Hoxe en Vigo, ás 19,30, na Farola de Urzáiz: todas contra o Bloqueo a Cuba

Hoxe 23 de xuño, quarta féria, na Farola de Urzáiz en Vigo, celebrarase unha concentración convocada  pola  Asociación de Amizade Galego -Cubana  Francisco Villamil contra o Bloqueo a Cuba. Esta concentración será simultánea a outras que se realizaran noutros lugares do Estado, seguindo a iniciativa do MESC ( Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba) e conta co respaldo de Agora Galiza-Unidade Popular, Anova –Irmandade Nacionalista, Asemblea Republicana de Vigo, Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez, Asociación Viguesa Pola Memoria Histórica do 36, Ateneo de Moaña, Bloque Nacionalista  Galego, Causa Galiza, Central Unitaria de Traballadoras  CUT, Confederacion Intersindical Galega  CIG, Esquerda Unida, Mar de Lumes, Partido Comunista de Galicia PCG, Partido Comunista dos Traballadores da Galiza  PCTG, Partido Comunista do Povo Galego   PCPG, Sindicato Ferroviario-Confederacion Intersindical e Xuventude Comunista. Dende a Francisco Villamil animámovos a participar nela. Adxuntamos a DECLARACIÓN UNITARIA que será lida en todas as concentracións:

Cuba presenta 23 de xuño, perante a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, a Resolución titulada Necesidade de pór fin ao bloqueo económico, comercial e financieiro imposto polos Estados Unidos de América contra Cuba. Trátase dun rigoroso informe que denuncia  as consecuencias da política agresiva dos EEUU ao pobo cubano e que esixe a súa eliminación. Desde o 1992, Cuba recibe o abrumador apoio da comunidade internacional. En 2019 só EEUU, Brasil e o Estado de Israel votaron en contra, unidos as abstencións de Colombia e Ucraína.

Pola súa banda, son numerosas as organizacións sociais, sindicais, políticas, culturais, humanitarias, relixiosas e solidarias de todo o mundo, mesmo dos propios EEUU, que manifestan seu apoio a Cuba e condenan esta política xenocida do goberno norteamericano. Igualmente, institucións públicas galegas expresaron a súa oposición e a solicitude da eliminación do bloqueo a Cuba.

O bloqueo constitúe unha violación masiva, flagrante e sistemática dos dereitos humanos de todas as cubanas e cubanos. Tanto polo seu infame propósito, como pola trama política, legal e administrativa na que se sustenta, estas sancións merecen a cualificación de acto de xenocidio, segundo a Convención para a Prevención e Sanción do Delito de Xenocidio de 1948, e como un acto de guerra económica, conforme o estabelecido na Conferencia Naval de Londres de 1909.

Esta política criminal por parte dos EEUU que Cuba padece hai máis de seis décadas, ten provocado múltiples danos e prexuízos, cuantificados por un valor de máis de 933.678 millóns de dólares, segundo precisaron as autoridades cubanas.

O anterior presidente de EEUU, Donald Trump, activou o Título III e IV da Lei Helms Burton, amais de un total de 242 medidas de endurecemento do bloqueo durante a pandemia da COVID19. Trátase de medidas e ameazas de sanción que afectan non só ás empresas e cidadáns norteamericanos, senón tamén a terceiros países, extendendo o efecto do bloqueo de xeito extraterritorial.

Un bloqueo naval a barcos petroleiros, as sancións millonarias a entidades financeiras e empresas que traballen coa Illa; a prohibición de comerciar con maquinarias e equipos que conteñan máis do 10% de compoñentes estadounidenses; o efecto intimidatorio cara a empresas con mentes de investir na Illa; os sobrecustos para Cuba polo feito de comprar en mercados máis afastados;a imposibilidade de adquirir equipamentos ou produtos que son exclusivamente producidos polos EEUU en esferas tan sensíbeis como a saúde ou a investigación científica; a imposibilidade de vender os produtos cubanos de biotecnoloxía ou vacinas ao pobo norteamericano; a prohibición das viaxes dos turistas de EEUU á Illa asi como a redución de voos e remesas económicas ás familias cubanas, son só alguns exemplos do bloqueo, aínda que medios de comunicación dominantes procuren ocultar e minimizar os seus efectos sobre a poboación ou incluso xustificar a súa imposición. E o actual presidente de EEUU Biden non actuóu para acabar con esta política criminal cara todo un pobo, a pesar de terse comprometido durante a súa campaña electoral.

Pola súa banda, o presidente cubano Miguel Diáz-Canel expresou que o bloqueo é o “sistema de sancións económicas máis prolongado e de maior espectro que se teña aplicado xamais contra ningún país” e que é realmente o “principal obstáculo para o desenvolvemento do país”.

Trátase por tanto do principal obstáculo no diferendo histórico entre Cuba e EEUU, e xamais será posíbel unha normalización entre os dous países se continúa esta agresión que pretende influír nos asuntos internos da Illa.

Tanto a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil coma as entidades que apoian esta declaración, mostramos a nosa solidariedade con Cuba e animamos ao conxunto da sociedade galega a se sumar a esta causa xusta.

Defendemos a soberanía de Cuba para decidir o seu futuro sen inxerencias nin presións de ningún tipo.Por todo isto, sumámonos á campaña internacional que esixe ao goberno dos EEUU presidido por Biden o levantamento do bloqueo a Cuba, e seguiremos loitando até conseguir a súa eliminación.

A SOLIDARIEDADE NON SE PODE BLOQUEAR!

ABAIXO O BLOQUEO!

VIVA CUBA!

Vigo, 23 de xuño de 2021.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *