Eleccións a Asemblea en Venezuela: en tempo e con todas as da Lei

Obama e Trump xa pertencen ao pasado, e todos os sondeos das eleccións a Asemblea, favorecen ao partido no goberno. Maduro nunha foto de campaaña de Cubadebate.

Farruco Sesto – Nós Diario

Domingo seis de decembro celebra Venezuela comicios lexislativos para elixir novos deputados da Asemblea Nacional.

Como queira que unha boa parte dos medios de comunicación informan negativamente, ou máis ben desinforman, respecto diso, creo que val a pena facer algunhas anotacións aclaratorias.

As eleccións en Venezuela, seguindo sempre o establecido na Constitución, son algo normal e case cotián. Desde 1999, co comezo da V República, realizáronse no país 25 convocatorias xerais para eleccións municipais, estadais, presidenciais e lexislativas, ademais dalgúns referendos nacionais. De maneira que está sería a elección número 26 en 21 anos. Non sen razón, pero tamén con moito humor, o presidente Lula estando en Europa en certa oportunidade, ante a pregunta de por que apoiaba ao ditador Chávez, respondeu: “Ditador Chávez? En Venezuela o que hai é exceso de democracia, porque hai eleccións todos os anos e cando non tocan, Chávez invéntaas”.

O sistema electoral venezolano, totalmente automatizado e con moi diversos sistemas de auditoría pública, é a tal punto confiabel que o ex presidente dos EEUU, Jimmy  Carter, que dirixía o centro que leva o seu nome, e actuaba en función de observador de procesos electorais en moitos países, cualificouno como uns dos mellores do mundo. Porque, de feito, é así. Por outra banda, e segundo recolle a axencia EFE, insospeitábel de bolivarianismo, o Centro de Expertos Electorais Latinoamericanos (CEELA) acompañará unha vez máis, nos aspectos técnicos e de auditoría, ás eleccións venezolanas de decembro. Engade dita axencia na súa nota que o presidente do CEELA, Nicanor Moscoso, “avalou, unha vez máis, o sistema electoral venezolano como o mellor de Latinoamérica”.

A pesar de a oposición ultradereitista e proimperialista chamar a boicotar estas eleccións que cualifica de ilexítimas anunciando a súa “non participación”, a pluralidade de opcións está garantida coa presenza de 107 organizacións e partidos políticos nacionais e rexionais, a maioría de oposición, entre eles Acción Democrática, o principal partido da escena política durante os corenta anos da Cuarta República. De modo que a mesa está servida con absoluta liberdade e transparencia para as opinións de todos os cidadáns expresárense democraticamente. O demais son contos de camiño.

Cando a Unión Europea, en exercicio de intromisión intolerabel, esixe aprazar as eleccións en Venezuela, está a propoñer algo que é constitucionalmente improcedente. Debe quedar claro que estas eleccións, previstas na Constitución, son de convocatoria obrigada, pois unha vez vencido o período de cinco anos, a nova Asemblea debe comezar a súa sesión o 5 de xaneiro do ano correspondente. Todo iso, segundo disposicións constitucionais expresas. É por tal razón que as eleccións deben realizarse como moi tarde en decembro, tal como están convocadas, para poideren cumprir os prazos estipulados.

Cando a maioría dos medios de comunicación insisten en que a “comunidade internacional” non avala estas eleccións, debemos precisar que os devanditos medios, con actitude de soberbia extrema e  eurocentrismo galopante, entenden como “comunidade internacional” unicamente ao conxunto dos países da OTAN e a un pequeno grupo doutros países, como Canadá, Australia, Perú, Colombia e algúns outros latinoamericanos gobernados pola dereita. Ditos medios, pensando sempre que Europa é o centro do mundo e que o demais non conta, esquecen que os países que compoñen a Organización das Nacións Unidas alcanzan hoxe a suma de 193.

Non deixa de ser un extraordinario paradoxo, que estes medios de comunicación occidentais, máis ao servizo das políticas do capital que da verdade, queiran vender a idea de a “ditadura” venezolana pretender perpetuarse a través da convocatoria e eleccións. En palabras de Eduardo Galeano, parece a “escola do mundo ao revés”.

En consecuencia con todo o anterior, o feito certo é que, a partir do 5 de xaneiro, a República  Bolivariana de Venezuela contará cunha nova Asemblea Nacional elixida polo pobo soberano no libre exercicio da súa autodeterminación, mediante votación universal, directa e secreta, absolutamente irreprochábel. Adeus ao autoproclamado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *