“Latinoamérica é un continente en loita e o futuro é dos pobos” (Farruco Sesto Novás)

Poeta galego e ministro en varios gobernos de Hugo Chávez, Farruco Sesto fala de Venezuela e Cuba nunha entrevista con X.M. Piñeiro para o diario dixital Sermos Galiza, publicada 1 de abril. Nun mundo que desafia a verdade e reverencia a acumulación a calquer prezo, Sesto é fiel ao soño da igualdade, a xustiza e o amor representados polas revolucións cubana e bolivariana e comentando a recente homenaxe ao Che en Compostela, recorda a figura do Guerrilleiro como exponente máximo de xenerosidade e entrega, exemplo vivo para un continente no que a división de clase é a cada máis evidente. A seguir, reproducimos integramente a conversa.

Foto de C.L., Sermos Galiza

X.M. Piñeiro –Sermos Galiza

A vida de Farruco Sesto Novás (Vigo, 1943) pegou unha virada cando, aos 18 anos, emigrou a Venezuela. Desde entón, a  súa vida traza unha liña directa entre Galiza e Venezuela. Arquitecto, escritor, durante once anos estivo na primeira liña política, como ministro de Cultura, Vivenda e de Transformación Revolucionaria dos gobernos de Hugo Chávez.

– Vés de participar na Homenaxe Galega ao Che Guevara, acto que decorreu en Compostela a comezos de mes. Que sentido mantén a figura do Che no século XXI, non só para América Latina senón tamén para o resto do planeta?

– É unha figura clave nun mundo non sempre fácil de entender co rumbo que leva, co neoliberalismo desatado, onde a verdade non importa, non hai principios, non hai valores. Nun mundo cuxa mellor definición faina o actual presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, cando di que “ou es gañador ou es perdedor”. O soño dun mundo distinto, baseado nun sentido da igualdade, da xustiza, do amor, é máis importante ca nunca. E non hai figura creo eu que represente iso con maior desinterese que a do Che Guevara. Un exemplo de desprendemento, de xenerosidade, de entrega… Para moitos de nós e, para alén dos individuos, para os pobos que tratan de emanciparse, o Che é importante.

Por iso eu sentín gran pracer de ser convidado a este acto, onde lin un poema que xa ten o seus anos, é de 1967 (Pandeirada do Che). Ao mellor hoxe escribiríao doutro xeito (ri) mais creo que ten o seu valor.A Homenaxe foi un acto moi bonito e moi ben organizado.

–  Que cre que pasará en Cuba? En abril Raúl deixa o cargo e hai moitas expectativas, xa non digamos todo tipo de vaticionios e prognósticos, sobre o que pode ser esa nova etapa…

 – Coñezo ben Cuba, onde estiven moitas veces. A revolución é sólida, está afincada. Haberá novas circunstancias, claro que si, cambiarán cousas, tamén; mais a revolución, cos seus valores e os seus proxectos, pervivirá. Dáme a sensación de que é unha revolución indestrutíbel. Non sabemos como vai ser o mundo do futuro mais a revolución é un exemplo para os pobos. Haberá cambios, claro, xa os está a haber, a vida non é a mesma agora que hai 50 anos nin hai 10 anos. Pero esta revolución chegou para ficar, estou certo.

– De Cuba a Venezuela. Cal é a realidade venezuelana hoxe en día? Desde fóra non sempre é fácil coñecer esa realidade, hai un ruído, un discurso que é maioritario e reiterativo nos principais medios de comunicación que presentan un país colapsado e ao bordo da guerra civil…

–  Hai dúas Venezuelas, a real e a mediática. Por certo, aos venezuelanos acúsannos de populismo e non hai nada máis alleo á realidade. Chavez xa dicía aquilo de “non somos populistas”, explicaba que unha cousa era o populismo e outra o poder do pobo. O populismo ten moitas expresións: ten unha expresión económica, unha expresión social, unha expresión cultural… e ten tamén unha expresión mediática. Eu non vin cousa máis populista que os medios de comunicación españois, con contadas excepcións.

Hai unha Venezuela sometida a unha guerra, unha guerra integral, unha forma de facer a guerra sometida, que é moi feroz e moi cruel e que xera moitas dificultades. O único que nos falta é que nos bombardeen. Todas as outras circunstancias de guerra están presentes alí. E pese a iso, hai unha consciencia de pobo, que resiste, que gaña eleccións, que quere seguir co proxecto revolucionario e todo iso no medio dunhas circunstancias moi difíciles, na que queren destrozarte, arrinconarte… E nin con eleccións nin con violencia poden derrotar o pobo, esa Venezuela real, a que quere libre e democraticamente desenvolver un proxecto fermoso. Nada a ver coa Venezuela que está nos medios, e que leva a que mesmo xente de esquerdas acabe asumindo ese discurso e teña moita precaución para falar de Venezuela, semella que é un tema prohibido…

–  Hai sectores na esquerda europea que nun principio simpatizaban, apoiaban o que se coñece como ‘revolución bolivariana’ mais que nestes anos descabalgaron dela, como trazando unha diferenza entre a etapa de Chavez e a de Maduro, da cal se desvinculan…

–  Creo que non o senten así, o que pasa é que sometidos á chantaxe mediática, que non dá tempo a dar explicacións… E tamén un certo oportunismo nunha parte da esquerda. Pero hai moito apoio a Venezuela, eu vexo que hai moitas asociacións e colectivos, que hai mobilizacións e actos por todo o Estado español…

–   Antes preguntáballe polo legado do Che, agora fágoo con Chávez, Vostede coñeceuno ben, foi ministro de gobernos seus, escribiu sobre el…

–  Se tivese que definir a Chávez cunha soa palabra sería a palabra dignidade. As palabras da revolución burguesa que foron de progreso no seu momento foron ‘liberdade, igualdade e fraternidade’. Chávez incorporou a palabra dignidade, que é moi latinoamericana, moi martiana. Mais para nós é clave, a dignidade do ser humano, o amor, pero isto sería tema doutra conversa ben longa (ri). A dignidade de calquera persoa, a dignidade de calquera pobo, o dereito a loitar, a se emancipar contra todo tipo de discriminación, de explotación…iso está vivo. E o exemplo de que está vivo é a revolución venezuelana. Poderana denigrar, calumniala, silenciala.. mais aí está. E fíxate todo o que pasou! E aínda así gañamos tres eleccións nos últimos meses e imos gañar outra máis [refírese ás presidencias de 20 de maio].

 Chávez está presente, vivo, no corazón e mente dun pobo que non só o ama senón que está convencido do proxecto que el encarnaba, de desenvolvemento da conciencia do pobo. Chávez dicíanos aos ministros que a primeira tarefa era darlle o poder ao pobo, e o primeiro poder é o coñecemento, e iso tivo o seu efecto.

– Levamos apenas 10 minutos de conversa e xa pronunciou varias veces a palabra ‘amor’, o que pode chocar a moitos, un concepto así  nunha conversa de política, de procesos revolucionarios… Vostede mantén que o amor é fundamental

–  É clave! Por que alguén é revolucionario? Por que alguén quere transformar o mundo? Porque ten unha sensibilidade contra a inxustiza. Chávez falaba da “razón amorosa” ou “a causa humana”. Iso todos os revolucionarios o saben. O que pasa é que Chávez explicitábao. O Che, nunha carta que escribe a un director dun xornal de Uruguai, di “déixeme dicirlle, a risco de parecer ridículo, que o verdadeiro revolucionario está guiado por grandes sentimentos de amor”. Chávez fala diso, do amor e do afecto como ingredientes nunha revolución e iso relaciónao co sentido de dignidade que falabamos antes… que está presente nesa revolución. Amor contra o odio

–  Vimos duns anos nos que en Sudamérica están volvendo ao poder opcións conservadoras, en Brasil, en Arxentina…Estamos nunha etapa de refluxo?

– Hai pensadores que falan dun movemento pendular: ora hai unha vaga progresistas, ora vén unha conservadora. Eu non creo niso, creo que son procesos e obviamente o Imperio está sempre aí, socavando… Hai uns anos era a través de golpes militares, ditaduras… agora desenvolven outros métodos: afogar as economías, os golpes xurídicos como pasou en Honduras, Paraguay ou Brasil.. Ou sexa, é unha loita, e aí tamén están os pobos e nós estamos convencidos de que vai haber avances, aí están as loitas dos pobos arxentino, brasileiro… somos un continente en loita, e o futuro é dos pobos.

–  Unha cuestión complexa e delicada: o papel da comunidade galega durante todos estes anos de ‘proceso revolucionario’ en Venezuela…

–  É complicado, si. Non teño datos precisos. Eu coñezo moitos galegos, de primeira, de segunda e de terceira xeración que están con este proceso. Evidentemente, en Venezuela, desde unha análise de clase, a loita de clases é un escenario moi vivo. Cando ves a fotografía dunha marcha bolivariana e a fotografía dunha marcha da oposición vese claramente a composición social de cada unha. Algo que tamén se ve claramente no resultado das eleccións por sectores urbanos, por clases.

As grandes maiorías están co proceso bolivariano. As clases medidas están divididas e a gran maioría dos que teñen maiores ingresos están coa oposición. E na comunidade galega en Venezuela pasa iso. É unha comunidade moi grande, hai de primeira, de segunda e de terceira xeración. Aqueles que desenvolveron máis consciencia ou están máis integrados no pobo e que ben Venezuela como o seu país e non como unha simple oportunidade de facer cartos, pois esa persoa está co proceso bolivariano.

Eu traballei con Celso Emilio Ferreiro [o de Celanova estivo alí de 1966 a 1973]. Escribiu alí ‘Viaxe ao país dos ananos’, que tan polémico e controvertido fora. Mais son sectores que continúan presentes, felizmente non é toda a emigración galega.

–  Vai volver a escribir en galego? Vostede propio recoñeceu que comezara a escribir o galego máis por razóns políticas que literarias e a pesar de levar décadas sen facelo no idioma propio de Galiza, non desbotaba retomalo…

–  O horizonte da vida dun faise máis corta. Eu sempre sentín que o que tiña que facer era escribir pero a vida non mo permitiu. Cun horizonte máis próximo estou a ver como cadro para poder dedicar tempo a escribir, que é o que quero facer. Poesía, narrativa, contar as experiencias dun… hai moito por facer, moitas tarefas por diante e o tempo acúrtase.

–  Mantén algún tipo de contacto coa literatura galega?

–  Non en moito detalle pero si, sígoa. Claro, non coa asuididade que se precisaría…

–  “Farruco Sesto é o mellor poeta galego vivo, como case ninguén sabe”, escribira Méndez Ferrín en 1980..

–  (Ri) Estábase a meter con alguén, seguramente. Téñolle moito cariño, témonos afecto e admíroo moito. El quería chamar a atención sobre unha obra que non circulaba por aquí, e logrouno, aínda que dicindo unha cousa que non se axustaba á realidade (ri).

–  Como ve Galiza actualmente?

–  Gostaría escribir sobre iso.

–  E que escribiría?

–  Nós aprendemos moitas cousas de Chávez. O que falabamos antes do amor e a dignidade, un principio da política. Tamén aprendemos a historia como instrumento, a cultura, o papel da historia, da identidade… Tamén a importancia da unidade, a unidade é fundamental en política, unir todas as forzas, cantas máis se poida, porque o inimigo é moi poderoso, é planetario, o bloque hexemónico funciona como un so adversario aínda que teña moitas caras mentres que nós fraccionámonos moito.

Todo iso, en torno ao cal se desenvolveu a miña vida, eu ás veces reflexiono sobre Galiza e o tema do poder, o poder do pobo. Sería tamén algo para conversar máis de vagar. Eu creo que Galiza ten unha potencialidade enorme, un pobo marabilloso, e sen embargo está gobernado polo PP! Para min isto é difícil de entender. Se aplicasen algunhas das leccións do que acontece en Latinoamérica ao mellor podían cambiar un pouco o rumbo…

–  A esquerda en Europa semella ensimismada moitas veces nun debate eterno sobre si propia, sobre cara a onde ir, cal é o seu sentido, un debate moitas veces acuciado ao comprobar como os seus propios referentes – clase traballadora, maioría social…- opta eleitoralmente por outras opcións…

– Non debemos perder os principios. Aquilo tan famoso que dicía Marx de que non se só trata de comprender o mundo senón tamén de transformalo. Se ti te sentes de esquerdas a túa tarefa é transformar o mundo. E iso é construír un mundo onde non haxa inxustiza, onde na diversidade haxa igualdade. Ser de esquerdas é eliminar todo tipo de explotación. E se cres que iso non cabe, que esa non é a función, entón é que ao mellor non és de esquerdas.

Ninguén pode impoñer leccións a ninguén, hai cousas que ti tes que construír por ti propio, un contrapoder, un poder alternativo para facer fronte ao outro poder, a ese bloque hexemómico. Todo isto son retos para a esquerda, non pasan de moda. E para algúns é o que dá sentido á nosa vida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará