“Na Italia da Covid-19, non había médicos alemáns senón de Cuba, único pais internacionalista do mundo” (Noam Chomsky)

Entrevista de Vijay Prashad en News Click

“O caso máis sorprendente é o de Cuba, que é un pais do que non se che permiten falar nos EUA –di Noam Chomsky en conversa con Vijay Prashad, historiador Indio e intelectual marxista, nacido en 1967, para o seu programa de entrevistas en News Click– Na UE, un país rico como Alemaña puido conter o virus por ter medios, máis capacidade de diagnóstico, etc. No sur da UE, Italia, non lonxe de Alemaña, sofreu unha terribel pandemia na súa parte Norte. Viron algún médico alemán no norte de Italia? Se os había, mantivérono en secreto. Mais había médicos de Cuba, o único país internacionalista do mundo, que, mais  unha vez máis, enviou brigadas médicas aos lugares máis afectados, e que traballan nas situacións máis difíciles. Igual que fixeron tralo sismo estarrecedor de Haití ou o de Paquistán. Cuba é un país, non fai falla que volo recorde, que EUA pisóu durante 60 anos.  Probou con terrorismo, guerras económicas, etc. O bloqueo é tal, que  se unha empresa sueca quere enviar equipos médicos a Cuba, non pode facelo porque poderían acordar a ira do Señor da Mafia. Así que afinal, non llelos mandan. E é Cuba, que, para empezar, ten o virus en gran medida controlado, e que envía axuda a outros países. A ironía de todo isto supera calquera descrición. Este asunto non aparece nos titulares da prensa”.

Noam Chomsky e Vijay Prashad conversaron sobre a pandemia e a revolta mundial contra asasinato de George Floyd en Mineaapolis.

E cando se dá o caso de mencionar a Cuba, acúsanna de obrigar aos médicos a iren en réxime de traballos forzados para o Estado Cubano poderlles roubar. É certo que parte do financiamento que reciben os doutores destínase aos servizos de saúde, á formación e a mellorar os servizos de saúde. Cuba é un estado totalitario, con traballo escravo, e  hai que aumentarlle o castigo. É isto unha forma de construir o consenso? Extraordinario exemplo:  á Unión Europea por unha banda e, por outro, á axuda do único país internacionalista do mundo, o país que máis ataques sofre do Señor da Mafia. Ese é o mundo no que vivimos. Pero diso non se fala.

Vijay Prashad.-Hai uns 60 ou 70 anos, Aimé Césaire escribiu unha frase que me gustaría lerlle: “Unha civilización que non pode solucionar os problemas que creou, é unha civilización en decadencia”. Na miña opinión, esta é unha frase moi acertada. Noam, como describiría a civilización actual, sobre todo nos países occidentais?

Noam Chomsky.- Hai 15 anos escribín un libro titulado Failed States  (estados fracasados) centrado nos EUA, malia xeneralizar sobre outras sociedades occidentais. Antes tiñan problemas a eito, pero o que fixo Occidente nos últimos 40 anos é participar nun proxecto a medida das persoas que o deseñaran; de feito, eles viven no paradíso, mais para o resto, é unha desfeita. O seu nome é neo-liberalismo. Nos anos 70 prosperou realmente con Reagan e Thatcher. O deseño estaba abondo claro desde o principio, como podemos ver nos resultados actuais, que son moi parecidos ao que eles adiantaran. A concentración da riqueza foi  extraordinaria, mentres a poboación ficou estancada, degradada. Nos EUA, por exemplo, onde actualmente un 0,1% (non un 1%, senón un 0,1%) posúe un 20% da riqueza, e aproximadamente a metade da poboación ten un patrimonio neto negativo, é dicir, máis pasivos que activos; así que máis ou menos un 70% vive ao día, de nómina a nómina. Se se produce calquera imprevisto, pois mala sorte. As prestacións tamén diminuíron considerablemente.

Loxicamente, a concentración de riqueza tradúcese nun maior poder de control sobre o sistema político. Sempre existiu, mais agora agudizouse. Iso pódese apreciar na lexislación, que está deseñada para destruír os sindicatos, para destruír os dereitos laborais, para crear un sistema global, que logo resultou ser prexudicial para os mesmos que o crearan. É un sistema global fráxil, deseñado para tirar até o último céntimo de beneficio posibel da mobilidade do capital, aínda que claro, sen mobilidade laboral. Un sistema proteccionista a máis non poder. Fálase moito do libre mercado, pero iso son andrómenas: é un sistema deseñado para garantir os dereitos dos investidores.

Poñamos o exemplo dos medicamentos, xa que ultimamente fálase moito diso. Existe un específico que parece aliviar algúns síntomas. É propiedade de Gilead, unha farmacéutica enorme, que desenvolveu o medicamento, en parte, como sempre, grazas ás axudas gobernamentais para a investigación. Pero eles queren quedar coa patente.

As regras neoliberais da Organización Mundial do Comercio (OMC) resérvanlle os dereitos de monopolio durante décadas, así que poden cobrar, non sei, uns 20.000 dólares por dose, se queren. E resulta que existe unha lei nos EUA, a Lei Bayh-Dole, que obriga, non autoriza, senón que obriga ao goberno a garantir que un medicamento desenvolvido con axudas do goberno, ten que estar publicamente dispoñibel a un prezo razoabel. Mais vivemos nun mundo de gobernos criminais que non se preocupan en absoluto das persoas. Para nada. Reagan deixouno ben claro e todos os que viron despois fixeron o mesmo: todos ignoran a norma e eles poden cobrar o que queren. Agora a presión sobre eles é tan grande que se cadra dan marcha atrás, pero así é como está deseñado o sistema.

E ese é o efecto que provocou na xente, que marxinou a moitas persoas, creou o que chamamos  precariado; é dicir, unha gran cantidade de persoas nunha situación moi precaria, sen sindicatos, sen axudas. Tal e como sinalou Thatcher, a sociedade non existe.

A GUERRA DE REAGAN E THATCHER CONTRA OS SINDICATOS

Reagan e Thatcher deran no albo. O primeiro que fixeron foi tentar destruír aos sindicatos, que é a única protección que ten a xente fronte ao capitalismo depredador. Así foi. Reagan nin sequera aplicou a lexislación laboral que obriga a respectar certos dereitos laborais e non contratar esquirois, que é ilegal en todo o mundo, para acabar coas folgas, e as empresas só tomaron nota e fixeron o mesmo. Así  é como abandonan a xente á súa sorte: atomízándoa. Unha das consecuencias é unha gran ira, rancor e odio cara ás institucións. E este é un terreo fértil para que aparezan demagogos e digan que a culpa é doutro; por exemplo os inmigrantes, os costas molladas, as nais que viven das axudas, como sucedeu en tempos de Reagan. É  extremadamente racista culpar dos problemas ás nais negras ricas que van cobrar o subsidio en limusinas para roubarche o teu. Ese tipo de cousas. Trump é un xenio nese sentido, faino constantemente. Por iso fala tanto de construír o muro e todo o demais.

E isto está a suceder en moitos outros países, terreo fácil para os demagogos. Ese é o mundo ao que nos enfrontamos: un mundo de capitalismo salvaxe e extremo que tivo 40 anos para esnaquizalo todo. En Europa isto agudízase pola propia estrutura da Unión Europea, que transfire todas as decisións, as decisións importantes, a unha troika non electa, en Bruxelas, a que os grandes bancos non perden de vista nin un minuto, así que podes imaxinar cal será o resultado. Ese é o mundo actual. E aínda non falei do peor.

Poñamos India, por exemplo, que en 50 anos será un lugar inhabitabel, se persiste a situación actual, moi probablemente, non é seguro, pero se o curso das cousas segue como até agora, as análises máis cribles suxiren que India será sinxelamente inhabitabel, como todo o sur de Asia, polo quecemento do planeta. E isto a quen beneficia? Aos ricos e poderosos: empresas de hidrocarburos, grandes bancos, fábricas contaminantes, etc. E que estamos a facer respecto diso? O obxectivo principal plan de Trump é destruír as probabilidades de que exista unha vida humana organizada. Literalmente. É o presidente máis criminal que se recorda. Dacordo, Hitler era un monstro que quería matar a todos os xudeus, a todos os xitanos, a 30 millóns de persoas. Diso puidemos librarnos. Pero Hitler non quería acabar coa vida humana organizada no planeta, Trump si. Sabe perfectamente o que está a facer, pero dálle igual. Os que o apoian,  por exemplo o director xeral de JP Morgan Chase, que está a investir moito diñeiro nos combustibles fóseis, sábeo perfectamente ben. Pero dálles igual.

De feito, se les aos novos gurús liberais, que veneran a Milton Friedman…Este di ás claras: a única función dunha empresa é maximizar o beneficio dos accionistas e dos administradores. Se destrúen o mundo, non é o seu problema. E a civilización derrubarase se non estás á altura dese obxectivo. Esa é a doutrina neoliberalista, que data da década de 1920. Non é nada novo. De feito, todo isto, a idea de neoliberalismo, remóntase á década de 1920 en Austria: Ludwig Heinrich Edler von Mises, ou o gran gurú Friedrich Hayek. Adoran a autoridade, din que non lles gusta o Estado, pero menten descaradamente. Adoran ao Estado, adoran o poder do Estado. Von Mises, nos anos 20, mal podía disimular o contento que lle daba ver como o rexime fascista austríaco esmagaba a ferro e fouce o movemento obreiro e acababa coa socialdemocracia. Era marabilloso porque eliminaba as interferencias para unha economía sólida. Por iso encomiaba o fascismo coma salvación da civilización.

Cando Pinochet instaurou a súa ditadura, os bancos correron a  apoiala e a participaren nela porque era a conta para os seus ideais neoliberais. Non podía haber obxeccións: as cámaras de tortura encargábanse de que así fóra. Investidores internacionais, Banco Mundial, Estados Unidos meteron diñeiro coma area. Mesmo tiveron a  picardía de manter  en propiedade pública a empresa de cobre Codelco, que achega a maior parte da recadación pública.Aí esqueceron súas doutrinas. Pero, que sucedeu? Aos cinco anos arruinaran a economía. O Estado tivo que intervir máis que con Allende. E cambiou algo por iso? Non. De feito, cando Hayek visitou Chile durante a ditadura de Pinochet, dixo que non se atopou con ninguén que non dixese que había máis liberdade con Pinochet que antes, o que probablemente fose verdade, se temos en conta a xente que visitou. Iso é o neoliberalismo: parécelle perfecto saír da presente crise cun sistema moi parecido ao que instauraran en beneficio propio, pero máis duro, máis brutal, máis autoritario, con maior control policial. É normal, porque iso é perfectamente coherente cos ideais neoliberais de hai un século. Así que non deberiamos estar sorprendidos. Están a traballar sen descanso mentres a todos os demais están a dicirlles que queden en casa. Eles traballan moi duro para asegurárense de o día de mañá parecerse a iso. Unha guerra de clases a morte, sucedendo fronte aos nosos ollos.

UNHA REACCIÓN QUE PRODUCE ESPERANZA

VP: Mentres falamos, as rúas de Estados Unidos están a arder, a xente decidiu que xa non vai aceptar máis esta situación, tralo asasinato de George Floyd. Mesmo os liberais parecen estar a perder a paciencia. Por exemplo lin o outro día a George Packer, que escribiu un artigo co título “Estamos a vivir nun Estado errado”. É moi sorprendente ver un liberal escribir sobre o Estado errado. Conmove ver como asasinan a outro cidadán afroamericano, e tamén ver como a xente sae ás rúas; quero dicir, debería esta reacción darnos algún xénero de esperanza?

NC: O que está a suceder axuda a alimentar a esperanza. En primeiro lugar o asasinato de George Floyd non é un acontecemento extraordinario. Quero dicer, adoitaban suceder con certa frecuencia, pero ninguén lles prestaba atención. O que resulta prometedor, e é difícil dicir isto no medio das revoltas, é que hai unha reacción, e iso proba que se produciu unha especie de mellora no nivel de civilización do país. Antes pasaba desapercibido, polo menos moita xente consciente non participaba e agora si. Con todo, déixame ofrecer unha crítica respecto diso, é dicir, enténdoo, conmóveme, todo iso está moi ben, pero hai que decatarse de como a atención concéntrase nun deles que é un asasino, mais os outros tres quedaron inmóbeis, non fixeron nada. Están a aparecer numerosas denuncias contra os outros tres.

No entanto, de cando en vez resulta útil mirarse no espello. Sabes de alguén que quedase estantío a vista desta clase de sucesos, sen facer nada? Xente coma min, por exemplo, que fixemos para mellorar a situación que deu pé a isto? Podemos acusar aos policías que quedaron tesos, pero hai un problema de maior calado no lado branco: mesmo as persoas que son activistas, implicados, todos permanecemos practicamente tesos ante a situación. As protestas lembran as de 1992, tralo asasinato de Roger Rodney King pola  policía de Los Ángeles. Cando os policías que o asasinaron saíron do xuízo sen castigo algún, produciuse unha galerna de protestas. Na semana das protestas, morreron, coido, 60 persoas; chamaran aos militares e a consecuencia, como sempre, foi desviar a atención cara os manifestantes e proclamar que precisamos man dura e máis lei e orde. Eis a resposta típica que se dá fronte ás manifestacións, só que agora as protestas son máis numerosas.

Isto dá lugar a preguntas que os activistas deberían facerse. Compre distinguir entre tácticas que fan que sintas ben e tácticas que realmente conseguen algo bo. As que nos fan sentirnos ben son sinxelas: romper un trinque e demostrar o enfadado que estou; iso fai que me senta ben, pero que trae de bon? É un agasallo para o presidente Trump e para a dereita. Encántalles. A cuestión de que facer resulta evidente, sempre: son as protestas non violentas, que esixen valor e contención, as que conseguiron cambiar a opinión pública para que apoie a causa que defendemos. As protestas violentas sempre foron un agasallo para os elementos máis duros e máis brutais da sociedade.

VP: No Instituto Tricontinental estamos a lle dar voltas ao concepto de coronashock  e preguntamos por que os países máis capitalistas están a pasalo peor na pandemia, mentres os países socialistas resisten mellor. Un dos primeiros libros seus que lin foi The New Mandarins,  sobre Vietnam que agora, a pesar de compartir unha fronteira de 1.400 quilómetros con China, non sufriu nin unha soa vítima e doou 440.000 equipos de protección persoal aos EUA. Como debe entenderse isto?

NC: Sorprende observar as cifras de Vietnam, que non podo comprobar, pero que os científicos parecen aceptar. Chegando a pandemia, EUA estaba particularmente mal preparado, por  moitas razóns. Trátase da sociedade máis dirixida por empresas e orientada ao beneficio dos ricos. Isto é case unha tautoloxía. Os hospitais estaban a ser administrados seguindo un modelo de negocio, case como unha fábrica. Sen recursos de emerxencia, para non estragar cartos. Non funcionaría nin en circunstancias normais, mais nunha catástrofe ou mesmo nunha situación relativamente grave, a traxedia está asegurada.

George H. W., o primeiro Bush, creara un consello asesor científico e nada máis Obama tomar posesión pediulles propostas urxentes para trataren unha pandemia. Todo o mundo sabía que podía chegar e por iso pediulles criterio. En dúas semanas entregáronlle un plan moi detallado e aplicouse. Chegado Trump a presidencia, desmantelou con urxencia o consello porque non xeraba ganancias. Este é o neoliberalismo extremo, en lugar do neoliberalismo moderado; salvaxismo salvaxe en lugar de salvaxismo moderado. Desde o seu primeiro día no cargo, Trump retirou os fondos do Centro para o Control de Enfermidades e  eliminou programas de científicos estadounidenses que traballaban en China con científicos chineses para tentar identificar posibeis coronavirus. Un traballo duro e perigoso que de feito custou a vida a algúns científicos chineses. Trump desmantelou todo.

En poucos días, China identificara a secuencia do virus, o xenoma, e entregoulla a todo o mundo. Todo o mundo estaba ao corrente. Estados Unidos non fixo nada. Os servizos de intelixencia sabíano, as autoridades sanitarias sabíano, e non quixeron facer nada. Europa atópase máis ou menos no medio, algúns reaccionaron e outro non; nunca lles prestamos moita atención a estes asiáticos. Pero na zona de China case todos os países reaccionaron. Vietnam fíxoo de maneira extraordinaria, pero tamén Nova Zelandia e Australia reaccionaron, e contivérono; Corea do Sur dominou un brote moi grave sen perda de tempo. Sobre todo con análises, sen confinamento porque utilizaron técnicas de control e seguimento. O mesmo que Taiwan, Hong Kong e Singapur. Singapur tiña até hospitais que foran preparados para o caso de se producir a pandemia. Occidente actuou moito peor e Estados Unidos foi o peor de todos.

Ten que ver co papel das empresas e o compromiso do goberno coa saúde. Non sempre hai ditaduras que non se preocupan polos seus habitantes, pero nos países dos que falamos, estes dous conceptos están inversamente relacionados. Isto resulta en certo xeito evidente.

VP: Noam Chomsky, foi un verdadeiro pracer telo en News Click. Moitas grazas.

NC: Un pracer falar contigo. Até a próxima.

Traducción ao Galego para TSA de Moncho Fernández Leal.

Entrevista emitida en News Click o 6/06/2020

https://ctxt.é/é/20200601/Politica/32499/entrevista-Noam-Chomsky-Trump-pandemia-guerra-clases.htm

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *