“Fidel leva o ideal comunista europeo a realidade de América Latina” (Martínez Heredia)

Fernando Martínez Heredia – Cubadebate

(Síntese da aportación de Fernando Martínez Heredia á palestra de Telesur: “Vida e loitas de Fidel Castro”,  trasmitida na quinta, 11 de agosto de 2016)

Aporte maior de Fidel a América Latina é a Revolución Cubana: feixe de ideias, feitos, experiencia práctica, demostración e exemplo. A Revolución Cubana puxo en cuestión e resolveu asuntos fundamentais: as relacións entre a liberación nacional e as loitas pola xustiza social e de clases; deulles solución mediante a forxa dun socialismo latinoamericano. Fidel foi mestre dunha arte arrevesada: a da política revolucionária. O concepto de povo permitiulle convocar aos humildes á actuación revolucionária e darlle unha verdadeira solución socialista á comprensión do sistema de dominación. Atopou e puxo en práctica a estratexia acertada para a loita revolucionaria: as armas, as masas, a conquista do poder. Coa Revolución cubana e coas súas ideas, Fidel leva o ideal comunista europeo a realidade de América Latina, e pon o marxismo no español de América”.

"Fidel veu coa súa revolución, as súas ideas e o seu exemplo, e comezou unha nova época histórica no continente".
“Fidel veu coa súa revolución, as súas ideas e o seu exemplo, e comezou unha nova época histórica no continente”.

Fidel é antes de maís, en grados sempre extraordinários, un político revolucionário, un educador popular: o líder.

O momento histórico de América Latina mediado o século XX, podía ter virado a prol de calquera dos contendentes e das solucións posibeis, como adoito sucede. Fidel veu coa súa revolución, as súas ideas e o seu exemplo, e comezou unha nova época histórica no continente.

Os famosos anos 60 comezaron na Cuba do 59. Os lemas e as ideas non son menores por estaren simplificadas. Poñamos por caso: a expresión Primeiro territorio libre de América estaba máis cargada de sentido e era moito máis prometedora que o monte de palabras provocado polos cámbios sociais.

Formulando os problemas fundamentais do presente na procura de solucións, Fidel abriu a porta a elaboración de proxectos de liberación total en América Latina, é dicir, abriu a porta do futuro. Actualizou a recuperación do pasado verdadeiro: Bolívar, Artigas, Martí, Sandino, Guiteras, os grandes nomes do camiño longo foron resgatados, e a beira deles, a xente de abaixo entrou na historia e nos proxectos: líderes e loitadores de millentas revoltas, alzamentos, asoadas, resistencias e martirios, de séculos da historia colonial e neo-colonial do capitalismo en América Latina.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *