando pola prohibición de entrar a portos de Estados Unidos a buques de carga que nos seis meses denanteriores recalasen nalgún porto cubano. O repertorio da chantaxe mafiosa ao que someten á illa rebelde é tan extenso como enfermiza a súa vella obsesión por apoderarse dela, que comeza co famoso arruallo de John Adams en 1783 para acelerar a anexión de Cuba ás Trece Colonias. Endebén, a patria de Martí e Fidel deu mostras abondas de afouteza e capacidade na defensa da súa revolución,  para no medio da agresión e da inxerencia, garantir saúde, educación e seguridade social e cidadá para o pobo, como ningún outro país da rexión.

Aventan tempos duros para Cuba, mais non ven cousa que antes non viran: o actual fato de ultra-dereitistas no goberno dos EUA non é diferente do que había en tempos de Ronald Reagan. A novidade é que agora a CIA adquiriu unha moi visibel pre-eminencia no entorno presidencial. Langráns coma Michael Pompeo (ex Director da CIA) agora é Ministro de Estado; John Bolton, o milhomes, dirixe o Consello de Seguridade Nacional; un cafualla  (por boas razóns) Juan Cruz, foi designado por Bolton, Director de Asuntos do Hemisferio Occidental no Consello de Seguridade Nacional. Cruz foi un home de acción na Axencia, non un simple analista senón un axente do mal. Segundo o vicepresidente de Colombia, o Xeneral Oscar Naranjo, Cruz participara en varias das operacións secretas máis produtivas, incluíndo golpes militares contra os principais líderes das FARC, Raúl Reis e o Mono Jojoy, e a importante liberación en 2008 dun grupo de reféns das FARC, entre eles tres contratistas do goberno estadounidense e Ingrid Betancourt. Ou sexa, un home de armas levar (e disparar). A cadea Univisión, comentou que non puido atopar unha fotografía de Cruz nin rastro de referencia a el en Internet, unha mostra do seu traballo.

O Cruz levará conta de todos nós, os do Hemisferio Occidental. A estas tenras figuras hai que engadir os nomes de John Kelly, ex xeral dos Marines e a do ex Xefe do Comando Sul é Xefe de Gabinete de Trump; de Liliana Ayalde, número dous do Comando Sul  e por acaso ex embaixadora en Paraguay e Brasil en tempos dos golpes brandos contra Lugo e Dilma; e o da actual xefa da CIA, Gina Haspel, unha muller de rostro encantador con máis de trinta anos de carreira na axencia e o mérito de dirixir unha prisión clandestina en Tailandia no 2002, onde sospeitosos de terrorismo foron obxecto de torturas pola técnica do submariño,  baixo a súa directa supervisión e, polo menos nun caso, da súa propia man.

Non é a primeira vez que Cuba ten que aturar malandros desta caste. A novidade é que agora están na superficie; antes, en cambio, movíanse na sombra, mais dunha forma ou outra sempre estiveron alí, no que se chama en Washington o estado profundo, elixido por ninguén e que ante ninguén dá conta dos seus actos. Sen dúbidas que o goberno e o pobo cubanos saberán enfrontar esta nova ofensiva. E que os ultras de Washington tamén non poderán colocar en posición de tiro todas as súas baterías contra Cuba, e Venezuela, porque toda a súa atención está concentrada na histórica reunión dos dous xefes de estado de Corea do Norte e Corea do Sul, que provocou un terremoto de vastas proporcións no taboleiro da xeopolítica mundial.

A guerra comercial declarada contra China require máis que nunca manter, en Corea do Sul e a tiro de canón do litoral marítimo chinés, un colosal aparello militar de 35.000 homes equipados á última. Se o diálogo entre as dúas Coreas prospera, a Washington seralle moi difícil continuar coas súas tropas e armamentos no Sul. E o obxectivo militar máis importante non é Corea do Norte senón China.

Podería parecer esaxerado pero o acordo sorpresa entre as dúas Coreas é unha dá as maiores humillacións diplomáticas sufridas pola Casa Branca en moito tempo, e dunha transcendencia que nos atreveriamos a dicir superior á que no seu momento tivo a derrota do ALCA en Mar do Prata no 2005. E unha inesperada dor de cabeza para a Casa Branca que estará moi atafegada (e sen tanto tempo nin xente para axexar Cuba) para evitar que a situación no Sueste asiático se lle vaia das mans.

Versión orixinal en Español en

http://www.atilioboron.com.ar/2018/

Traducido pola Redacción de Terra Sen Amos

 

 

http://www.atilioboron.com.ar/2018/

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará