Con Cuba dende a beira do Sar, no 169 aniversario de José Martí

Alina Maceda – TSA

O sol abriu unha fenda en xaneiro 29 beira do Sar, sobre o Parque Eugenio Granell de Compostela para alumear os compases da Bayamesa, o himno nacional de Cuba que anunciaba a celebración do 169 aniversario do nacemento de José Martí, dacordo coa convocatoria da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil. Facendo a presentación do acto, o sindicalista Paco Sebio recordou que toda a traxectoria da Revolución Cubana, as súas loitas e grandes logros, son a letra do pensamento martiano. “E teríamos –dixo- unha comprensión incompleta da grandeza da Revolución de non atendermos a dimensión ética, humana, política, internacionalista e anti-imperialista de José Martí”. Reparou que non existe “contradición ningunha entre José Martí, que non era marxista, e a obra da Revolución Cubana, que si o é; o que debemos a Fidel Castro é, precisamente, unha interpretación criativa, dialéctica, do pensamento de José Martí até convertilo nun dos fundamentos do programa da Revolución”.

Música, versos e solidariedade para agasallo de Martí, no Parque Eugenio Granell de Compostela.

Humanidade destellante de Martí que agranda a súa dimensión política e que ten brillo universal na poesía, a filosofía, a pedagoxía, e a literatura. “Entre os seus versos prefiro aquel que comeza mi verso es como un puñal, porque na situación internacional que estamos a viver, cun imperialismo en decadencia e polo tanto impredecíbel, e coa Revolución máis bloqueada e cercada do que nunca, o que sobran son os medoñentos, os que chegada a hora da verdade buscan unha desculpa a fume de carozo para darlle as costas á Revolución; Cuba resistiu, vai seguir resistindo e vencerá seguindo os camiños de Martí e de Fidel e botando a súa sorte, coma sempre fixo, cos pobres da terra!”.

A ovación que acolleu as palabras de Paco Sebio prolongouse para recibir a Luz Fandiño a beira da figura en ferro sobre granito de Martí. Traballadora militante da poesía e do compromiso revolucionario, Fandiño reclamou rebeldia universal contra os abafantes ventos de guerra de hoxendía, como limiar dun seu poema para o Pai da Patria cubana: “Frores, frores brancas, frores vermellas/para un Heroi Cubano/ para un mestre, para un poeta/ para unha voz do pobo./ Frores de mans negras, de mans brancas/ frores de todas as cores da roseira da liberdade/ para ti José Marti!/ Galiza coidará sempre o roeiro/ que co teu sangue para nós regaste!”

MARTÍ E CASTELAO

A Cónsul Xeral de Cuba, Yahima Martínez Millán, celebrou o rencontro coa solidariedade logo dunha longa excepción, precisamente para honrar a figura dun Martí que trascendera as fronteiras do seu tempo. Dixo que as cubanas e cubanos que aman a súa patria, non podían sentir tristura ao pé do monumento de Martí, ao viren celebrar o 169 aniversário do seu nacimento, senón orgullo de ter nas páxinas da historia nacional un pensador senlleiro, decisivo para a historia de Latinoamérica. “Non podemos sustituir Martí, mais tomamos seu exemplo a diario e facemos por seguir seu exemplo no noso proceder e conduta; nomeadamente podemos corresponder a súa divisa La mejor forma de decir es hacer.  E honrando este consello tentamos a diario facer o que el decidira e que só as circunstancias políticas e as balas da Colonia impediran: loitar”.

Recordou que Cuba loita cada hora en defensa da súa soberania, para impedir, coa independencia, que os Estados Unidos se extendan polas Antillas e asolen as terras de América. “Coma Martí,  nós non tememos ameazas, presións e argalladas, coma as que inventan a diario contra Cuba, e as mentiras que lanzan arestora sen parar dende as redes sociais para acabar coa Revolución”. Recordou que o Imperio bloqueaba a Cuba dende había máis de 60 anos na teima de asfixiar a economía e lastimar ao pobo cubano para derrocar a Revolución. “Nese combate –engadiu- honrar a Martí, é perseverar na construción do socialismo e sumar contribucións de importancia aos principios da solidariedade e o internacionalismo”.

 Sendo a convocatoria para recordo e homenaxe de Martí, a Cónsul quixo tamén horar a Castelao “escritor e defensor incansable da unidade para a emancipación nacional” e ao tamén Galego Francisco Villamil, que ofrecera a súa vida para a independencia de Cuba, nunha loita heroica que sementou a amizade entrañábel e firme entre Galiza e Cuba; soños de Martí que se fixeron realidade na solidariedade que apreciamos a diario nestas terras”.

Sobre o fondo dun longo aplauso, a Cónsul invitou aos cativos Diego, Uxía e Xoel a deitaren flores brancas na soleira do monumento a Martí. Decontado, gaita tumbal bombo e caixa do grupo Son de San Lázaro acompañaron o himno nacional. A concellería responsábel de parques e xardíns de Compostela sementara un camelio a beira do monumento a Martí; e a árbore debe estar contenta por tan honrada ubicación, tendo en conta que aparece ledamente abrochada.

Entre a asistencia estaban Nadia Rivas, concelleira do BNG; Branca Novoneira e Marta Lois, de Compostela Aberta; Xosé Luis Borines, presidente de AGABO; Rubén Cela, presidente da Fundación Galiza Sempre; Xosé Collazo, voceiro do PCPG; Celso López Pazos, presidente da Asemblea Republicana de Vigo; Oscar Valadares, de Mar de Lumes e Carlos Morais, entre outras representación sindicais, políticas e da cultura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará