Inventiva e rigor da prensa Cubana para informar do furacán Matthew

Ariel Terrero – Cubadebate (traducción e edición de Terra Sen Amos)

Nada máis asomar no horizonte caribeño o furacán Matthew, a prensa cubana despregou artes verdadeiras de información e con profesionalidad e dilixéncia, deu conta da nova ameaza, as medidas de preparación, a desfeita de Baracoa e outras localidades do extremo oriental de Cuba e dos labores de recuperación. Os xornalistas saíron a busca da noticia para comunicala decontado e máis unha vez probaron saber facelo. A revista televisiva especial dirixida por Cristina Escobar e Lázaro Manuel Alonso, ben artellada cos tele-centros locais e co Centro de Prognósticos do Instituto de Meteorología, tivo expresións similares na radio. As radioemisoras provinciales e municipais inventaron solucións enxeñosas de conexión co resto do mundo. Na rede de redes, o seguimiento certeiro do furacán, propiciou en Cubadebate cifras históricas de visitas. A mellor evidencia da inventiva e rigor dos xornais foi a profusión de información xunto aos partes, imprescindíbeis, dos meteorólogos e da Defensa Civil.

A radio, a prensa escrita e a TV cubanas deron, superaron todos os retos do esmagador furacán.
A radio, a prensa escrita e a TV cubanas, superaron todos os retos do esmagador furacán.

A capacidade xornalística para manobrar ante Matthew e informar con precisión e inmediatez, recordoume o éxito da prensa noutros sucesos do pasado, de alta sensibilidade política. Aquelas coberturas fixeron historia probabelmente porque non agardaron -era imposibel facelo- por orientacións centralizadas. En xestión editorial, a eficacia das decisións é inversamente proporcional ao seu grado de centralización.

A vida, resistente a planificacións inflexibeis, puxo a proba á prensa cun xiro imprevisto. Cando Matthew parecía abondo afastado das costas cubanas e cesaran os comunicados especiais do Centro de Prognósticos, en internet apareceron previsións e mapas de expertos estranxeiros sobre un posibel retorno do malfadado furacán. Non todos os medios reaccionaron coa mesma dilixencia, pero o Doutor José Rubiera regresou ante as cámaras para desmentir con autoridade as novas alarmas e inxectar tranquilidade aos seus compatriotas. Por sorte, os acontecimentos déronlle a razón.

Este epílogo meteorolóxico de Matthew confirmou o enlace da sociedade cubana ás vías globais de comunicación. A información chega tamén desde emisores asentados alén das fronteiras nacionais. Recoñecelo é unha condición central na hora de argallarmos estratexias e accións de comunicación, como aconteceu esta vez, e como é decote necesário, endebén -a xulgar por outros eventos- parecen non entendelo ou aceptalo algúns actores sociais e funcionarios do governo.

Sen autonomía, non se tería dado a sintonia plena da prensa coa estratexia nacional de enfrontamento ao furacán. Non podería ser doutro xeito, coas liñas telefónicas e de electricidade deitadas e a bloquearen estradas, con pontes e centos de edificacións derrubadas. A prensa procedeu segundo norma do Consello de Defensa Nacional: a máxima autoridade tece centralmente os obxectivos e claves de preparación, que logo executa cada eslabón e territorio con responsabilidade proporcional á súa autonomía.

Na estratexia para preservar bens e, nomeadamente, vidas humanas, o sistema de información e comunicación volveu funcionar como eixo esencial para avisos, orientacións e partes de incidentes. No médio do trebóns, a cegas ou baixo a sarabia, é imposibel prever e tomar decisións acertadas. Na fase de recuperación, a prensa aportou os primeiros datos para identificar danos, esmagadores en Baracoa, Maisí, Imías e San Antonio do Sur, os concellos máis castigados da provincia de Guantánamo. Coñecidas as perdas, o país puido mobilizar axudas e recursos.

Fronte ao modelo de prensa dominante en Cuba, rexido por un método ou estilo esgotado de administrar información, a experiencia recente deulle a razón a Xullo García Luís no seu libro “Revolución, socialismo, xornalismo”. Non falamos dun modelo novo de prensa, xa que o labor e as vivencias fronte un furacán sempre serán excepcionais. Probamos métodos e desenvolvemos prácticas que serven de referencia e súmanse a outros rexistros da historia, en Cuba e no estranxeiro, ao vivo debate que dende hai anos manteñen os xornalistas cubanos, con puntos de vistas non sempre coincidentes, e propostas académicas máis elaboradas, como a de García Luís.

Nun dos concellos arrasados, Imías, os xornalistas da emisora local, Radio Playita, non dubidaron perante o rouquido estarrecedor de Matthew, e mediante un altifalante e o apoio dun grupo electróxeno, mantiveron informado ao povo ate o último minuto. Están afeitos a traballaren en condicións hostis. Adoitan viaxar en calquera camión de carga para pulsar a vida comunitaria menos coñecida. Os protagonistas das reportaxes son a mesma xente humilde que chama noutro momento á redacción para participar nun programa de perfil picante. Cos mellores recursos da comunicación -a fusión da ironía popular, case proscrita da prensa cubana do presente- a información transmite conflitos e insatisfacciones sociais, até obter resposta pública.

Outros medios preparan proxectos para unha renovación integral da xestión editorial e da súa actividade económica, coma o periódico Cinco de Septiembre, de Cienfuegos, e Cubadebate. Tamén estudan alternativas os diarios Granma e Juventud Rebelde, o xornal Invasor, de Ciego de Ávila, e Radio Rebelde, entre outras emisoras e publicacións. A Facultade de Comunicación da Universidade da Habana sumou investigacións de xeracións novas, de profesores e de profesionais de experiencia. A Unión de Periodistas de Cuba (UPEC) tamén contribuiu: unha comisión de expertos propuxo un novo modelo de xestión económica e editorial na prensa.

As iniciativas expresan a necesidade públicamente recoñecida de gañar eficiencia no sistema de información e comunicación e constitúen asemade unha reacción consonte as transformacións profundas na sociedade cubana e na contorna mediático global. A actualización do modelo económico e social, que é de feito unha renovación do modelo cubano de socialismo, demanda forzosamente outro xeito de concibir e facer xornalismo.

Ariel Terrero é Director do Instituto Internacional de Periodismo “José Martí”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará