ENCONTRO DO EMBAIXADOR DE CUBA COA FRANCISCO VILLAMIL EN COMPOSTELA

“Os cambios que está a facer Cuba na súa economía, diríxense a reforzar o socialismo e teñen como límite o equilibrio social”, dixo Eugenio Martínez Enríquez, embaixador de Cuba, nunha reunión en Santiago coa xunta directiva e socios da Asociacion de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”. Eugenio Martínez foi presentado polo cónsul xeral, José Antonio Solana.

O Embaixador acudiu a Galiza para ultimar co presidente da Autonomia o programa da visita institucional a Cuba, decembro vindeiro, e deu conta á Asociación das importantes transferencias de xestión previstas para 2014, centradas nun aumento importante da cooperativización e do comercio privado, a realizar sobre a propiedade socialista dos medios de produción que vai ser preservada.

ENCONTRO DO EMBAIXADOR DE CUBA COA FRANCISCO VILLAMIL EN COMPOSTELAEn relación coa ilegal inxerencia dos Estados Unidos sobre Cuba, recordou as incumpridas promesas de cambio formuladas por Obama en Trinidad-Tobago no comezo do seu mandado, un inmobilismo doblemente culpábel e inxusto no caso dos Cinco cuxa liberación é prioridade de prioridades para a opinión pública de Cuba e dos amigos de Cuba en todo o mundo.

O avellecemento da povoacíón, que compromete a continuidade do sistema de asistencia, os procesos de autonomización e eficiencia do emprego, os cambios de cadros de persoal e o obxectivo de diminución da importación de alimentos, foron outros asuntos tratados polo Embaixador.

No diálogo a seguir, Xosé Manuel Viquera definiu o 30 aniversario da “Francisco Villamil” como unha renovación do compromiso coa Revolución dende Galiza e Paco Sebio dixo que a diferenza entre as medidas liquidacionistas das garantías sociais por parte do Governo Rajoy e o tratamento da crise económica por parte de Cuba, honraba ao Governo Revolucionario. Neste senso recordou que “os amigos de Cuba, tomamos apoio de Cuba, máis que apoiar a Cuba”, en expresión de Santiago Alba Rico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará