Ignacio Ramonet promove na Habana a defensa contra o dominio imperial dos datos

Cubadebate – Terra Sen Amos

Ignacio Ramonet chama Imperio de la Vigilancia ao novo estado de control mundial de datos en benefício do gran capital e para regresión das liberdades. O seu último libro, con este título, foi presentado na Feira Internacional do Libro da Habana por Rosa Miriam Elizalde, directora de Cubadebate, quen comparou o uso masivo de información na Big Data co estado de control integral descrito por George Orwell no seu 1984.

O xornalista galego Ignácio Ramonet durante a presentación do seu libro “El Imperio de la Vigilancia”, na Feira do Libro da Habana.

“O pasado volve –di Elizalde- e Facebook resgata os dous minutos de odio diarios, aquel rito dos cidadáns de Oceanía no que todos entraban en transo, descargando a súa ira verbal contra os disidentes do sistema orwelliano. Hoxe, o grande acúmulo de información na Big Data permite aos arquivos interpretarse a si mesmos e adiantarse ás nosas intencións. Indica canto saben as grandes empresas de nós e, o máis preocupante, expón o fácil que está sendo converter ás cacarexadas democracias en ditaduras da información dispostas a encerrar a cada cidadán nunha barabulla observábel, parametrizada e previsibel”

Á directora de  Cubadebate parécelle que El imperio de la Vigiláncia de Ignacio Ramonet, fora escrito por Winston Smith, o protagonista de 1984 (publicada en xuño de 1949) regresado á actualidade co sismo de Edward Snowden, o ex axente da CIA que revelou escandalosas violacións e espionaxe masiva da Axencia de Seguridade Nacional (NSA), dos Estados Unidos.

Elizalde conta o sumário do xornalista redondelán educado en Marrocos, fuxido da ditadura fascista: director de Le Monde Diplomatique en español, especialista en xeopolítica e estratéxia internacional, consultor da ONU, cofundador de Media Watch Global, autor de Cen horas con Fidel e de Hugo Chávez: a miña primeira vida. “Formidábel  xornalista por máis datos, que nesta ocasión explora a historia do grande sistema de vixilancia baseado nas novas tecnoloxías, que comezou fraguarse hai case 8 décadas e que rematou transladando a estrutura do control, de poder, case exclusivo do Estado, a mans públicas e privadas”.

A xornalista recorda que trala Segunda Guerra Mundial, EUA e Reino Unido crearan UKUSA, a alianza de cinco países para combater aos soviéticos. “De aí naceu a Rede Echelon, o sistema mundial que intercepta comunicacións privadas e públicas, e que non deixou de inzar en todos os novos medios de comunicación. Á cabeza desta rede está a NSA e o seu cerne, a Special Source Operations (SSO), o servizo de información máis poderoso da Terra. Google, Apple, Facebook, Amazon, Microsoft e outras grandes compañías de Internet fornécenlle unha inxente masa de información e, á vez, tiran grande proveito económico do pastel en liña”.

Coa centralización de Internet, a democracia digital, na que moitos confiaran nos seus comezos, revelouse un  engano, escribe Ramonet, quen aporta tal profusión de probas do que di que até os lectores familiarizados con estes temas quedarán abraiados. Na mesma dirección van, na segunda parte do libro, as entrevistas con Julian Assange, fundador de Wikileaks e refuxiado na Embaixada de Ecuador en Londres, e con Noam Chomsky, o académico que revolucionou a lingüística moderna e fixo a crítica máis feroz aos medios de comunicación convertidos en intereses privados, moitos delas transnacionais e sempre servidores da dominación ideolóxica.

Rosa Miriam Elizalde coida que esta lectura é de interese para os cubanos á luz dos cambios económicos e comunicacionais que están  a viver. “O coñecemento e a evidencia empírica contrastada dánlle a razón a Ramonet. Cando rematei o libro non puiden deixar de recordar unha entrevista recente con  Martin Hilbert, experto en redes dixitais que dirixiu un ambicioso proxecto para determinar canta información hai nas redes deste mundo. El dicía que a última vez había 5 Zetabytes de datos en Internet. Un ZB é un 1 con 21 ceros, que non di moito ao lector común. Pero si transladamos ese volume de información a libros, por exemplo, convertendo as imaxes ao seu equivalente en letras, 5 ZB significa que se poderían facer 4500 montañas que chegarían até sol. Só nos dous últimos anos creáronse tantos datos como os que se xeraran dende a prehistoria até o 2014. Cada 30 meses duplícase toda a información precedente, de modo que agora mesmo existen uns 10 ZB en disco duro. É dicir, 10 mil montañas de libros cara ás estrelas”.

“Mentres a información de case todo o que facemos a diário medra  a eses níveis case inconcebíbeis, o poder de computación aumenta tres veces máis rápido. Duplícase en menos dun ano e mellora a capacidade que teñen as máquinas de crear redes neuronais que funcionan de xeito moi similar ao cerebro e que organizan en cuestións de mili-segundos millóns de datos dispersos”.

O imperio da vixilancia revela a xuizo da preentadora esa realidade e recórdanos que “ao noso redor móvese un Big Brother: todo é espiado na sociedade exhibicionista da vixilancia e o control, que se dá o luxo de ter millóns de confidentes voluntários  como chama Ramonet a quen se colocan ledamente  un cansil electrónico. O libro é unha alerta do que comezou sendo o século XXI, unha ciber-xeografía viciada de totalitarismo, non só político senón mental. Facebook é presuntamente de balde, pero vale billóns de dólares pola información que posúe e negócia de todos nós. Os robots de Google len os correos electrónicos que se envían e reciben a través do seu servizo de correo, Gmail, para incluír neles publicidade relevante e de suposto interese para o internauta. Hoxe a pegada da persoa é o seu telefone. Cos datos do celular, cos chamados metadatos, ou sexa sen escoitar cada conversación nin saber con quen se fala, senón só con que frecuencia e con que duración utilízase o móbil, pódese facer inxeñería inversa e reproducir o 90 por cento dos resultados dun censo. Das dez empresas do mundo taxadas a un prezo máis alto, cinco son proveedoras de información. Esas poucas compañías posúen tantos datos e tal magnitude de procesamentos para identificar correlacións, que adquiriron a capacidade de predecir o que vai ocorrer e identificar o pre-delicto, como na película Minority Report. E como saben moi ben os informáticos, cando algo se pode predecir, pódese tamén programar, sexan máquinas ou persoas.

A presentadra recorda que non pasou nin un ano da primeira edición de El  imperio de la Vigilancia e novos feitos confirman os argumentos de Ramonet. “Vimos como nos EUA manipuláron os electores estadounidenses sen escrúpulo a través das redes. A partir de algoritmos que probaron que con 100 likes dunha persoa en Facebook pódese predecir a súa orientación sexual, as súas opinións relixiosas e políticas, o seu nivel de intelixéncia e de felicidade; que con 250 likes, pódese adiviñar o resultado dun test de personalidade mellor ca o faría a parella do individuo, e que cuns poucos likes adicionais, pódese saber máis dunha persoa que ela mesma. A compañía Cambridge Analytica construíu un perfil psicométrico persoal para cada adulto deEUA a medio de bases de datos comerciais e análises de redes sociais. A súa ferramenta permitiulle aos expertos da campaña de Donald Trump axustar as mensaxes exactamente aos intereses e gustos particulares de cada individuo, proporcionando así a marxe para a vitoria do republicano, que pagou 5 millóns de dólares a Cambridge Analytica.

Case todas as mensaxes emitidas por Trump baseábanse en datos e estaban dirixidos a bloques específicos de electores, de xeito que a súa aparente dispersión non foi senón un coidadoso reparto personalizado para persuadir aos votantes. O mecanismo é diabólico e un arma de fragmentación ao servizo desa ditadura informacional da cal fálanos Ramonet, que opera sen ningún amarre xurídico, e que pode traer consecuencias devastadoras para o planeta.

Coma a novela de Orwell, de fins da década do 40 do século pasado, este novo libro é un retrato da sociedade da vixilancia e un aviso do que podería ser a sociedade humana baixo un réxime semellante. Dinos que o Gran Irmán é un poder brosmo á beira da rede de organismos supra-nacionais non democráticos que han ir aparecendo e actuando, e proba dun xeito eficaz, indiscutibel e até elegante, que o verdadeiro problema do futuro non é a tecnoloxía, senón a política. Desde tempos inmemoriais, a autoridade política foi estructurada de xeito que, cara dentro, uns poucos gobernaron a outros moitos mentres que, cara fóra, o sistema internacional organizouse de forma xerárquica cun pequeno centro de poder e unha grande periferia. Nos dous casos, a dominación baseouse na superior capacidade tecnolóxica. Por que ían ser as cousas diferentes agora no imperio da vixilancia, pregunta o autor. Ramonet chama a actuar aos cidadáns baixo consígna Contra a vixilancia masiva, resistencia masiva. Reivindica a loita individual por manter un pensamento crítico, preservar datos persoais e encriptar as mensaxes? Tamén, reclama vontades a prol dunha Carta universal que dea garantías xurídicas aos nosos dereitos en Internet e convócanos a que asumamos riscos, coma Snowden, Assange e Bradley Manning, aos que se refire coma tres heroes do noso tempo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará