De Martí a Neira Vilas: memorias das dúas beiras

Xurxo Martínez González – Faro de Vigo, no suplemento Faro da Cultura

O amigo Luis Rei, morto en hora nunca acabada de maldicer, falaba de dous Cabanillas: un era a imaxe máis coñecida do poeta, con boina do país e o rostro marcado como regos da terra; mais esta era a excepción, porque a imaxe real máis habitual era a do Cabanillas con borsalino ou trilby, chapeu de Sir. A anécdota veu a min cando pensei no Xosé Neira Vilas. Van tres outonos desque marchou de entre nós. Moitos lembrarán un patrucio sostido sobre caxato, con lentes que facian dos seus ollos, rostros dos óleos de Díaz Pardo (amigo sempre) e un sorriso xuvenil. Velaí, entón, a face máis divulgada que coincide coa percepción do escritor pai do Balbino, o autor de relatos de vida agraria e saudades da emigración. Esta é a obra máis propagada nas escolas. Estes libros son os máis frecuentes nas bibliotecas.

Neira e Anisia na capa do libro derradeiro do de Gres.

Pola contra, teño outra percepción del que coincide cunha imaxe de mocidade. Se pecho os ollos, aparece un rapaz que sostén os papeis nunha man mentres a outra esténdese ao horizonte, cos dedos como raiolas  peninsulares, tendo no medio o micro clásico de corte elegante e volume denso. En pé, dirixe verbas patrióticas a exiliados que celebran o Congreso da Emigración de 1956. A arela non acadada en vida por Castelao.

Neira era membro das Mocidades Galeguistas. Eles estudaban, capítulo a capítulo, o Sempre en Galiza ou boicotaban os espectáculos de aldraxe á muller galega. Fundou, con Anisia Miranda, a distribuidora de libro galego Follas Novas. Era pois un activista da nosa terra. Mais tamén fillo de labregos sabedores da miseria. Conxugaba o verbo galego coa conciencia social, sentía o país nas arterias como as inxustizas contra o xénero humano.

En 1961 marcha a Cuba para contribuir á Revolución de Fidel, a quen lle dedicara poemas en Arxentina. Contábao de vello polas escolas, que el fora axudar unha causa necesária. Durante trinta anos, traballou para institucións do Estado Cubano (incluso sob as ordes do Che Guevara) e creou o maior fondo galego de América. A inxente obra ensaística sobre a emigración en Cuba, certifica un titánico esforzo a prol do pais. A memoria dos vellos, a clasificación dos fondos do Centro Galego da Habana, a recuperación de revistas e xornais do XIX… Todo para poñelo  ao servizo do público. Ademais, Neira enviaba, de maneira clandestina, libros marxistas. Uns chegaban de polisóns nos barcos, e outros pola valixa do consulado de Cuba en Vigo. Libros de formación parra militantes antifeixistas.

José Martí, apóstolo da liberdade, foi home influinte en Neira. A leitura dos seus escritos para América ou dos artigos arredor da emancipación de Cuba, foron vitaminas para o corpo. Martí, que lera a Rosalía, dedicóu horas a escribir para as crianzas. O maior legado foi A Idade de Ouro, primeiro revista e logo libro que Neira Vilas traducira ao galego. Publicouse na Editorial José Martí de linguas estranxeiras na Habana, onde o noso idioma ten lugar propio grazas ao de Gres.

Neira dirixiu Zunzún ( nome do colibrí cubano, paxariño miudo e rebuldeiro) revista infantil de enorme popularidade a finais dos 80. Nesas páxinas están as biografías adaptadas para crianzas de Fidel, Che e Martí. Porque Neira e Martí compartían a mesma inquedanza de ilustrar e formar dende idades temperás.

Nun libro de homenaxe a Martí (editado pola Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil) Neira retorna unha fermosa frase do libertador sermos cultos para sermos ceibes. O pensamento común que precisamos exercer: educación e cultura fronte ao feixismo e a mentira. Esta é a imaxe que gardo de Neira Vilas. Lembro arestora un dia que conversamos arredor de Luis Soto (bolxevique ourensán) cando a homenaxe a Fernando Pereira, en Arcade.

Lamentábel estado de coservación da estatua de Martí en Vigo, a que se refire o autor do artigo.

Non remato sen mencionar o triste estado en que se atopa a estatua de Martí nas Avenidas de Vigo. A pedra comida pola terra. O monumento donado polo Estado Cubano ao Concello de Vigo, está agora abandonado e deslucido. A escultura, obra de René Negrín, chama por un coidado urxente. Vigo debe preocuparse por manter brillante o recordo de figuras universais. Neira Vilas fíxonolo saber en moitas ocasións.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *