Cuba, Venezuela ou Nicaragua bloqueados combaten a pandemia con máis eficiencia ca os bloqueadores

Jornada –Terra Sen Amos

Nun artigo sobre as implicacións políticas da pandemia, Ignacio Ramonet compara os apuros dos EUA e os seus aliados, co rigor e excelentes resultados dos paises con planificación central e recursos públicos,  nos que salienta Venezuela e Cuba, sitiados e sancionados mais mellor defendidos ca o mesmo imperialismo que os bloquea. No extenso traballo titulado “La Pandemia y el Sistema Mundo”, o xornalista e experto nos media, repara na eficiencia da medicina pública cubana e das brigadas, primeiras en asistiren en todo o planeta con técnicas e medios eficaces, unha exemplar solidariedade despregada mália o bloqueo criminal dos EUA que xa dura 60 anos. Como declarou estes dias Noam Chomsky, Cuba está a dar o único exemplo verdadeiro de internacionalismo no mundo.  

No medio da pandemia, o mundo clama polo cese do bloqueo a Cuba.

“Cuba –di o autor de Conversas con Fidel – é digna de admiración: sitiada e bloqueada sesenta anos por EUA, con brutais medidas coercitivas unilaterais, foi a primeira en acudir en axuda de China cando estalou a pandemia, e as brigadas médicas de Cuba, herois do noso tempo, arriscan a súa propia vida para atallar o Coronavirus en 23 países, atendendo requerimentos gubernamentais”. Cita a tres da Europa rica: “Italia, Francia e Andorra, beneficiados polo  Continxente Internacional de Médicos Especializados en Situacións de Desastres e Graves Epidemias Henry Reeve”.

E no caso de Venezuela asediada por EUA, o xornalista di que mesmo que os media dominantes non queran admitilo, o presidente Nicolás Maduro foi o líder latinoamericano que antes entendeu cómo actuar drásticamente fronte o andacio e por mor da batería de medidas (confinamiento, peche de fronteiras, consultas casa por casa, hospitalización dos positivos) decididas polo seu Goberno e malia o ilegal bloqueo económico, financeiro e comercial imposto por EUA e as ameazas bélicas, Venezuela deu evitado errores coma os cometidos en Italia, España ou Estados Unidos e  salvar centos de vidas. O método Venezuela resultou ser un dos máis eficaces del mundo.

O abraio do mundo é grande cando descobre que Cuba é unha superpotencia médica, con máis de 30 mil médicos e enfermeiros despregados en 66 nacións, malia que os principais medios dominantes internacionais trataron de silencialo até agora. “Todo isto obedece a unha consigna humanista e visionaria de Fidel Castro –engade RAmonet-  formulada con estas palabras: un día dixen que nós non podiamos nin realizariamos nunca ataques preventivos e sorpresivos contra ningún escuro recanto do mundo; pero que, no canto, o noso país era quen de enviar os médicos que se necesiten aos máis escuros recantos do mundo. Médicos e non bombas;médicos e non armas intelixentes”.

“A Habana –engade o ex­­-director do mensal “Le Monde Diplomatique”- tamén aporta seu medicamento antiviral Interferón Alfa-2B Recombinante, probado por científicos cubanos nos laboratorios de biotecnoloxía do Estado, cuxo uso é eficaz contra as complicacións críticas en pacientes infectados polo novo coronavirus”. Ramonet denuncia que os grandes medios, <malia realizaren unha  cobertura universal e acuciosa da pandemia, silencian a solidariedade médica de Cuba. “Durante meses,  os principais media, mallaron en nós cun único tema : o Coronavirus. Sobreinformación a millentos vóltios. Nunca viramos fenómeno coral semellante, hipermediático, de envergadura global! Nin coa caida do Muro de Berlín, nin cos atentados contra as torres xémeas de Nova York”.

O xornalista galego nota que recursos convencionais coma o xabrón, as máscaras de pano, manter unha prudente distancia física e medios públicos de información, foron decisivos para parar o avance da pandemia. De feito, na pobreza de Kerala, na India, administrada por socialistas, coma no Vietnam, Nicaragua, ou nos casos de Venezuela ou Cuba nos que repara con detalle, os programas integrais de asistencia primaria e as campañas de prevención deron resultados superiores ao seguimento dixital ou as cuarentenas militarmente vixiadas. A paradoxa é notábel, pois a información privada e a propaganda política do imperialismo adoitan repetir que no socialismo non é posibel a eficiencia nin a información. A información non privatizada deu lugar a unha mellor formación das poboacións en risco e a medicina pública superou aos sistemas de saúde entregados a intereses privados depois de ter liquidado ou deixado sen recursos clínicas, hospitais e gabinetes de crise sanitaria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará