Herminio Barreiro, o mestre propagandista da revolución educativa de Cuba

Herminio Barreiro foi amigo de Cuba e admirador e propagandista da grande obra da educación na Revolución. O mestre de varias xeracións de mestres, foi recordado o dia 8 no cemiterio do seu Sisán natal (Ribadumia) pola súa confianza na educación coma arma para cambiar o mundo e gañar a xustiza, a convivencia e a liberdade. Na invocación de despedida, o seu amigo Mendez Ferrín, presidente da Academia Galega, salientou o compromiso de Barreiro coa Revolución cubana como parte da súa condición de mestre que quería non só interpretar o mundo senón transformalo na dirección do socialismo.

O profesor Barreiro participou como asociado e amigo nos traballos da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”. El foi, por exemplo, o encargado de narrar o protagonismo de Ernesto Che Guevara na batalla contra a dependencia e o colonialismo en Cuba e en toda América, co gallo da efeméride “O Che un Soldado de América” organizada pola “Francisco Villamil”.

Herminio BarreiroPara a presentación da mostra “De Cuba para Galiza”, Barreiro reparou na común confianza do exilio galego e dos patriotas cubanos no poder transformador e liberador da educación. “A educación é riqueza. A educación é capital humano. A educación segue a ser un dos dreitos fundamentais da Humanidade -escribía Herminio Barreiro, no seu vibrante texto “Educación e Revolución nas relacións Galiza/Cuba”- A educación é tamén contribución imprescindíbel no camiño cara unha sociedade máis xusta e igualitaria, a mellor garantía de defensa das diferencias de atributos entre homes e mulleres e garantía, polo tanto, da igualde social máis irrenunciabel entre unhas e outros”.

En palabras de Barreiro, a “potencia popular” da emigración galega a América nos primeiros anos do século pasado e o seu patriotismo rexeneracionista, republicano e laico, racionalista, deixou a súa faísca tamén en Cuba onde se fixo “resplandor e fulgor na Revolución de 1959, sempre a alumear coma un faro o mundo enteiro: non foi por casualidade que a Educación se convertiu na estrela da Revolución dende o primeiro instante. Ainda que xa o fora durante o desarrollo da guerra e aparecía claramente suliñado no programa e nas primeiras proclamas do “Movimiento 26 de Julo”, a estrela máis rutilante da Revolución sería sempre a educación. As campañas de alfabetización dos primeiros 60 asombrarían ao mundo e convertiríanse nun dos programas máis exitosos de educación popular. Cumpriríase aqui a coñecida tese de que non pode haber unha revolución política triunfante se non vai acompañada dunha revolución pedagóxica paralela. Por iso sempre se dixo que un verdadeiro revolucionario é sempre un mestre e todo educador auténtico debe ser un revolucionario”

“A inquietude educativa de principios de século en certos círculos da Habana -recordaba Herminio Barreiro-, entre outros o Centro Galego irradiando sempre cultura viva, renace con inusitada forza política no ecuador do século XX, en forma dunha magna e completa revolución. A educación será a estrela indiscutida e o segredo máxico de Fidel. A palabra de Fidel e a súa pedagoxía política requintada, serán o instrumento ideal para encetar o camiño da liberación de América Latina, da “Nosa América de Bolívar, Martí e Fidel na segunda metade do século XX”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *