Homenaxe dos amigos de Cuba a Mirta Rodríguez en Compostela

Terra Sen Amos/Compostela

Mirta Rodríguez Pérez, a nai de Antonio Guerrero, falou en Compostela dos Cinco Heroes Cubanos presos do Imperio. Mirta representa o sacrificio das familias dos patriotas privados de liberdade por defenderen o seu País e con 80 anos divulga por todo o mundo o valor e renuncia de René, Antonio, Gerardo, Fernando e Ramón que puxeran en perigo as súas vidas para prever e evitar os atentados dirixidos a Cuba dende o centro de Miami.

En Compostela, Mirta Rodríguez participou nunha palestra á beira de Alberto Betancourt Roa, asesor da Asociación de Economistas de Cuba e do Deputado Luis Morlote Rivas, presidente da Asociación Hermanos Saíz. Presentounos Xesús Veiga, presidente da Fundación “Galiza Sempre”.

Homenaxe dos amigos de Cuba a Mirta Rodríguez en CompostelaAlberto Betancourt dixo que a reforma da economía, lonxe de se parecer a unha aproximación ao sistema capitalista, é a continuidade na construción do socialismo a través da planificación económica e da garantía dos servizos universal. Morlote salientou as conquistas sociais conseguidas en medio do bloqueo que sitúan a Cuba nas medidas altas da asistencia e o benestar.

Mirta Rodríguez abogou por converter nun clamor a campaña mediática internacional como ferramenta de presión na procura dunha revisión das condenas dos Cinco.

A nai de Antonio Guerrero foi obxecto da homenaxe dos amigos de Cuba na Galiza, representados pola xunta directiva e membros da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” que lle deu conta de intervencións e programas a prol dos Cinco.

Na homenaxe participaron a delegación consular de Cuba, así como Alberto González Casal, diretor de información da Chancelería de Cuba e os citados Alberto Betancourt e Luis Morlote Rivas.

Mirta Rodriguez no centro da fotografía, á beira dos compañeiros cubanos e a diretiva da “Francisco Villamil”, porta o cartaz dos Cinco realizado pola Asociacion de Amizade Galego-Cubana.

A nosa esperanza é a voz do mundo clamando contra esta inxustiza” (Mirta Rodríguez)

Félix Povedano Mínguez – Tercera Información

Mirta Rodríguez, é a nai de Antonio Guerrero, un dos Cinco cubanos que foron detidos nos Estados Unidos cando se ocupaban de conter o terrorismo. Sucedera en 1998. Dende aquela permanecen presos no Estado de Florida. Mirta denuncia unha prensa que aguilloa aos Cinco e advirte que o conflito político entre EEUU e Cuba -no que se enmarca a detención dos Cinco antiterroristas- só rematará cando os grupos de opositores cubanos en Miami deixen de controlar a Xustiza e os Gobernos norteamericanos.

¿Cal era realmente a misión que Antonio Guerrero e os seus catro compañeiros estaban a realizar nos Estados Unidos cando os detiveron, en 1998?

Metéranse no acubillo dos terroristas contrarios á Revolución, emigrados a Miami cando esta triunfou e activos na formación de grupos para derrocar o Goberno revolucionario dende aquela. Non deron derrubado nada e nunca darán feito, porque o de Cuba é un Goberno do pobo, pero iso ninguén o entende, nada máis o entendemos nós, que o defendemos, vivímolo e protexémolo.

¿O obxectivo era, polo tanto, infiltrarse dentro deses grupos?

Si. Nos 90, houbera agresións biolóxicas e de toda clase contra Cuba. Dérase un andacio por unha bacteria espallada por eles, causante de mortes de nenos e persoas maiores. Superámola a costa de enorme esforzo.

(Intervén Luis Morlote Rivas, deputado da Asemblea Nacional de Cuba) “Hai algo que foi mistificado polos medios norteamericanos: os Cinco non estaban alí infiltrados para actuaren contra o Goberno dos Estados Unidos. Ainda así, acusáronos de actuaren contra a seguridade nacional. Non había tal. Os Cinco metéranse en organizacións terroristas anti-cubanas, que non son gobernamentais. Eis unha proba de que están apadriñados polo Goberno dos Estados Unidos”.

¿Por que o Goberno estadounidense non responde a esa acusación? ¿Ten relación con eses grupos? ¿Recibe presións?

(Prosegue Luis Morlote) Existe relación. Hai un grupo de presión anti-cubano de moito poder, sobre todo no Estado de Florida, que ten unha relación cos republicanos moi intensa.

Mirta: nunca o Goberno dos EEUU dera recoñecido a necesidade do Estado cubano nos anos 90 de infiltrar homes coma os nosos fillos para obter información. Unha información pública, sen violación de segredo de ningunha clase. Aínda en 2009, a xuíza non puido probar delicto documental; non o hai. Ela castígaos porque di que “había unha intención”. A acusación dos nosos fillos non é de espionaxe, é de conspiración.

O cargo contra o seu fillo é exactamente de conspiración para cometer espionaxe. ¿E a pena?

No comezo foi a violación máis brutal: impuxéranlle unha cadea perpetua máis dez anos; nunha revisión de sentenza de outubro de 2009, aplicáronlle 21 anos e dez meses, e a maiores liberdade supervisada de cinco anos por ter nacido nos Estados Unidos. É cubano porque veu a Cuba aos 35 días de nacer.

¿Que irregularidades houbo no proceso?

O Goberno inventou primeiro unha recompilación de documentos que podía ser dende unha receita médica ata o negativo dunha fotografía dos fillos deles mesmos. Ora, a esas probas non pode acceder ningún dos nosos avogados, por un protocolo de seguridade imposto polo goberno norteamericano. Os nosos fillos non saben de que se lles acusa nin que probas son esas, que de seguro non existen.

En 2005, nun panel de apelación de tres xuíces que analiza todas as transcricións do noso xuízo, celebrado en 2001, chégase á conclusión de que foron violados todos os dereitos, e que ademais xamais se podería facer un xuízo xusto na cidade de Miami a cinco cubanos.

Eses tres xuíces, por unanimidade, esíxenlle ao Goberno que ordene un novo xuízo e revogue a sentenza. Aseguran que alí non podería haber un xuízo xusto porque existen organizacións opositoras, como Hermanos al Rescate ou Alfa 66 mais Bush da revogado a unanimidade daqueles tres xuíces. Cando o avogado do meu fillo lle dixo á xuíza que, por favor, o mirase como a un home e non como a unha nación e que lle presentase as probas contra o seu defendido, a xuíza respondeu que non tiña probas que presentar, pero que estaba segura de que era a súa intención (a de cometer o delito). O xuízo dura sete meses, violáronse todos os dereitos civís e humanos. Un cargo que lle fan a un dos nosos fillos (en referencia a outro dos presos), Gerardo Hernández, aos cinco meses de empezar o xuízo, é o do derrubamento dunhas avionetas, que é un dereito de Cuba e foi o Goberno o que o fixo.

¿Esas avionetas, dun grupo opositor, estaban a sobrevoar territorio cubano?

Claro que era territorio cubano, iso puídose comprobar, estaban aí os satélites nosos, todo iso probouse. Estáselle a pedir ao Goberno de EEUU a revisión da filmación do satélite, os datos do satélite -que os ten- e non os quere dar. Se eles estiverden convencidos de non ser así, achegarían probas. Pediúselles unha vez e outra. Eis a proba de estarmos diante un caso político. Eles ven os nosos fillos como axentes do Goberno revolucionario que foron alí cometer espionaxe e esa non é a verdade, ese non era o seu labor. Foron combater eses grupos que aplican o terrorismo en Cuba. Iso está evidenciado.

¿O caso de René González, que está agora en liberdade cautelar nos Estados Unidos, tróuxolle esperanza?

René non é libre. Cando se outorga a alguén liberdade cautelar é de cara a reintegralo na sociedade, que sexa un home libre, e poder comprobar o seu comportamento en liberdade. René está obrigado a permanecer en Florida, non pode transitar porque non ten licenza de condución, non pode regresar a Cuba, onde está a súa familia.

Presentouse unha moción antes del saír, para a xuíza permitirlle regresar a Cuba e agora impoñen a espera dun ano por ver se a xuíza o acepta. Puido vir a Cuba 15 días, visitar o seu irmán doente terminal. Era o seu dereito pero veu a Cuba con limitacións; o pobo cubano non o viu porque, se o vía, René incorría en desacato.

Regresou aos 15 días, porque el non ten que incumprir norma ningunha, mesmo se non as cumpren con el.

¿No caso do seu fillo, están a formular ou formularon algunha nova apelación legal?

O ano pasado, presentouse un recurso colateral, no mesmo Miami, no mesmo ambiente. Era unha moción dos Cinco, un habeas corpus. Aportáronse probas de xornalistas contratados polo Goberno de EEUU (Bush, daquela) para manipularen sobre o caso. Estamos a esperar resposta. O noso caso está parado nese habeas corpus. Á parte, en xuño, pediuse unha vista oral de Gerardo Hernández. En maio, as esposas de Gerardo e de René presentaron unha nova solicitude de visa e contestáronlles que neses momentos non tiñan resposta.

¿Como é a comunicación cos presos?

Unha vez ao ano, ano e medio ou ás veces cada dous anos, nos comezos. Non obstante, con Obama houbo un cambio polo cal se pode ir dúas veces por ano. O ano pasado fun en outubro e despois en febreiro. Agora volveu aplicarse esa norma. Quero ir de agosto a setembro. A visa dánnola por un mes. Antonio ten tres días por semana. Non obstante, eu xeralmente permanezo alí só tres semanas (nove visitas en total durante o tempo que pasa nos Estados Unidos), polo temor de que o clima me impida volver en tempo e forma e para non prolongar o permiso de entrada e que me impidan realizar outra visita.

¿Ven diferenzas entre gobernos republicanos e demócratas?

Non hai diferenzas. Os problemas entre Estados Unidos e Cuba resolveranse cando a comunidade cubano-americana deixe de dirixir a Xustiza de EEUU e de posicionar o seu Goberno contra o noso país.

¿E non teme que cunha volta ao poder dos republicanos agrave a situación, limite máis as visitas…?

Imaxíne. Para nós os cambios nunca foron favorables. Eu teño unha razón, unha verdade, e por ela vou loitar até a fin do mundo porque se cometeu unha violación de dereitos. É o goberno dos Estados Unidos quen debe resolver este asañamento político. Eles sós non o van facer; quen pode que o resolva é a voz do mundo. A realidade é que os presidentes dos Estados Unidos débense a todos eses cubanos que sairon de Cuba ricos e agora son multimillonarios. Se remata este debate entre Cuba e EEUU, esa xente pérdeo todo.

¿Entón a súa esperanza está máis ben en que haxa algunha campaña de apoio internacional?

Por suposto, por suposto, esa é a loita, é o único que vai salvar esta historia ¿Por que cres que estou eu aquí? Trouxéronme os Amigos da Solidariedade. Recén chegamos de Sevilla, onde nos recibiu o Parlamento Andaluz. Din que nos van axudar e non é o primeiro parlamento que nos avala. Temos presidentes que nos están a apoiar, premios Nobel e agora, tamén organizacións relixiosas. Os nosos fillos lograron unir a todas as relixións de Cuba en apoio a esta causa.Esas son as esperanzas que temos. En representación do meu fillo e das cinco familias, dígoche con toda a honestidade, vostedes son a nosa esperanza.

Enlace á entrevista

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *