“En Cuba non temos feminicidios por efecto da Revolución” (Mariela Castro)

Resumen Latinamericano – Terra Sen Amos
“En Cuba non temos feminicidios. Porque Cuba non é un país violento e iso si qué é un efecto da Revolución”, di Mariela Castro Espín nunha entrevista realizada por Lucia Álvarez para Resumen Latinoamericano. A directora do Centro Nacional de Educación Sexual de Cuba (CENESEX) coida que o feito de estaren as mulleres organizadas na Revolución “dá moita forza: hai moitas campañas, programas de televisión, de radio, espacios científicos; traballamos polo empoderamento e hoxe somos o terceiro ou cuarto país con maior presenza de mulleres no Parlamento; medrou o número de graduadas universitarias e temos paridade salarial dende 1959”. Sobre os atrancos no camiño, a responsábel do CENESEX di que os principais foran “os prexuizos que aprendimos dos nosos ancestros españois e dos africanos tamén e dos que estaban no mundo enteiro. Eses lugares comúns estorbaban para a definición dunha política clara. Había reflexións mais non propostas. A sexualidade estivo decote marcada polas relacións de poder e por ideas, leis, doutrinas basadas nesas relacións. Cómo cambiar ese modelo non sempre foi claro mais agora a cada é máis evidente. O noso enfoque a enfoque da educación sexual procura amosar como se foi criando esa diferenza en detrimento de outras identidades de xénero e sexo.

Mariela Castro é filla de Raúl e de Vilma Espín e dirixe o CENESEX dende hai quince anos.
Mariela Castro é filla de Raúl e de Vilma Espín e dirixe o CENESEX dende hai quince anos.

Castro dí que a condición de clase é clave pero non única. “Non o pasa igual un homosexual pobre ca un que sexa rico, un trans-xénero migrante ca un branco. Na formación que facemos con activistas traballamos eses entrecruzamentos e fomentamos a solidariedade. Por ejemplo, cos activistas LGBT (lésbica, gai, bisexual ou transexual) procuramos evitar o risco de eles se centraren en si propios e situárense coma únicas vítimas; fomentamos a súa involucración noutras causas xustas e con toda a sociedade cubana. Non ten senso aillarse, segregarse”.

Interrogada sobre como puido virarse tan fondamente o conservadurismo da Revolución, a entrevistada sinala “non me resulta incómodo falar diso; pola contra, permiteme explicar o noso enfoque e recoñecer o que hai que recoñecer. Todo o mundo quería que a primeira revolución de América Latina fose perfecta. Endebén, iso non é posibel: ben o verán os povos que queiran facer revolucións. Sabelo todo non é posibel e cométense erros. O meu pai dicía:´Foi un salto sen rede. Queriamos facer xustiza e non sabiamos cómo´. Unha cousa era sermos revolucionárias e outra gobernarmos revolucionárimente. Esa xeración fixo un grande esforzo e debémoslle respeito porque o novo e o renovador coida ter sempre as mellores respostas, mais as ideas bioloxicistas e patoloxizadoras tamén foron avangarda”.

Mariela non considera a prostitución como un asunto de traballo porque en Cuba existen alternativas. “Ao que perseguimos, é ao proxeneta. Hai moitos elementos que inciden e compre tratalos a xeito para non estigmatizar”.

Sobre esta visión de fondo da non existencia do gravísimo problema do feminicidio na sociedade cubana, lembramos que o Partido Popular recusa a inclusión do termo “feminicidio” nas leis xa vixentes na materia, por considerar irrelevante a inclusión ou non do termo. “Ante a gravidade e magnitude do problema -sinalaba a exposición de motivos da iniciativa a debate, realizada polo BNG- consideramos necesaria a inclusión do termo feminicidio como forma de terror propia que sofren as mulleres só por cuestión de xénero”. “O que non se nomea non existe”, sinalou a deputada do BNG Carme Adán dende a tribuna do Parlamento, e “igual que a violencia contra as mulleres foi silenciada” mentres “non existiron categorías nin termos para describila”, este avance podería axudar a evidenciar que este tipo de agresións non son “un problema biolóxico”, senón froito dunha “construción social á que chegamos despois dun longo proceso de aprendizaxe”.

En Galiza, amáis da necesária inclusión legal da figura do feminicidio, compre incorporar a voz ao léxico Galego. Tanto o diccionario da RAG coma o VOLGA do Instituto da Língua non conteñen o termo “feminicidio” nin sinónimo que defina o seu significado.

http://www.resumenlatinoamericano.org/2015/11/04/en-cuba-no-tenemos-femicidios-y-eso-es-efecto-de-la-revolucionmariela-castro-hija-de-raul-el-primer-mandatario-de-cuba-llego-al-pais-como-activista-por-los-derechos-de-la-comunidad-lgtb/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará