Cuba: un triunfo colosal

Iroel Sánchez-Cubahora.    
Se entre dous gobernos, un teima cincuenta e cinco anos na súa disposición a soster un diálogo respectuoso, baseado na igualdade e o respecto á soberanía, e o outro encírrase en ignorar o reclamo, emprega o terrorismo, o cerco económico e estraga miles de millóns de dólares en fabricar unha oposición aliada dos seus intereses para derrubar o goberno, e ao cabo propón o diálogo, e un bo día ambos gobernos acordan un intercambio de prisioneiros (ao que o bloqueador dicía até onte opoñerse) de quen é a vitoria?

Os Cinco, en casa con Raúl. Un triunfo da dignida e a resistencia de Cuba e unha festa para o país.
Os Cinco, en casa con Raúl: un triunfo da dignidade e a resistencia de Cuba e unha festa para o todo país.

Se o goberno agredido, sen renunciar a un só dos seus principios, logra ser tratado nunha mesa negociadora como un igual polo agresor e este último recoñece que a súa política é un fracaso, que está illado e que debe cambiar, quen venceu?

Se o país que teima máis de cinco décadas en derrocar ao goberno agredido, supérao trinta veces en poboación, é a principal potencia económica, tecnolóxica, mediática e militar do planeta, resolve  recoñecer ao goberno e ao pobo da nación pequena e pobre que non puido ser dobregada, terá esta nación dereito a reloucar de alegría?

Malia que os grandes medios de comunicación internacionais non fixesen estas preguntas, en Cuba sentímonos con dereito a festa. En todo o país a alegría foi inmensa polo regreso de quen a absoluta maioría dos cubanos consideramos heroes e unha maquinaria xurídico-mediática condenou a cadea interminabelmente por previr as actividades terroristas que até fai moi pouco organizáronse contra o noso país desde Estados Unidos.

Na rúa, as expresións de alegría polo regreso de quen estaban prisioneiros en EUA, foron absolutamente espontáneas e moi emotivas; con todo, non se viron escenas semellantes nas cidades estadounidenses pola chegada a ese territorio dos dous axentes do goberno norteamericano que Cuba liberou. As máis recentes manifestacións de que temos noticias alí foron brutalmente reprimidas e saldadas con centos de detidos por denunciar a actuación racista e impune da policía contra cidadáns negros inocentes asasinados por axentes da orde.

O presidente negro, levado á máxima magistratura polo trauma racial que destapó o furacán Katrina, nada puido facer agás laiarse pero decidiu ser presidente, logo da derrota electoral nas eleccións de medio término, e tomou accións executivas para impulsar a reforma migratoria e o cambio de política cara a Cuba.

Nunha proba da súa querencia polo pobo cubano, os congresistas cubanoamericanos que teñen a súa base en Miami ou New Jersey expresaron a súa frustración e unha das persoas que Washington fabricou dentro da Illa na súa guerra mediática contra Cuba escribiu “o castrismo gañou”. Lamentablemente, os portadores de opinións como esa son a sociedade civil que o presidente Barack Obama dixo “continuaremos apoiando” en Cuba, segundo declaracións que -mália recoñecer o fracaso do bloqueo- non deixaron de ser inxerencistas. Nunha xoia do seu discurso, o líder do país onde o 89% dos traballadores non está sindicado, chamou aos cubanos a sindicarse.

Por outra banda, o requerimento do presidente cubano Raúl Castro a EUA. para facilitar as telecomunicacións, o correo postal e as viaxes entre ambos países, proba canto temor ten o goberno da Habana á libre circulación de información e persoas a traveso do estreito da Florida.

Informando do cambio de política cara a Cuba, o presidente de EUA aceptou a presenza do goberno cubano no próximo Cume das Américas a celebrar en abril de 2015 en Panamá, un espazo do que Washington excluíu á Illa históricamente pero que noutra das súas derrotas viuse obrigado a asumir. Barack Obama dixo sobre a postura de EE.UU. no evento: “insistiremos na unión da sociedade civil  para os cidadáns, e non só os líderes, seren os que conformen o  futuro”. Secomasí, esperamos que os manifestantes antirracistas, vítimas dos disparos con pelotas de goma e os paus da policía en varias cidades estadounidenses, ou os avogados dos prisioneiros torturados pola CIA na base que EE.UU. mantén na bahía cubana de Guantánamo, asistan a Panamá.

Na súa alocución, Obama cualificou a Miami como ” capital de América Latina”, expresión que se cadra non vai por moi leda á maioría dos líderes latinoamericanos que acudirán a Panamá. Pero é comprensibel un pouco de solidariedade coa minoría recalcitrante que desde esa cidade do Sur de Estados Unidos fixo da Revolución cubana unha obsesión nefanda, e da loita contra ela un bon negocio financiado polos impostos dos cidadáns estadounidenses. Algúns en Miami deben estar vivindo un trauma moi profundo.

As construcións antigas teñen nos seus arcos unha pedra ou ladrillo chamado chave, que se for retirada, faría cair toda a construción. Coido que somos moitos os que percibimos que a alguén lle están a cair os ladrillos do bloqueo na cabeza, neste 17 de decembro de 2014.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *