Enrique Ubieta, cronista da experiencia médica e política da brigada cubana en Lombardía

Pressenza – Nelsy Lizarazo (Redacción Ecuador)

Desde o inicio da pandemia, as novas das brigadas médicas cubanas a distintos países do mundo chegaron como vento fresco. Hoxe, a Brigada Henry Reeve, premiada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) é un dos candidatos ao premio Nobel da Paz. Conversarmos sobre o inxente labor da medicina internacionalista de Cuba, co ensaísta e investigador Enrique Ubieta que acompañou en Lombardía a brigada cubana requerida polos italianos. A experiencia das mulleres e homes do destacamento médico dunha illa sen recursos e cercada e agredida polos EUA, axudando un pais de renda alta e medios hospitalarios de avangarda, merecía un cronista como Ubieta que ven de producir un relato da súa experiencia. Ubieta é autor de Ensayos de identidad (1993); De la historia, los mitos y los hombres (1999) e La utopía rearmada, que obtivera o premio EPO-Abril na súa primeira edición de 2001.

A Mole Antonelliana, o edificio simbólico de Torino, arde pola primeira vez en en luces en homenaxe a un pais extranxeiro.

Cando nacen e cal é o proxecto das brigadas médicas cubanas?

O internacionalismo médico cubano nace coa Revolución. No ano 60 vai unha brigada médica a Chile, onde a recibe Salvador Allende, quen, naquela altura, estaba lonxe de pensar que chegaría á presidencia. Falamos do 60! A seguir, as brigadas devén un feito habitual: van a Alxria, África ou América Latina, como parte do principio revolucionario de solidariedade externa, complemento da solidariedade no interior. Fidel anuncia nos comezos da Revolución que o país vai dispor de moitos médicos e que progresivamente compartirá  ese activo co resto do mundo. Logo da caída do campo socialista nos 90, houbera no mundo un retroceso da esquerda e unha recesión de  prácticas internacionalistas. Nesa altura, Fidel imprime renovada forza e compromiso ao sistema da axuda internacional médica. Arredor das importantes brigadas a Centro  América e Haití no 98, a conta dos furacáns Mitch e George empezan a xurdir diversas ideas ao redor desa presenza, que despois se estende por África e de novo a toda América Latina. En 2005 o furacán Katrina arrasa Nova Orleans, e Cuba ofrece ao goberno dos EUA unha brigada con máis de mil médicos e enfermeiros. Ese continxente recibe o nome de Henry Reeve, patriota norteamericano que pelexou na guerra de independencia de Cuba no século XIX e chega a xeneral: un home moi valente. O goberno de Washington recusa a axuda, mais o Continxente Henry Reeve comeza a asistir en catástrofes e guerras por dous, tres meses, o tempo xusto para axudar. No primeiro foi a Guatemala e Paquistán e a seguir ao resto do mundo.

A campaña contra o Ébola está contada nun libro teu

Unha das actuacións máis importante do Continxente Henry Reeve foi a do Ébola en Africa. O secretario xeral das Nacións Unidas   chamara ao presidente de Cuba para pedirlle que asistise aos países africanos contra o andazo e Cuba enviou 157 médicos e enfermeiros. Eu tiven a posibilidade de viaxar con eles, presenciar o traballo e escribír un libro sobre a campaña. Outro fito foi o da Covid-19 algo que aínda non rematóu. Cuba mandou brigadas a 39 países no mundo para axudar a erradicar a Covid-19 e por primeira vez na historia enviou brigadas a países do primeiro mundo, do grupo dos 7, como Italia. En Lombardía e Piamonte actuaron de maneira absolutamente gratuíta: nin o goberno Cubano nin os médicos nin enfermeiros cubanos recibiron un céntimo por ese labor. Actuaron nun país rico malia procederen dun país pobre, bloqueado ao máximo, buscando o goberno Trump asfixiarnos mentres eramos solidarios con outros.

A propósito da brigada a Italia, que ti acompañaches, que diferenzas advirtes entre os sistemas sanitarios de Cuba e Italia?

En toda parte hai persoas solidarias, de sentimentos nobres; o que cambian son os sistemas, que determinan o comportamento de algunhas persoas cara outras. En Italia vimos como están a derrubar o sistema da sociedade de benestar que existira mentres durou o campo socialista e agora está a ser invadido polos servizos privados. Nestes países con renda alta, a tecnoloxía obviamente é de primeiro nivel; os profesionais cubanos cos que eu viaxaba, primaron a relación cos  pacientes. Bloqueados desde o 60, nós carecemos da última tecnoloxía en varios campos da medicina o que, de súpeto, confrontaba dúas escolas, dúas maneiras de enfrontar a medicina: os facultativos italianos afeitos  resolver todo con 20 probas médicas coa última tecnoloxía e os ollos fixos no computador; os cubanos, namentres, preguntaban aos pacientes sobre o seu historial médico, auscultábannos, exploraban, examinaban,  observaban, recoñecían.  O director do hospital onde estabamos a traballar, observou que os médicos cubanos chegaban a unha conclusión ben antes que as análises informatizadas e con moitos menos gastos en recursos. Os médicos italianos logo tamén comprenderon a necesidade de conversar cos pacientes, de tocalos, de auscultalos e ese intercambio foi moi positivo.  O trato persoal co paciente acaba establecendo unha relación de confianza e afecto que inflúe na curación. Recibíronse moitas cartas de pacientes que saían de alta do hospital agradecendo aos médicos por esa relación de afecto. E por fin, o asunto da bio-seguridade. Os médicos cubanos veñen dun país tropical onde houbera varias epidemias que foron controladas (algunhas delas  creadas pola guerra biolóxica)  e están afeitos a lidar con andazos en todo o mundo. Especialmente co Ébola tiveron que aprender as normas de bio-seguridade porque podía custarlles a vida. Os cubanos estableceron un control de entrada e saída da zona vermella que foi mesmo contestada polos médicos italianos, con protestas de algúns recén graduados. O resultado foi evidente e eles recoñecérono dunha maneira moi aberta: durante tres meses, no hospital de campaña  traballaron mais de 100 colaboradores italianos e 38 médicos e enfermeiros cubanos e non enfermou un só traballador da saúde.  Mesmo acudiamos ás casas dos pacientes, algo que ali causaba sorpresa e visitamos un refuxio de rúa, para estancias limitadas a unha noite, de emigrantes prostituidas vivindo sen teitonin atención, para lles dar orientación epidemiolóxica.

Que efecto pode producir a experiencia de Lombardía e o contraste entre esas dúas formas de abordar o andazo?

Coido que é un momento propicio para reformular o sistema, pero iso non terá lugar se os cidadáns do mundo esperamos que ese cambio aconteza sen intervención, porque hai moitos intereses detrás, lamentabelmente. Non estamos a falar de atrancos insalvábeis senón de políticas para beneficiar a uns en detrimento de outros. A pandemia creou todas as condicións para o mundo cambiar, mais temos que cambialo entre todos. O médicos italianos cunha verdadeira vocación de solidariedade, de humanismo, de entrega á súa profesión apreciaron con toda claridade as potencialidades da medicina social e de todo o que se pode conseguir cando existe vontade política.

Tradución ao Galego para Terra Sen Amos de Rosalía Tamuxe

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará