Homenaxe a Martí e aos Cinco en Vigo

A ofrenda a José Martí no 159 aniversario do seu nacimento, foi tamén unha homenaxe aos Cinco Herois Cubanos encarcerados nos Estados Unidos.

Alejandro Fuentes, Cónsul Xeral de Cuba, situou aos Cinco nun lugar especial da longa batalla de Cuba pola independencia e a soberanía, da que Martí é síntese e modelo. O Cónsul adicou un recordo de admiración e respeto para os 5 presos políticos cubanos encerrados en cadeas norteamericanas.

A homenaxe a Martí fora organizada pola “Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, perante a estatua de José Martí nos xardíns de Montero Rios de Vigo, e comezou coa intervención do presidente da Asociación, Valentín Alvite Gándara, quen recordou que o mérito principal do poeta e escritor, fora o seu protagonismo político na historia de Cuba así como a súa exemplar coerencia entre discurso e conduta.

Homenaxe a Martí e aos Cinco en VigoO presidente da “Francisco Villamil” leu unha mensaxe de Armando Hart Davalos, diretor da Oficina do Programa Martiano da República de Cuba, para o que Martí é unha síntese das personalidades decisivas na historia da independencia de Cuba.

O Cónsul Xeral da República de Cuba en Galiza, Alejandro Fuentes, citou a declaración de Martí de 1895: “As Antillas libres, salvarán a independencia da Nosa América” e a atribución ao pai da independencia da autoría intelectual do Moncada, en frase de Fidel Castro.

Mentres o mestre gaiteiro Antón Sánchez facía unha ofrenda musical a Martí, o Cónsul e o Presidente da “Francisco Villamil” deitaban aos pés do monumento, obra de René Negrín, un recordo floral.

Na ofrenda participaron o cónsul xeral da República Arxentina, Roberto Gudiño, Dick Hernández, cónsul de Cuba en Santiago e Luisana Sánchez Cohen, cónsul Da República Bolivariana de Venezuela, entre outras representacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *