“La Pupila Insomne” denuncia a reaparición de esmoleiros nas rúas de Cuba

Terra Sen Amos-Redacción

“La Pupila Insomne” nota que a reaparición en Cuba de esmoleiros e de buscadores do refugallo, a penas produce reacción. Iroel Sánchez, creador do sitio dixital, lembra que a rápida desaparición destas imaxes públicas da pobreza, fora un orgullo da Revolución.

“A presenza en áreas do centro da capital e doutras do país,  de fenómenos que practicamente desapareceran da paisaxe cubana  coa Revolución, coma a mendicidade e a rebusca no lixo, non pode ser vista con indiferenza cidadá e inercia institucional”,  escrebe Sánchez na súa páxina electrónica, a máis visitada de Cuba.

Para estas diarias manifestacións da necesidade sucederen, presume o autor do artigo a existencia de “algún baleiro na articulación concreta dese tecido social contra eses cubanos e cubanas que antes de máis son fillos da Revolución, malia teren sido abandonados polas súas familias”. VALE
Denunciada a indiferenza contra a pobreza, Iroel Sánchez demanda remedio: “co mesmo empeño que aplicamos en salvar a vida de calquera home o muller, sen preguntar se posúe ou non conta bancaria, compre evitarmos o dano progresivo á dignidade individual e colectiva que pode supor un só dos seres humanos que habita nesta illa ao resolver a súa existencia desde una situación semellante”.

O xornalista recoñece e admite o principio básico da reforma económica: aumentar a produtividade para poder elevar os salarios. “Con todo, o que non debería verse nunha sociedade coma a nosa,  é que alguén para facer cartos convirta en normal e frecuente o fozallar de seres humanos, poñendo en perigo a súa saúde e a dos seus veciños, no que outros desbotan, ou velos regresar aos comezos do homo sapiens a mallar latas de cervexa no medio da rúa cun coio na man”. O autor cita ao Ché, para quen a saúde e a dignidade dunha destas persoas val máis que todo o que puideren gañar nesa deboura. “Por ese perigoso camiño, mañá podería parecer normal que entre os que fagan ese traballo haxa cativos, e pasado mañá que eses nenos durman nas rúas como acontece en case todos los países “normais”.

Ler o artigo orixinal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará