López Obrador chama a Washington a arriar o bloqueo e dí que resistir 62 anos coma Cuba é unha fazaña histórica

Cubadebate – TSA

“Miguel Díaz Canel representa un pobo que soubo, como poucos no mundo, defender con dignidade o seu dereito a vivir libre e independente, sen permitir que potencia estranxeira ningunha se lle entremeta nos seus asuntos”. López Obrador adicou aos pais da independencia de México o comezo do seu discurso na efeméride nacional (16 de setembro de 1810) mais escolleu o espello de Cuba para refrexar a pendente emancipación continental do imperialismo dos EUA. “Resistir como Cuba 62 anos sen someterse, é unha indiscutible fazaña histórica”.

O Partido Comunista de México pegou cartaces de homenaxe a Cuba, na data do 16 de setembro.

En presenza do presidente da República de Cuba, Miguel Díaz Canel, López Obrador proclamóu que “o pobo cubano merece o premio da dignidade e a illa debe ser considerada como a nova Numancia polo seu exemplo de resistencia; coido que por esa mesma razón debe ser declarada patrimonio da humanidade”.

O presidente de México dixo máis: “o goberno que represento chama ao goberno dos EUA a arriar o bloqueo contra Cuba, porque ningún Estado ten dereito a someter a outro pobo, a outro país. É o intre de lembrar o que dicía George Washington: “as nacións non deben aproveitarse do infortunio doutros pobos”.

“Dito con toda franqueza –proseguiu Obrador- está mal que o goberno dos EUA use o bloqueo para impedir o benestar do pobo de Cuba co propósito de que este, forzado pola necesidade, ataque ao seu propio goberno. Fronte a dignidade de Cuba, se esta estratexia ruin lles dese resultado, converteríase nunha marranada miserábel; nunha nódoa desas que non se borran nin con toda a auga dos océanos”.

Mellor é o entendemento, o respecto mutuo e a liberdade sen condicións nin prepotencia, continuóu o presidente. “Aínda vive Jimmy Carter, que soubo entenderse co xeneral Omar Torrijos para devolverlle a Panamá o Canal e a súa soberanía. Oxalá o presidente Biden, que posúe moita sensibilidade política, actúe con esa grandeza e poña fin, para sempre, á política de agravios contra Cuba”.

Na procura da reconciliación, López Obrador reclamou axuda da comunidade cubano-estadounidense, e dixo que debería superar intereses electorais ou partidistas. “Compre deixar atrás resentimentos, entender as novas circunstancias e procurar reconciliación; é tempo de irmandade, non de liorna. Como sinalaba José Martí, o choque pode evitarse, co exquisito tacto político que vén da maxestade do desinterese e da soberanía do amor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *