Efigenio Ameijeiras “Ulises”, membro dunha saga familiar Galego-Cubana revolucionaria, despedido con honra en Habana

Axencias-TSA

Raúl Castro presidiu a despedida de Efigenio Ameijeiras Delgado Ulises, organizador da primeira cela clandestina do M-26, xeneral de división e Heroe de Cuba, finado con 88 anos. Fillo do emigrante galego de Campo Lameiro Manuel Ameijeiras e da cubana Angustias Delgado, Efigenio foi obxecto de homenaxe pública como Heroe da Patria ao ser inhumado no Panteón de Veteranos, do cemiterio de Colón. O xeneral galego-cubano, nado en Las Tunas, participara da expedición do Granma dende Mexico,  loitou na Serra e mandara a patrulla que primeiro rompeu a posición mercenaria en Praia Girón. Tres irmás do falecido, Juan Manuel, Gustavo e Ángel, entregaran a súa vida no combate por unha Cuba soberana.

Efigenio, terceiro pola esquerda na liña superior, co seu destacamento na Serra, no ano 1958.

O recordo dos irmáns Ameijeiras perdura en Cuba e dá nome ao hospital clínico de avangarda que a Revolución desenvolveu como exemplo do compromiso da Revolución coa asistencia médica pública,  a partir dunha vella mutua galega emigrante. Un museo dos Irmáns Ameijeiras, aberto en Las Tunas (capital da provincia do mesmo nome no Oriente de Cuba) garda memoria desta saga familiar Galego-Cubana. Ao ter Fidel noticia da morte de Ángel Ameijeiras, irmán de Efigenio, en combate desigual, salientara a súa exemplar conducta e incansábel espírito de loita por non ter cedido fronte un inimigo superior en medios. O Comandante concedéralle o degrao máis alto do exército rebelde con distinción.

O segundo secretario do PCC, José Manuel Machado Ventura, foi encargado de facer a gabanza do heroe galego-cubano e dixo del que era paradigma de modestia, honra, fidelidade e entrega sen límites ao deber en toda a súa vida.  “Hoxe, cando remedran perigos e ameazas contra a nación, o exemplo de Efigenio e a súa entrega xenerosa sen recramar nunca nada, constitúe un arma poderosa contra o inimigo”.

Nas FAR ocupara responsabilidades de Xefe do Estado Maior do Exército Central e de Vice-ministro Xefe de Preparación Combativa. Formou parte do continxente militar de cubanos que cumpriran misión internacionalista en Alxeria e Angola. Os méritos acumulados fixérono acredor da condición de fundador do Partido Comunista de Cuba e formara parte de seu primeiro Comité Central.

Mantivo durante toda a súa vida unha constante vixilia pola formación e acadara entre, outros, o título de licenciado en Historia pola Universidade da Habana.
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará