Dixie Edith Trinquete explica en Galiza a segunda revolución da muller cubana en tempo real

Alina Maceda – Terra Sen Amos

Dixie Edith Trinquete, xornalista, profesora da Facultade de Comunicación da Habana, socióloga e feminista, di que a muller cubana é protagonista dunha fase superior de asunción de dereitos que ven prolongar e completar o enorme avanzo lexislativo de recoñecemento de dereitos que se dera na primeira década da Revolución e que, malia representar un cambio copernicano para a situación da muller cubana, “non foi necesariamente acompañado de recoñecemento cultural porque procedemos –explica- do mesmo ADN patriarcal”. Dixie recorda a advertencia  da súa profesora de Xénero e Comunicación na Universidade da Habana: “O peor que pode pasarlle as mulleres en Cuba é pensar que xa teñen todo gañado”. A profesora, implicada na protección de xénero dentro da Revolución Cubana, ofreceu tres conferencias en Galiza como remate dun programa de vinte intervencións en  todo o Estado durante o mes de marzo.

Palestra de Dixie Edith no local da Francisco Villamil en Vigo. A dereita da conferenciante, Luisa Cuevas, da Marcha Mundial das Mulleres, que presentou e moderou o debate.

Para poder entender o proceso de construción popular do Código das Familias, que  atravesa hoxe a sociedade cubana, Dixie recomenda velo dende o antes e despois da campaña de alfabetización e da progresión do sistema de ensino; dos avances da  muller na Revolución Cubana na aurora da Revolución, co dereito de aborto libre, provisto pola medicina pública, e as políticas de planificación familiar que incorporan acesos a saúde sexual e reprodutiva; a igualdade salarial para igual traballo e o vivo debate sobre a igualdade que aparece no Novo Cine Cubano en Retrato de Teresa ou no derradeiro episodio de Lucia, visión natural das reivindicación das mulleres en Cuba como algo real e concreto. “Con todo –recorda Dixie-  estes adiantos no recoñecemento de dereitos e a espontaneidade coa que invadiron a opinión pública, mal se acomodaban na cultura patriarcal real e concreta”.

“Vivimos nun pais con igualdade lexislativa, no que as mulleres forman máis do 45% do Parlamento –recorda a profesora- e no noso Goberno hailles tantas ministras coma ministros; as mulleres desempéñanse con toda normalidade en empregos técnicos públicos e a maioría do persoal clínico e de investigación que foi a vangarda no tratamento da Pandemia, está formado por mulleres e, con todo, temos un arraigo cultural de patróns e estereotipos que non garante o exercicio da igualdade real”:

Tamén no interior das familias observa unha sobrecarga de tarefas sobre as mulleres.  “Coma en moitas partes do mundo –engade-  identificamos naturalización de estereotipos proxectados dende os medios de comunicación aos que temos que sumar violencia simbólica, en parte xerada por nós, e unha violencia residual que contamina dende a imaxe e non menos importante é a coincidente banalizacción de certas formas de violencia de xénero”.

Formas de discrimación perseguidas

A Constitución de 2019, produto dun vivo debate popular sobranceiro a longo de 2018 e aprobada en referendo no ano seguinte, incorpora un abano lexislativo importante en defensa da muller. Cita por exemplo “4 artigos que se refiren a violencia de xénero e a legalización do matrimonio igualitario con toda a polémica que xerou e que de remate estableceu que o matrimonio é a unión entre dúas persoas  e que en atención a polémica que o acompañara será elevado a referendo”. Recorda que a Constitución deu visibilidade a formas de discriminación que estaban naturalizadas en Cuba coma a que aldraxaba a identidade sexual e a de xénero, que ficaron prohibidas de vez; diversificou formas de propiedade e relacións económicas e financeiras e mesmo definicións de contido de cargos públicos a partir da necesidade de ampliar e descentralizar o poder público.

Repara no plano lexislativo previsto para os vindeiros cinco anos que propón cambios e revisións nas leis de saúde, penal e procesual, de información e comunicación; de empresa, traballo e seguridade social entre outras. A procesual incorpora un articulado completo de acompañamento a vítimas, “algo central para o exercicio da investigación policial que conleva a institución de advogado de oficio e interesa notar que a violencia de xénero sexa de oficio e que non haxa que agardar a que a presunta vítima denuncie; mediante a obriga pública de investigar, a violencia sae do ámbito privado e devén pública, con todo o que isto ten de educativo”.

Do Programa Nacional para el Adelanto de las Mujeresaprobado en 2020,  explicou que procura a atención sistemática e equitativa da administración do Estado no seguimento de todos os asunto que involucran a integración e o enfoque de xénero en familias e comunidades e o relacionado coa integración social e detallou a transferencia de poder que representa en sete áreas: a economía privada e cooperativa, a prevención social; a comunicación, en particular na prevención da transmisión de estereotipos e patróns sexistas (por exemplo, no establecemento de responsabilidade compartida na atención a maiores e na previsión de as mulleres non teren que abandonar o traballo para coidalos) Ao cabo da pandemia, o inquérito nacional de fecundidade tenta establecer pola primeira vez propósitos de reprodución en parellas do mesmo sexo. O programa tamén promove unha liña receptora de demandas para problemas de mulleres en convivencia obrigada.

O Código de Familias non contempla só a igualdade pois atenderá o dereito de maiores e de nenos e nenas e a súa autonomía progresiva en relación a como exercen seus dereitos na casa e un articulado de violencia de xénero; os dereitos da familia transterrada e a normativa patrimonial e formas distintas de constituir familias, por exemplo no caso de familias procedentes de dous divorcios e o réxime económico e patrimonial da parellas de feito.

As palestras de Dixie Edith no país responderon a proposta de “Cuba: Mulleres e Revolución”. En Compostela interveu dia 23 na Casa do Peixe, en Vigo o 24, no local da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil e no Ferrol dia 25 no Ateneo.  O ciclo de conferencias foi concertado polo Movimento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC) a Marcha Mundial das Mulleres e a Francisco Villamil en Galiza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *