“Defender a Revolución é o mellor monumento a Martí”

Terra Sen Amos – Vigo
“Martí foi un adiantado na defensa dos dereitos humanos, nun texto de mocidade no que denuncia a crueldade do sistema penitenciário”, dixo Valentín Alvite, presidente da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” ao abrir sábado, nos xardíns de Montero Ríos de Vigo a homenaxe de Galiza ao Heroe da Independencia de Cuba, no cento sesenta e tres aniversario do seu nacemento. Diante da estatua de Martí, doada ao Concello de Vigo en 1989 polo Poder Popular Cubano, Alvite recordou o aprecio do Mestre pola denuncia da destrucción colonial que describira Bartolomé de las Casas, e o seu consello de as escolas dos recén independizados estados americanos daren prioridade á historia propia sobre a historia dos colonizadores. “O exemplo da vida de Martí foi a súa mellor obra”, resumiu o presidente da Villamil quen recordou que mália a obra política, literaria, didáctica e xornalística do Heroe Nacional de Cuba ocupar 26 volumes, o autor posuia a virtude da síntese, e resumía súa actitude vital na máxima Facer é a mellor maneira de dicer.

A Cónsul Laura Urra escoita á beira de Valentín Alvite a Marcha do Antergo Reino na homenaxe en Vigo a Martí.
A Cónsul Laura Urra escoita á beira de Valentín Alvite a Marcha do Antergo Reino na homenaxe en Vigo a Martí.

A Cónsul de Cuba María Laura Urra Fernández dixo que Martí, sendo amante da paz, a armonía e a unión entre as persoas, non dubidou en organizar unha guerra xusta e necesária contra a escravitude e a inxustiza. “O exemplo da vida de Martí foi a súa mellor obra – dixo a Cónsul- e o maior monumento dos cubanos a súa memoria, é ter sabido construir e defender a Revolución para que ninguén puidese cair sobre os povos de América e do Mundo: del aprendemos o infinito valor que ten a forza das ideas”.

So as notas da Marcha do Antergo Reino, as nenas cubanas Lya e Tamara deitaron unha coroa de flores ao pé da estatua. A seguir, Tamara recitou de cor e con limpa voz un verso de Adolfo Martí: “La tierra  en que  yo nací/ parece un caimán dormido/ de San Antonio a Emaisí/ Caimán de sangre mambí/ La tierra de mi cariño/ fué ayer la de Fidel niño/ y la del niño Martí”

Participaron na homenaxe Serafin Otero Fernández e Anxo Igrexas, do Consello Local do BNG,  Rubén Pérez, voceiro da Marea de Vigo e secretario local do PCGd, Afonso Martínez, presidente da Asociación de Amizade Galego-Bolivariana “Hugo Chávez”, e o presidente e directivos da Asemblea Republicana de Vigo, xunto con representación de todas as idades da amizade Galega coa Revolución Cubana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *