Fidel na Universidade da Habana: “Defenderemos sempre a cooperación e amizade con todos os pobos, dacordo as normas internacionais”

Pravda 27.01.15
“Desde o ano 2006, renunciei aos meus cargos por cuestións de saúde incompatibeis co tempo e esforzo precisos para cumprir un deber que me impuxen a min mesmo cando ingresei nesta Universidade, 4 de setembro de 1945, hai 70 anos. -explica Fidel Castro nun escrito con data de 26 de xaneiro, enviado aos seus compañeiro da Universidade da Habana que conmemoraban o aniversario do seu ingreso- Non era fillo de obreiro, nin carente de recursos materiais e sociais para unha existencia relativamente cómoda; podo dicir que escapei milagrosamente da riqueza. Moitos anos despois, o norteamericano máis rico, sen dúbida moi capaz, con case 100 mil millóns de dólares, declarou que o sistema de produción e distribución privilexiada das riquezas convertería de xeración en xeración aos pobres en ricos, segundo o despacho dunha axencia de noticias, xoves pasado 22 de xaneiro.

Fidel recorda o seu ingreso na Universidade da Habana.
Fidel recorda o seu ingreso na Universidade da Habana.

Hai 3 mil anos, os gregos foron brillantes en case todas as actividades: física, matemática, filosofía, arquitectura, arte, ciencia, política, astronomía e outras ramas do coñecemento humano. Grecia, con todo, era un territorio de escravos obrigados aos máis duros traballos en campos e cidades, mentres a oligarquía dedicábase a escribir e filosofar. A primeira utopía foi escrita precisamente por eles.

Reparen nas realidades deste coñecido, globalizado e moi mal repartido planeta Terra, onde cada recurso vital foi asignado en virtude de factores históricos: algúns con moitísimo menos do que necesitan; outros, que non saben que facer con tanto que teñen. No medio de grandes ameazas e perigos de guerras, reina o caos na distribución dos recursos financeiros e no reparto da produción social. A poboación do mundo medrou, entre os anos 1800 e 2015, de mil millóns a sete mil millóns de habitantes. Terá asi solución posibel o incremento da poboación nos próximos 100 anos e as necesidades de alimento, saúde, auga e vivenda que terá a poboación mundial calquera que fosen os avances da ciencia?

Deixemos por un momento estes problemas. Conmove pensar que a Universidade da Habana, nos días en que eu ingresei a esta querida e prestixiosa institución, fai case tres cuartos de século, era a única que había en Cuba. Hoxe contamos con máis de cincuenta centros de Educación Superior repartidos por todo o país.

Cando me invitaron a participar na xornada polo 70 aniversario do meu ingreso á Universidade, o que souben, sorpresivamente, e en días moi atarefados por diversos temas nos que talvez poida ser aínda relativamente útil, decidín descansar e matinar no recordo daqueles anos. Pasaron 70 anos, mais se houber de ingresar de novo a esa idade, como algúns me preguntan, respondería e contado que sería nunha carreira científica. Ao graduarme, diría como Guayasamín: “déixenme unha luciña acesa”

Naqueles anos, influído xa por Marx, logrei comprender máis e mellor o estraño e complexo mundo en que a todos correspondeunos vivir. Puiden prescindir das ilusións burguesas, cuxos tentáculos lograron enredar a moitos estudantes cando menos experiencia e máis ardor posuían. O tema sería longo e interminabel.

Outro xenio da acción revolucionaria, fundador do Partido Comunista, foi Lenin. Por iso non vacilei un segundo cando no xuízo do Moncada, onde me permitiron asistir, aínda que unha so vez, declarei ante xuíces e decenas de altos oficiais batistianos que eramos lectores de Lenin. De Mao Zedong non falamos porque aínda non concluíra a Revolución Socialista Chinesa, inspirada en idénticos propósitos.

Advirto, con todo, que as ideas revolucionarias han estar sempre en garda a medida que a humanidade multiplique os seus coñecementos. A natureza ensínanos que poden transcorrer decenas de miles de millóns de anos luz e a vida en calquera das súas manifestacións está sempre suxeita ás máis incribles combinacións de materia e radiacións.

O saúdo persoal dos Presidentes de Cuba e Estados Unidos produciuse no funeral de Nelson Mandela, insigne e exemplar combatente contra o Apartheid, quen tiña amizade con Obama. Baste sinalar que, xa nesa data, transcorreran varios anos de as tropas cubanas derrotaren esmagadoramente ao exército racista de Sudáfrica, dirixido por unha burguesía rica e con enormes recursos económicos. É a historia dunha contenda que está por escreber. Sudáfrica, o goberno con máis recursos financeiros dese continente, posuía armas nucleares fornecidas polo Estado racista de Israel, en virtude dun acordo co presidente Ronald Reagan, quen autorizou a entregar os dispositivos para o uso de tales armas coas cales golpear ás forzas cubanas e angolanas que defendían á República Popular de Angola contra a ocupación daquel país polos racistas. Dese xeito, excluíase toda negociación de paz mentres Angola era atacada polas forzas do Apartheid co exército máis adestrado e equipado do continente africano.

En tal situación non había posibilidade de solución pacífica. Os incesantes esforzos por liquidar á República Popular de Angola para desangrala sistematicamente co poder daquel ben adestrado e equipado exército, foi o que determinou a decisión cubana de asestar un golpe decisivo contra os racistas en Cuito Cuanavale, antiga base da OTAN, que Sudáfrica trataba de ocupar a ferro e fouce. o prepotente goberno racista foi obrigado a negociar un acordo de paz que puxo fin á ocupación militar de Angola e o fin do Apartheid en África. O continente africano ficou libre de armas nucleares. Por segunda vez, Cuba tivo de estar baixo risco dun ataque nuclear.

As tropas internacionalistas cubanas retiráronse con honor de África. Daquela sobreveu o Periodo Especial en tempo de paz, que durou máis de 20 anos sen levantar bandeira branca, algo que non fixemos nin faremos xamais.

Moitos amigos de Cuba coñecen a exemplar conduta do noso pobo, e a eles explícolles a miña posición esencial en breves palabras: non confío na política de Estados Unidos nin intercambiei unha palabra con eles, sen que isto signifique, nin moito menos, un rexeitamento a unha solución pacífica dos conflitos ou perigos de guerra. Defender a paz é un deber de todos. Calquera solución pacífica e negociada aos problemas entre Estados Unidos e os pobos ou calquera pobo de América Latina, que non implique a forza ou o emprego da forza, deberá ser tratada de acordo aos principios e normas internacionais. Defenderemos sempre a cooperación e a amizade con todos os pobos do mundo e entre eles os dos nosos adversarios políticos. É o que estamos reclamando para todos.

O Presidente de Cuba deu os pasos pertinentes de acordo aos seus prerrogativas e as facultades que lle conceden a Asemblea Nacional e o Partido Comunista de Cuba.

Os graves perigos que ameazan hoxe á humanidade terían que ceder paso a normas que fosen compatibles coa dignidade humana. De tales dereitos non está excluído ningún país.

Con este espírito loitei e continuarei loitando até o derradeiro alento.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *