Entrevista con Atilio Borón

Consolidada, a Revolución Cubana require rachar co inmobilismo social e burocrático.

Tal como o recorda todo o mundo, o 2009 comezou marcado polo cincuentenario da Revolución Cubana -cando, guiados polos posteriormente míticos Fidel Castro e Che Guevara, os guerrilleiros descenderon das montañas de Serra Mestra e derrubaron a sanguinaria ditadura de Fulgencio Batista.

Discutida segundo as preferencias persoais e ideolóxicas dos medios de comunicación e os seus respectivos opinadores, os acontecementos de medio século atrás permearon a vida de xeracións e inspiran ata hoxe ideais de ruptura e cambio social. Coa revolución consumada, o que se coloca de aquí para adiantes é o futuro da Illa, tema central da entrevista realizada por Correio da Cidadania co sociólogo arxentino Atilio Borón.

Atilio Borón
Atilio Borón

Para este investigador social, tamén columnista do xornal porteño Página/12, a revolución non corre ningún risco en Cuba pois xa está entronizada na poboación a conciencia de que unha capitulación ante as forzas do mercado “levaría Cuba ao século XIX”. De acordo con Boron, o momento en que a revolución podería ser derrubada xa pasou; as condicións máis favorables que habían para acometer unha tal empresa xa deixaron de existir.

Malia os desvastadores furacáns que asolaron o país en 2008 Atilio observa que Cuba conta hoxe con posibilidades para unha maior inserción na economía mundial debido aos convenios de cooperación asinados con China e Venezuela, entre outros. Mentres tanto o sociólogo afirma que os cubanos non se ilusionan coa elección de Barack Obama, pois de feito non houbo un auténtico cambio de retórica en relación á Illa.

Se non fose polos “revolucionarios barbudos” na actualidade o noso continente sería un inmenso e subxugado “protectorado” estadounidense, o que de por si torna a solidariedade co pobo cubano un imperativo para as nosas poboacións, resalta Boron.

¿Cal é o real significado das medidas que Raúl Castro tomou en Cuba relativas á propiedade agrícola, ás posibilidades de adquisición de artigos electrónicos, ao salario dos funcionarios estatais e á circulación de cubanos nas áreas turísticas, entre algunhas con maior visibilidade nos nosos medios de comunicación?

Estas medidas indican que a reforma económica dentro do socialismo está comezando a levarse á práctica. É o inicio dun proceso longo e difícil, porque se quere evitar, con toda razón, aplicar reformas que impliquen dun modo ou outro a reintrodución de relacións capitalistas en Cuba ou a ficción dun “socialismo de mercado”, onde o segundo remataría devorándose ao primeiro. Isto é o que, ao menos parcialmente, aconteceu en China e en Vietnam e os cubanos non están dispostos a incorrer nese mesmo erro. Esa sería a rota reformista máis doada, pero desencadearía unha enorme regresión económica e social na revolución cubana que remataría no seu práctico esgotamento. O outro camiño, o das reformas dentro do socialismo, é máis dilatado e complexo e non existen antecedentes internacionais que permitan extraer algunhas leccións acerca do que se debe facer e o que non se debe facer. As reformas da Unión Soviética culminaron nun fenomenal retroceso e con Rusia convertida nun país capitalista. E en China e Vietnam, como se dixo máis arriba, iniciouse un tránsito que, especialmente no segundo caso, ben podería rematar igual que Rusia. China é distinta, porque polas súas meras dimensións xeográficas e demográficas unidas á fortaleza do seu estado lle outorgan a posibilidade de fixar condicións ao capital estranxeiro (e ao nacional) que ningún outro país do planeta posúe. Por iso os cubanos están á vangarda da historia, facendo un experimento moi complicado. Por outra parte, a inédita circunstancia de que tres furacáns arrasasen a illa no 2008 obrigou a ralentizar o proceso de reformas e a moverse con grande cautela nunha situación de emerxencia económica nacional. Ademais, a continuación do bloqueo imperialista é outro obstáculo formidable nun proceso de innovacións como o que Cuba está a ensaiar.

Segundo vostede, ¿que é o que caracterizaría actualmente algúns “impasses” da sociedade cubana?

Creo que hai moitos factores. Na resposta anterior xa mencionei algúns, moi importantes como o carácter inédito de reformas socialistas dentro do socialismo, o bloqueo imperialista, a devastación dos furacáns. Habería que agregar outros: a existencia dunha burocracia con moi pouca vocación innovadora é un dos factores que tamén explica a existencia deses “impasses”. Outro elemento importante é a debilidade do debate económico en Cuba, que nos anos iniciais da revolución soubo ter unha notable densidade teórica, como o demostra o intercambio entre o Che Guevara e Bettelheim. Hoxe ese debate está ausente, ou ten unha incipiente presenza. As reunións anuais da ANEC foron un dos poucos ámbitos nos cales os economistas e os especialistas comezaron a discutir estes temas, centrados en torno a unha gran pregunta: ¿que facer ante a irreversible obsolescencia do modelo de planificación ultracentralizada? Se ese modelo funcionou no pasado, cousa que é motivo de intensas polémicas, non cabe dúbida ningunha de que xa non funciona máis. ¿Con que substituilo? Por outra parte, e isto sinalárono Fidel e Raúl de xeito reiterado nos últimos anos, hai unha tendencia “quietista” nunha sociedade que logo de cincuenta anos de revolución se acostumou a que os problemas, calquera problema, o resolva o estado. A consecuencia é a pasividade e o inmobilismo, e para cambiar requírese precisamente o contrario: activismo e mobilización. Finalmente, creo que o Partido debería cumprir un papel educativo e mobilizador que non estou seguro estea a desempeñar coa intensidade que se necesita. Faino, pero os seus esforzos son parciais e insuficientes. E isto agrávase pola aparición dun importante hiato xeracional entre os grandes líderes da revolución e a xuventude, que considera á epopea da Serra Mestra coa distancia dos acontecementos históricos e quere o cambio xa. Esta urxencia esperta, en amplos sectores da burocracia estatal, unha reacción “inmobilista” que lonxe de facilitar os cambios os torna moito máis difíciles.

¿Como será posible solucionar estes “impasses”? ¿Proseguirá Cuba o seu camiño socialista?

Estou seguro que si, que Cuba, que rompeu os moldes da tradición co triunfo da súa revolución nun país da periferia e subdesenvolvido e que, malia iso, sobreviviu a medio século de bloqueos, atentados e sabotaxes de toda orde, tamén saberá responder exitosamente aos desafíos actuais. Cuba é un país que conta cun amplo sector da poboación que posúe un elevado grao de conciencia política, como non existe nesa proporción en ningún outro país de América Latina e, talvez, do mundo. É ademais unha poboación que foi moi ben organizada polo Partido e que sabe que unha eventual caída do socialismo retrotraería á illa ao século XIX, coa mafia terrorista de Miami á cabeza e disposta a cobrar revancha pola ousadía de desencadear a revolución. Sabe tamén que os logros da revolución, en campos como saúde, educación, deportes, cultura, que ten a Cuba moi por enriba de calquera outro país de América Latina, serían varridos polo retorno da dereita en caso de que fraqueasen as forzas revolucionarias. Pero non hai tal perigo: Fidel mantívose a pé firme cando o socialismo se derrubaba en todo o mundo e a historia, tamén neste caso, “o absolveu” dándolle a razón. E o seu exemplo seguirá vixente, aínda despois da súa desaparición física, para inspirar aos millóns que están dispostos a entregar a súa vida pola defensa do socialismo e o comunismo en Cuba.

Especúlase moito respecto do tipo de socialismo que deberá existir en Cuba, aludíndose, por exemplo, ao modelo chinés e tamén aos gobernos de Chávez, Morales e Correa en América Latina, que tiveron un enfrontamento máis forte co neoliberalismo. ¿Como é que vostede encara esta cuestión?

Algo diso examinei in extenso nun libro que acabo de publicar e que se chama Socialismo Século XXI. ¿Hai vida despois do neoliberalismo? A tese central que non hai ningún modelo ou tipo de socialismo que se poida imitar ou que se atope listo para aplicar. Cada proceso é unha creación histórica única e máis alá dalgúns “comúns denominadores” -como por exemplo a intransixente batalla en contra das relacións capitalistas de produción (e non só do neoliberalismo) e a mercantilización de todos os aspectos da vida social, incluíndo dende os bens e servizos ata as ideas, as relixións, a política e o Estado- as experiencias concretas de construción socialista neste século serán moi distintas entre si. O de Cuba é inimitable; o de Chávez tamén, e o mesmo acontece co de Correa ou Evo. Vale aquí o verso de Machado, cun par de lixeiras variantes: “militante non hai modelo, faise o modelo ao andar “. Brasil, Arxentina, Chile, na medida en que abandonen as ilusións centroizquierdistas da “terceira vía” (que tanto dano nos fixeron e tanto tempo fixéronnos perder) iranse incorporando a este proxecto de construción socialista pero con características absolutamente propias, idiosincráticas, irrepetibles. E está ben que así sexa: esa diversidade de camiños cara ao socialismo enriquécenos e fainos máis fortes.

¿Existe o temor de que as forzas imperialistas poidan dalgunha forma dobregar a resistencia cubana?

Non o lograron en cincuenta anos, cando a correlación mundial de forzas era moito máis favorable para o imperialismo. Agora non teñen condicións para intentar algo así. A incorporación de Cuba ao Grupo de Río e á Unasur, así como a práctica expulsión do imperio na resolución da crise boliviana do ano pasado, demostra que, como di o presidente Correa, “estamos vivindo un cambio de época e non só unha época de cambios “. ¿Quen se imaxinaría fai apenas uns poucos anos que un presidente de Bolivia podería expulsar o embaixador norteamericano sen ter que enfrontarse, aos poucos días, cun golpe militar? ¿Quen podía pensar que a flota rusa faría manobras no Caribe coa Armada venezolana sen desencadear un exemplar escarmento dos Estados Unidos? ¿Ou que Ecuador podería dicirlle a Washington que non o renova o aluguer da base de Manta, estratéxica para o control político da área andina? A reacción imperialista non puido rematar coa revolución cubana cando existían condicións internacionais propicias para iso. Perdeu esa oportunidade, e hoxe esas condicións xa non existen máis. A revolución chegou para quedar.

¿Cál é a expectativa en Cuba en relación ao goberno de Obama e que relación se pensa ter cos estadounidenses a partir de agora?

Non hai grandes expectativas. Non pode haber grandes expectativas porque as declaracións de Obama en relación a Cuba foron bastante pouco felices, para non falar do malas que foron as de Hillary Clinton na súa audiencia de confirmación no Senado. Seguen esixindo “liberdades políticas para a oposición” sen recoñecer que en Cuba esa oposición é contrarrevolucionaria e está probadamente financiada e organizada pola CIA e as diversas axencias do goberno norteamericano. Existen ata filmacións que constatan que esa oposición é, en realidade, un grupo de axentes do imperio operando en Cuba. Obama dixo que non pensa levantar un bloqueo que foi condenado dende a Asemblea Xeral da ONU ata Xan Paulo II, pasando polas máis importantes personalidades do mundo enteiro. Creo que os cubanos, con razón, non se fan ilusión ningunha con Obama, e sería bo que no resto de América Latina tampouco nola fagamos. Se por algún motivo Obama “se saíse do libreto” e tivese xestos concretos de apertura, comprensión e maior racionalidade cara a Cuba, La Habana respondería positivamente.

¿Como viven os cubanos o momento actual? ¿É perceptible o crecemento dalgún tipo de ambivalencia na poboación ou persiste con forza o apoio á experiencia revolucionaria?

O apoio á revolución segue sendo impresionante. Por suposto, non é unánime, nin poderíao ser. Pero é moi forte. Iso non significa que aproben todas as políticas que segue o goberno revolucionario. Hai moitas críticas sobre a escasa oferta de alimentos, os baixos salarios, a vivenda, o burocratismo, o limitado acceso a Internet ou as restricións para viaxar. Pero a xente sabe que estes problemas se orixinan en causas que en boa medida exceden o que o goberno poida facer ou manexar. O bloqueo custoulle a Cuba case 100.000 millóns de dólares, máis de dúas veces o PBI da illa. O impacto sobre as finanzas públicas foi demoledor. Ademais, debido á permanente agresión de Washington, Cuba debe destinar a gastos de defensa unha proporción moi elevada do seu orzamento público. Se non existisen estas dúas condicións, é dicir, sen bloqueo e sen ameazas permanentes de ataque exterior, Cuba disporía de moitos máis recursos para incentivar a produción de alimentos, construír vivendas, mellorar os salarios. Pero esas condicións non existen, lamentablemente. Por suposto, aínda así algunhas cousas poderían mellorarse: por exemplo, adoptando unha política máis flexible en relación ao campesiñado para incrementar a oferta alimenticia, ou para explotar terras que seguen sen cultivarse. Alí pesa o papel dunha burocracia que se acomodou e que non está a pensar nunha alternativa “post planificación centralizada”. Outras restricións tamén causan malestar na poboación: o transporte era un problema moi grave, sobre todo n’A Habana, pero no último ano houbo unha considerable mellora grazas ao apoio de China. Internet é un problema, porque EEUU sanciona calquera país que lle facilite a banda ancha a Cuba. Agora Venezuela está a tirar un cabo submariño para resolver ese problema. En fin, hai protestas, ademais porque o pobo cubano é moi extrovertido e non ten temor ningún a expresar as súas queixas e demandas. Pero estas diríxense fundamentalmente cara a algunhas políticas e non ao réxime revolucionario ou ao socialismo. Moito menos cara á figura de Fidel. Cren, e teñen razón, que pode haber un socialismo máis eficiente, con maior capacidade de proporcionar benestar á poboación. Pero non se lles esquece que malia todas as limitacións e restricións, Cuba conta coa taxa de mortalidade infantil máis baixa das Américas, igual á de Canadá e menor que a de Estados Unidos, e tres ou catro veces máis baixa que a que teñen países potencialmente tan ricos como Arxentina ou Brasil.

¿Como se viu o Cumio das Américas, en Baía, os pedidos dos gobernantes para poñer fin ao embargo son cada vez máis frecuentes -mesmo a ONU manifestouse no mesmo sentido, por 17º vez, no 2008? ¿Existe na illa a ilusión de, finalmente, poder inserirse plenamente na economía ou, polo menos, de estreitar as asociacións e acordos con algunhas nacións latinoamericanas?

O cubano é un pobo moi culto e que aprendeu moito coa revolución. Non abrigan ilusión ningunha porque sabe que o imperialismo nunca deixará de fustrigar a Cuba e, polo tanto, a súa inserción na economía mundial dominada polas grandes transnacionais, moitas delas norteamericanas ou de países gobernados por aliados ou clientes da Casa Branca, estará enchida de dificultades. Non cren que no inmediato EEUU vaia levantar o bloqueo (non se trata dun embargo senón dun bloqueo, que é algo moito máis grave), aínda que se o fai sería unha gran noticia. Pero ao poder comerciar libremente cos países de América Latina e o Caribe, unida ao seu crecente relación con China, Rusia e outras grandes economías, Cuba pode resolver grande parte dos seus problemas. Por iso é de suma importancia que as maiores economías de América Latina, como Brasil, México e Arxentina, adopten unha política de solidariedade militante coa revolución cubana. Unha revolución que exporta médicos, enfermeiros, odontólogos, mestres, instrutores deportivos; unha revolución que axuda a desterrar o analfabetismo en Bolivia e Venezuela, que devolve a vista a millóns de persoas, que vende vacinas para combater enfermidades á marxe e moi por debaixo dos prezos do mercado. Unha revolución, en suma, que sempre foi solidaria cos nosos pobos e que merece a nosa máis rotunda solidariedade. Abonda con pensar, para os que aínda teñan dúbidas, o que sería de América Latina se a revolución cubana fose derrotada en Praia Girón ou se, logo da implosión da Unión Soviética, chegase á conclusión de que había que retornar ao capitalismo o antes posible. Se tal cousa acontecese en América Latina non existiría un Chávez, un Evo, un Correa, un Lugo, para nin falar da “centroesquerda”; estariamos convertidos nun inmenso protectorado norteamericano, e onde as figuras máis á esquerda da rexión serían políticos como Álvaro Uribe, Alan García ou Oscar Arias. Grazas á presenza inquebrantable da revolución cubana aforramos ese pesadelo. Por iso, a nosa débeda con Cuba será eterna e todo o que fagamos para axudala será pouco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *