Lembranza de “El Gallego” Fernandez, heroe da Revolución e amigo da Galiza

Lina Lobeira – Santiago de Cuba

El Gallego Fernandez, finado na Habana dia 7,  pasaba dos 95 e fora vice-presidente de Cuba durante todo o periodo especial e ainda máis. Un tempo no que o Bloqueo agravado inzaba Cuba de problemas e emerxencias diarias, mentres os socios da Unión Europea deixábanse querer polos EUA para colaboraren nunha chamada ofensiva derradeira contra a Revolución. Neses anos El Gallego foi embaixador extraordinario na Galiza en trece ocasións, en boa sintonia cos gobernos de coalición na Xunta e excelente con algúns concellos e deputacións. No entanto, a fachenda da Xunta do PP non se correspondia cos votos do partido a prol do cerco a Cuba na Comisión da UE. Difícil tratar con paternalismo a alguén tan circunspecto e prudente coma este Heroe da Revolución que abriu discretamente a porta a unha etapa superior das históricas relacións galego-cubanas.

Cuba recorda a Fernández como “intérprete orixinal e criativo das ideas de Fidel”.

Fraga tentou converter o vice-presidente en espello de irmadade entre o PP e Cuba, unha pretensión que o politico cubano recusou sempre con claridade: “É certo que o goberno de Fraga tennos axudado, mais ideoloxicamente estamos a unha distancia enorme». En  roldas de prensa con medios inequívocamente fraguistas, e non por iso menos partidarios de cercar por fame a Cuba, El Gallego miraba con firmeza e paciencia de labrego de mans afeitas a un legón de catro libras, e despachaba preguntas de vagar con voz grave e irónica.

A consellaría da Galiza exterior dos gobernos de Fraga investiu naquela altura unha fortuna no obxectivo de recuperar as instituccións da emigración galega en Cuba, desertadas depois do 59 e asumidas polo Estado cubano. Unha política que non tomaba en consideración a consunción por idade e a fuxida da sociedade emigrante que se deixaba seducir polas acusaciós de saqueo e roubo patrimonial galego servidas polo exilio dende a Florida.

A Xunta fraguista presumia de contar coa complicidade de El Gallego para refacer o imperio emigrante mediante unha demente política de agasallos enviados por avión ao Caribe. A previsíbel inutilidade daquela demasía banal de pais pobre, debe situarse na hora da despedida do que fora vice-presidente durante a alta ofensiva dos EUA contra Cuba, logo de cair o COMECON. Do plano de recuperación das sociedades emigrantes como cabeza de ponte do PP dentro de Cuba, ficou, en todo caso, un proceso por estafa de familias emigrantes, urdido dende as beiras administrativas do Sar, reconstruibel nas hemerotecas, ou a decisión de enviar Carromero para facer práticas de condución de risco por carreteras de Cuba.

El Gallego Fernandez termou por unha relación nova entre Galego-Cubnos, construtiva e superadora da saudade emigrante  e asesorou asemade discreta e resoltamente a construción do vital consulado cubano en Compostela, unha institución que recoñecia o nome de  Galiza na longa loita de Cuba pola independencia. A figura de El Gallego, fica ben lonxe daquel barullo caciquil fraguista, que tantos fondos públicos autonómicos estragara, e permanece como amigo de Nós e heroe benquerido da Revolución.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará