Declaración do “XVI Encontro Estatal de Solidariedade” a prol da Revolución, contra o bloqueo e a manipulación informativa e en defensa e promoción do MESC

TSA Redación

O Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC) a través das delegacións participantes no Porto de Sagunto (Valencia) do 14 ao 16 de outubro de 2022 no XVI Encontro Estatal de Solidariedade con Cuba, centrado na loita contra o bloqueo dos EUA, na importancia do papel das ideas na actual guerra fría cultural que vive o mundo, nas estratexias para defender a verdade e loitar contra a manipulación informativa sobre Cuba nos medios de comunicación e nas redes sociais, e no fortalecemento e progreso da unidade de acción do Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC), declaramos:

A intervención da científica cubana Belinda Sanchez, do Centro de Inmunología Molecular (CIM), sobre atrancos, dificultades e éxitos na loita contra o tempo pola producción de vacinas, foi a que recibira o máis prolongado e emocionado recoñecemento do pleno do XVI Encontro de Solidariedade celebrado en Sagunto.

1.- Comprometémonos a seguir defendendo e apoiando resoltamente a  Revolución cubana.

2. Denunciamos o bloqueo económico, financeiro e comercial dos EUA contra Cuba, que, malia ser rexeitado de maneira case unánime pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 29 ocasións de maneira consecutiva, segue en pé, freando o desenvolvemento económico e social de Cuba e xerando carencias e sufrimentos ao seu pobo. Seguiremos loitando contra o bloqueo.

3.- Esiximos á Unión Europea non ser cómplice nin ceder ás presións dos EUA, e por tanto que sexa consecuente coa súa denuncia contra o bloqueo e manteña o actual Acordo de Diálogo Político e Cooperación UE-Cuba (PDCA).

4.- Rexeitamos a inclusión de Cuba na lista de países terroristas, unha decisión política hipócrita e unilateral de EEUU, que pretende aumentar as limitacións económicas, comerciais e financeiras do bloqueo. Cuba foi vítima do terrorismo e simultaneamente garante da Paz, un labor polo que é recoñecida mundialmente.

5. Denunciamos a manipulación informativa contra a Revolución cubana exercida polos medios de comunicación convencionais, a dobre vara de medir,  a demonización dos seus líderes electos polo pobo, a censura sobre as accións do MESC e o silencio sobre os logros sociais e os exemplos de solidariedade internacional que Cuba ofrece ao mundo.

6. Traballamos coordinados en Guerrilla Informativa, co obxectivo de combater a Guerra Mediática contra Cuba que espallan os grandes medios de comunicación, ligados a grandes poderes políticos e económicos, e para loitar por unha información sobre Cuba apegada á verdade.

7. Apoiamos Cubainformación como instrumento estratéxico do MESC e do conxunto do movemento de solidariedade internacional con Cuba na batalla contra o bloqueo mediático e en defensa da verdade.

8. Esiximos que sexa reintegrada á soberanía de Cuba o territorio ilegalmente ocupado polos EUA en Guantánamo, e usado como centro de detención e tortura.

9. Debe cesar o finanzamento millonario dos programas de inxerencia política e desestabilización contra a illa, así como o recoñecemento mediático de disidencia que adoitan outorgar dende fóra a grupos de recoñecida dependencia política e económica do goberno dos EUA e doutras potencias estranxeiras, que en calquera país do mundo sería obxecto de castigo penal.

10.- Reclamamos o pago dunha xusta compensación económica por parte do goberno dos EUA ao pobo cubano polos danos económicos e humanos ocasionados pola práctica criminal do bloqueo e outras agresións durante máis de seis décadas, que na actualidade ascenden a 1 billón 319.111 millóns de dólares.

11.- Solidarizámonos cos procesos políticos revolucionarios e progresistas de América Latina e o Caribe e cos pobos que padecen intromisión imperialista (guerra mediática, política, diplomática, económica e financeira por parte de importantes poderes internacionais) e apoiamos as estruturas de integración rexional e de unidade latinoamericana, como a ALBA, a CELAC, UNASUR ou PETROCARIBE.

12.- Reafirmámonos en proclamar América Latina e o Caribe como Zona de Paz.

13. Seguiremos defendendo o legado de Martí e do Che, e divulgaremos o seu pensamento e aportacións á soberanía e ao socialismo cubano.

14. Continuaremos defendendo os ideais do Comandante Fidel Castro, e divulgaremos a súa obra política e legado, como referente e paradigma ético e político dos pobos do mundo, e manteremos o noso apoio ás achegas fundamentais que realiza o Centro Fidel Castro Ruz da Habana.

15.- Celebramos o feito de a Asemblea Nacional do Poder Popular contar na actual lexislatura cun 53,2% de mulleres deputadas, o que converte a Cuba no segundo país do mundo con maior representación parlamentaria de mulleres; recoñecemos a inxente contribución da Federación de Mulleres Cubanas á discusión e elaboración do recentemente aprobado en referendo popular Código das Familias, que supón un significativo avance no recoñecemento de dereitos civís para todas as persoas e comprometémonos a impulsar nas nosas actividades o recoñecemento das achegas das mulleres cubanas ao perfeccionamento do Socialismo Cubano.

16. Saudamos o método de participación popular que adoita aplicar a Revolución, como o operado no recente Código das Familias ou a Constitución de 2019, que proban, máis unha vez, a superioridade democrática do sistema socialista de Cuba.

17. Traballaremos, en coordinación coas institucións cubanas e as súas organizacións políticas e de masas, para levar ao mundo o seu exemplo de emancipación, xustiza social, equidade, desenvolvemento social, solidariedade internacional e dereitos humanos.

18.- Seguiremos desenvolvendo a nosa solidariedade material a través de envíos de doazóns e de execución de proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

19.- Comprometémonos a consolidar o traballo solidario unitario e coordinado do MESC.

Porto de Sagunto (Valencia) 16 de outubro de 2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *