Fidel, un legado universal necesario para a utopía e a supervivencia da Humanidade

MESC (Movimento Estatal de Solidariedade con Cuba)

Este 25 de novembro cúmprense 5 anos do pasamento de Fidel Castro Ruz. Desde o MESC honramos o grande legado revolucionario, non só para Cuba senón para o mundo no seu conxunto e a esquerda en particular, que deixou o líder da revolución cubana. A súa traxectoria política, tanto teórica como práctica, marcou a historia e o futuro do país na construción do socialismo cubano. Alén diso, a contribución de Fidel inspirou e segue a inspirar a outros pobos oprimidos e a moitas organizacións sociais que loitan contra as inxustizas do capitalismo. Son moitas as leccións que se desprenden da súa praxe política ao servizo da xustiza social e da Humanidade, evidenciadas aínda máis na actual crise sistémica da COVID19.

Maio de 2020 foi a primeira vez que a Mole Antonelliana de Turin ardeu en luces en honra dun pais extranxeiro.

Fidel é o autor intelectual do internacionalismo médico cubano e dos logros do país no desenvolvemento biotecnolóxico. A xestión exemplar da pandemia na illa é consecuencia da vontade política de crear un pobo culto e desenvolto educativa e tecnoloxicamente, e protexido por unha sanidade gratuíta e universal. Os avances científicos de Cuba, que permitiron inmunizar con vacinas propias a toda a súa poboación, incluída a pediátrica, son resultado da visión Fidel sobre a ciencia e a soberanía económica.

A colaboración altruísta de Cuba con outros pobos foi impulsada polo Comandante en Xefe no dealbar do triunfo revolucionario de 1959 e cabalmente completada cando os media do capital aseguraban que a Historia chegaba ao seu fin, alá por finais dos anos 80 e principios dos 90 do século pasado. Desde aquela, o pobo de Fidel desenvolveu unha práctica de solidariedade internacional que deveu nun sinal de identidade de Cuba, contribuíndo á dignidade plena do ser humano. O goberno cubano formou un persoal sanitario técnica e profesionalmente moi cualificado, e cunha ética fundada sobre o principio de defender a vida, seguindo a divisa marrtiana de Patria é Humanidade, unidas á humildade e o sacrificio que Fidel abanderou co seu exemplo.

Por outra banda, a visión xeo-política de Fidel, sempre adiantada ao seu tempo e ao servizo dos humildes e as causas xustas, alertou en máis de unha ocasión dos graves problemas da Humanidade, sinalando as súas causas e os seus responsábeis, o capitalismo e o imperialismo: a fame, a pobreza, a supervivencia da especie humana en risco, o analfabetismo, a falta de saúde, a destrución do medio ambiente, a discriminación da muller por motivos de relixión ou da cor da pel, o acceso dos pobos aos recursos naturais, entre outros males. Na actualidade, Nacións Unidas recolle algúns destes conceptos nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel na Axenda 2030 que Cuba xa garantiu ao seu pobo mentres contribue para outros pobos poideren realizalos.

Estes logros conseguidos pola Revolución Cubana baixo a dirección de Fidel son un exemplo de que un mundo mellor e máis xusto é posíbel. E para este obxectivo ter aínda máis dificultades, o contexto é o máis hostil posíbel, baixo o bloqueo económico, comercial e financeiro que os EEUU impón desde seis décadas á illa co propósito de afogarlle a economía. Con todo, Fidel demostrou que o pobo cubano é libre, soberano e digno, e que resiste todas as agresións e reveses convertíndoas en vitorias.

Porque Fidel e Cuba molestan aos poderosos, a figura do Comandante é atacada pola dereita e a extrema dereita. Cuba é un exemplo que rompe os muros do pensamento único e proba con feitos e con vitorias que se pode construír un proxecto de país con unidade e verdadeiro protagonismo popular, cunha revolución dos humildes, para os humildes e polos humildes. O maltrato informativo forma parte da grande matriz de opinión creada arredor de Cuba que trata de minimizar os éxitos da Revolución e o papel político de Fidel mentres maximiza as dificultades que enfronta o país, e censura ou relativiza o impacto do bloqueo dos EEUU. Cinicamente, os argumentos torcidos válenlles para acusar ao socialismo cubano de sistema fallido.

Fidel deixounos fisicamente, pero queda o legado de quen encabezou a esperanza, deulle a vitoria ao pobo cubano e transmitiu ao mundo a confianza nas utopías colectivas. A historia xa o absolveu. Agora tócanos a nosoutros e nosoutras seguir seu exemplo e manter vivo o seu legado. Será o mellor xeito de lle rendir homenaxe, e así multiplicar as súas ideas polo ben da Humanidade e as causas xustas.

25 de novembro de 2021

http://www.terrasenamos.org/italia-alumea-a-historica-mole-antonelliana-para-dar-grazas-a-cuba/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará