“Dialogar e criticar é normal na cultura, mais aos figureiros, nin caso” (Abel Prieto)

AXENCIAS – TERRA SEN AMMOS

Abel Prieto recordaba nunha recente entrevista co diario mexicano La Jornada, que ao cabo de seis décadas de bloqueo económico, cerco diplomático e propaganda infame contra Cuba, de parte dos EUA, a cultura cubana segue a ser un espello irradiante para todas as persoas que aspiran á xustiza e a equidade e un dereito de todas, non das minorías. Sobre a recente protesta programada perante o Ministerio da Cultura para a apertura dos noticiarios da TV do norte, o actual presidente da Casa de las Américas, recorda que non hai crítica que non se poda facer nos horizontes abertos da cultura cubana.


Abel Prieto recorda o consello de Fidel: “En tempos de máximo cerco imperial é urxente defender a cultura”

Non hai obxección posibel contra a crítica e a revisión posmoderna dos  límites, recorda Abel: “dialogar sobre como consolidar comprensión entre creadores e institucións, sobre manifestacións experimentais da arte ainda non ben comprendidas, é algo plenamente admitido o mesmo que a imprescindíbel función crítica da creación artística ou o todo é lícito da visión posmoderna, a liberdade de expresión e moitos máis asuntos”.

“O que non é lexítimo –precisa- e non respectar a Lei, o querer facer chantaxe ás institucións, aldraxar os símbolos da patria, procurar notoriedade mediante a provocación, participar en accións pagadas polos inimigos da nación, colaborar cos que traballan para destruilas, mentir e sumarse ao coro anti-cubano nas redes e encirrar odio”.

O escritor explica a elección do intre para finxir: “No medio da crise mundial provocada pola pandemia e o neoliberalismo global,  Cuba sofre ao mesmo tempo un estado de sitio sen precedentes de parte dos EUA. Eis a razón de que fora escollido este intre para pagar montaxes que poidan ofrecer unha imaxe desfigurada do país. Todo creador que procure  diálogo coas institucións con obxectivos lexítimos, terá interlocutores dispostos a conversaren e a recibir colaboración. Cos figureiros, nin caso”.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará