Grazas, Fidel

A personalidade de Fidel é parte da historia contemporánea dos agredidos no mundo polo que sen programas públicos de conmemoración, o seu 88 aniversario convocou comentarios en todo o planeta. No seu visitado sitio electrónico La Pupila Insomne, o xornalista cubano Iroel Sánchez escrebeu un  artigo  que ofrecemos en versión galega como mostra singular do extraordinario trebón de letras formado arredor de Fidel nesta data:

(Iroel Sánchez, La Pupila Insomne, 12.08.14)

“Foi dos primeiros en denunciar o que podia haber tralo atentado contra o avión malaio, so o ceo de Ucraina. Coidaron algúns que era moito cismar. Os feitos, outravolta, venlle dar razón.
“O vello raposo caribeño Fidel Castro non se deixou enganar e acusou Ucraina do disparo contra o avión, xustamente no comezo do infanticidio de palestinianos a mans da potencia nuclear de Israel”. Isto escrebeu o xornalisma mexicano Alfredo Jalife-Rahme.

Fidel, na serra de Escambrai en 1958
Fidel, na serra de Escambrai en 1958

Quen nega a sobedoria e experiencia política de Fidel? “Ouza medrar a relva e ve tras do muro”, dicía Raúl Roa en frase memorable e favorita do meu pai.

“Vai ao futuro, regresa e nolo explica”, contaba o presidente arxelino Abdelaziz Bouteflika, logo de se referir a sua lealdade:  “Tivemos o privilexio inmenso de ter como amigo ao compañeiro Fidel, que nunca nos fallou”.

Admirado por xente tan varia coma Nelson Mandela, Gabriel García Márquez, Gore Vidal, O Che Guevara ou Diego Armando Maradona, Fidel non nos pertence só aos cubanos. América Latina e África non serían as mesmas se a súa pegada de soberanía e xustiza non marcase todo un tempo do chamado Terceiro Mundo.

Hai en Fidel cultura, agudeza e asemade afouteza, ética e principios. No lle fallou nunca aos agredidos deste mundo, do Viet Nam a Namibia; dos pescadores cubanos secuestrados por piratas ao pai de Elián, reclamante do seu fillo detido inxustamente en Miami.

O que tivemos o privilexio de ser seus compatriotas e contemporáneos, vímolo ir por dediante en cada batalla: fronte a policía do dictador Batista, cortando caña, disparándo aos barcos gringos en Praia Girón, encabezando o recramos polos Cinco antiterroristas prisioneiros nos Estados Unidos, ou donando sangre para un povo ferido.

Adoitamos aprender dos nosos a bondade, mais como ten dito Silvio Rodríguez, Fidel “ensinounos qué facer coa bondade”. Cóntennolo senón millóns de alfabetizados en  corredoiras perdidas do planeta, os que por fin coñeceron médicos ou deron recuperado a luz do sol da man da Operación Milagre, pola solidariedade que Fidel fixo parte central da cultura de Cuba.

Grazas, Fidel, por dedicar cada día da túa existencia aos humildes da nosa terra e do mundo enteiro. Teñamos nós sabedoría e firmeza para no traicionar nunca teu exempro e teu legado”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *