Fronte Antiimperialista Internacionalista: LECTURAS CONTRA O BLOQUEO

Ramón Pedregal Casanova

Da crítica en Kirkus do libro The Crime of Cuba, de Carleton Beals, no que o autor expón a situación desastrosa de Cuba baixo a ditadura sanguinaria, apoiada por EUA, de Gerardo Machado (1925-1933), a quen o escritor Rubén Martínez Villena titulou Asno con garras. A fotografía que Walker Evans titulou Habana en 1933 pertence ao libro Artigo. Tres semanas de ron e violencia: o tesouro que só Hemingway podía protexer, atópase na revista dixital de libros Lamardelibros.

I

Pecados de omisión, quizais mesmo máis que os pecados de comisión. A historia de Cuba é a historia da tiranía: España, Estados Unidos, Wall Street, e agora, estreitamente vinculada co pasado inmediato, a ditadura de Machado, que fai que Mussolini pareza un picnic dominical.

A Gerardo Machado seguíronlle outros gobernantes, provisionais que aguantaron unhas horas, un día, uns meses até Federico Laredo, ao que sucedeu Fulgencio Batista, que fixo carreira militar ascendendo entre golpes contra varios deles, até facerse coa presidencia en 1940. O seu último golpe de estado foi en 1952 entregado ao imperialismo, e foi derrotado pola Revolución dirixida por Fidel e o seu exército guerrilleiro. O triunfo do pobo en armas proclamouse o 1º de Xaneiro de 1959. Antes desa data, a fotografía social permanecería co mesmo carácter que a que ven aquí.

Entenden o motivo da revolución cubana?

Di o dicionario que o bloqueo é a pedra angular de toda campaña militar e unha opción valiosa nas guerras económicas contra a nación inimiga.

Convídolles a ler o poema de Maïakovski titulado Que ben!, do que se nos di na nota ao pé de páxina que o escribiu en 1926 para o 10º aniversario da Revolución de Outubro. Aí expón a historia de tan gran acontecemento en 1917: percorre a desorde dos primeiros tempos, os éxitos dos bolxeviques, o traballo comunitario, a fame, o tifo, o mercado negro e as intervencións militares. Recomendabel en toda a súa extensión déixolles aquí algúns dos seus versos referidos ao tema do bloqueo:

Xa se tente / o Branco, / xa o Negro, / o Caspio / ou o Báltico, / por onde / o barco / trate de pasar, / a ruta / está sempre bloqueada. / Por todas partes / -gardián dos mares- / o bull / de Inglaterra./ Por toda parte / o cerco do bloqueo, / por toda parte canóns / mirándote de fronte. / – Aos vermellos non lles gusta? / Teñen / fame? / cando / estean / no fondo / terán / todo o peixe / que queiran. …

O poema toma unha altura relevante cando -lembrándonos a acción de guerra contra a revolución obreira polo entón gardián dos mares e os seus acompañantes capitalistas- vemos que reproduce a agresión contra Cuba e Venezuela, -Venezuela xa sufriu un bloqueo en 1902-3 imposto polas potencias imperialistas do momento, Inglaterra, Alemaña e Italia- aínda que nesta ocasión hai un paso adiante dos revolucionarios: os barcos de Irán (outro país ao que bloquea o imperio desde hai máis de 40 anos) que levan gasolina rompen o cerco defendendo o dereito do pobo bolivariano e de todos os pobos á súa determinación, e pondo no alto o Dereito Internacional ao libre intercambio. O bloqueo estadounidense, rompeu.

O internacionalismo tivo sempre a man do pobo cubano: Compartimos o que temos, non damos o que nos sobra, é o seu principio. E os pobos que necesitan reciben persoal médico especializado, ensinantes, internacionalistas que axudan en diversos ámbitos. Cada día que pasa é un triunfo, e contra o seu triunfo, o imperio actúa como nos expón Maïakovski nos versos de máis arriba. O bloqueo que sofre Cuba desde 1959 é oficial desde o 7 de Febreiro de 1962 co decreto 3447 (27 fr 1085) e continúa recruado 12 gobernantes ianquis despois, perseguidores, carcereiros, escravistas de pobos libres, que se propuxo matalo de fame, seguindo ao subsecretario de Estado gringo Lester Mallory no seu escrito do 6 de Abril de 1960 (o documento foi desclasificado en 1990):

“A maioría dos cubanos apoian a Castro, non existe unha oposición política efectiva, o único medio posibel para facerlle perder o apoio interno é provocar o desengano e o desalento mediante a insatisfacción económica e a penuria. Hai que pór en práctica rapidamente todos os medios posibeis para debilitar a vida económica negándolle a Cuba diñeiro e subministracións co fin de reducir os salarios nominais e reais, co obxectivo de provocar fame, desesperación e o derrocamento do goberno.”

Por ser a revolución cubana un ensino histórico de antiimperialismo, deberíase aprender que o fin que proclama é motivo de unidade, unidade nun mesmo Fronte por encima de toda diferenza persoal, circunstancial ou afastada. Deberíase aprender que na unidade o corpo é compacto aínda que as moléculas internas que o forman móvense continuamente, como dicía o Comandante Chávez. Que ben! Cuba, Venezuela, espello no que queremos ver que se reflicte Gaza-Palestina, e o novo paso, o rompemento do bloqueo sionazi.

A Conferencia Naval de 1909 declara que o bloqueo é un acto de guerra económica.

O Artigo II da Convención de Xenebra condénao como xenocidio.

O bloqueo só pode xustificarse co acordado no artigo 51 da Carta das Nacións Unidas, que o aproba como un dereito de lexítima defensa, e os establecidos polo imperialismo son contrarios á Carta das Nacións unidas e ao dereito Internacional.

O bloqueo é un concepto militar de orixe alemán -blokhaus- que quere dicir illamento dun obxectivo e ten fins bélicos.

Unha das condicións para realizar un bloqueo, di o Dereito Marítimo Internacional, é que exista un estado de guerra declarado entre os Estados. Dita declaración de guerra ten que responder os artigos 1 e 2 do Convenio III da Haia referido á ruptura de hostilidades entre países.

Todas as regulacións que se refiren ao bloqueo indican que é contrario ao dereito Internacional se ten como propósito provocar a inanición da poboación civil ou negarlle o acceso a outros bens indispensabeis para a súa supervivencia. A isto engádese o que a potencia que exerce o bloqueo é obrigada a permitir o paso de víveres, subministracións médicas e bens básicos.

Se algo define ao bloqueo é a situación de guerra que establece o agresor: que o país atacado quede incomunicado, sen poder concertar nada co resto do mundo, ademais de sumar a iso outros sistemas de agresión para facer imposibel o seu contacto co exterior.

II

Por todo isto diciamos ao comezo que o dicionario define o bloqueo como a pedra angular de toda campaña militar.

Cuba sufriu un incremento do bloqueo xa en 1962 a partir da coñecida Crise dos mísiles e a invasión gringa derrotada en Praia Girón. Por entón o invasor levou a cabo asasinatos selectivos, ataques con bandas terroristas, bombardeos, afundimento de barcos, atentados con explosivos en avións, envelenamento de campos agrícolas e con guerra biolóxica contra o gando e as persoas, queima de colleitas de cana de azucre (como fan estes días nos campos de cereais de Siria), asasinatos de mestres e médicos, e asasinatos fóra de Cuba dos seus representantes, ?…e Cuba defendeuse nos organismos internacionais coa Lei na man. Fidel denunciou que eses mesmos realizaron 5.780 ataques terroristas, dos cales 717 foron contra instalacións industriais, iso só dentro do que o réxime de Kennedy chamou Operación Mangosta (1961-1963), sen contar os ataques posteriores, os ataques que chegaron até 1990.

“O bloqueo é unha guerra económica, é, ademais, unha guerra política, todo, e promove a sabotaxe, a subversión, é unha guerra total en moitos campos.” (Informe do Comandante Fidel Castro presentado ao V Congreso do Partido Comunista de Cuba. 8 de Outubro de 1977)

“O bloqueo é unha guerra económica contra Cuba, guerra económica; é a persecución tenaz, constante, de toda xestión económica de Cuba en calquera parte do mundo. EEUU traballa activamente, a través das súas canles diplomáticas, a través das súas embaixadas para exercer presión  a calquera país e castigar a calquera barco que transporte mercadorías a Cuba; é a guerra universal.” (Discurso do Comandante Fidel Castro na do na clausura do encontro Mundial de Solidariedade con Cuba. 25 de Novembro de 1994. (vídeo importantehttps://youtu.be/OoOklz4kKuA)

Unha vez roto o bloqueo imperialista obsérvase con máis claridade a falta de forza do imperio para imporse, apréciase mellor a súa decadencia, fíxase máis a atención na súa falta de iniciativa e a súa perda en cada enfrontamento que provocou en Venezuela e Oriente Próximo. A iso suma a súa imaxe desprezativa cara a todo o mundo na pandemia da Covid 19, roubando máscaras, respiradores, tentando o mesmo con vacinas a producir en Francia, Alemaña, China, roubando empresas, fondos financeiros a Venezuela, á que tamén se rouba en Inglaterra, en Portugal, en Colombia… O capital na súa expresión máxima ten espido o seu sistema para mostralo -cos seus banqueiros-empresarios-propietarios de medios de propaganda, polígono industrial-militar- como un único inimigo dos pobos na crise económica, só froito del mesmo, en que se enredou, e agora non pode saír se non é abandonando a millóns de persoas baixo a pandemia, crise capitalista da que se advirte que se agravará sen que se vexa o fin. Ao que exerce o bloqueo véselle ferido, egoísta, insensibel, ameazante, que será capaz de facer ante o mundo que lle vai restando poder? O mundo que vén,  que xa está aquí, preséntase dividido en zonas de independentes e outra baixo influencia, que á súa vez son cambiantes. Os antiimperialistas retroceden ou/e avanzan en busca da orde máis igualitaria. En Latino América o bloqueo a Cuba, Venezuela e Nicaragua é unha guerra non declarada á que o gran capital pode sumar outras accións.

A IV Frota estadounidense é a que se encarga de controlar e bloquear a Venezuela, a Cuba, a todo o Caribe e a toda Latino América. Vexan o que explica o politólogo Atilio Borón sobre ela no seu libro América Latina na Xeopolítica do Imperialismo: “… a cuestión da IV Frota é de fundamental importancia. … En momentos en que se intensifica a disputa por bens comúns inaccesibeis de xeito crecente ou de custosa extracción, bens dispersos por toda a superficie do planeta, o control dos mares e das liñas marítimas de transporte retoma a súa condición prioritaria, tal como ocorreu na historia de vellos imperios coloniais como España, Portugal e Inglaterra. ..Todo presaxia o desencadeamento dunha brutal contraofensiva que non haberá escrúpulo moral capaz de detelo… só estase esperando o momento oportuno para pór esa infernal maquinaria de destrución e morte en movemento. Ninguén desprega un dispositivo militar tan importante como o que hoxe angustia á nosa América se non ten a intención de, chegado o momento, utilizalo.

A Fronte necesita a todos os antiimperialistas. A serpe é máis débil cando está a cambiar de pel.

Traducido ao Galego para TSA por Moncho Fernández Leal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará