Maduro acusa ao goberno de Colombia e a oposición do atentado frustrado no centro de Caracas

Terra Sen Amos, con información da Presidencia Bolivariana e de Resumen Latinoamericano.

Nicolás Maduro, que librou sábado dun intento de asasinato no centro de Caracas con bombas lanzadas con abesouros dirixidos mentres pronunciaba un discurso, apareceu pouco depois na televisión e dixo que no comando homicida participara a oposición venezolana e a ultra-dereita de Miami e Colombia, con mención expresa de responsabilidade do presidente sainte Juan Manuel Santos.

A guarda presidencial protexe a Maduro depois da segunda explosión que produciu sete feridos entre a audiencia.

“No dia de hoxe tentaron asasinarme e as evidencias sinalan á ultra-dereita venezolana, en alianza coa ultra-dereita colombiana e o nome de Juan Manuel Santos está detrás deste atentado, non teño dúbidas” asegurou o presidente de Venezuela quen a seguir anunciou os primeiros resultados das pescudas que responsabilizan a presidencia de Colombia e a financistas que residen en Florida, Estados Unidos.

Dixo que confiaba na promesa do Goberno de Trump de combater a terroristas coma os que viran de atentar contra a presidencia da República Bolivariana de Venezuela e lembrou que a o ataque tivera lugar depois de o presidente sainte de Colombia Juan Manuel Santos declarar que coidaba próximo o final do mandato do presidente de Venezuela.

Maduro relatou que o ataque consistira no enviou de máquinas voadoras tele-dirixidas e artilladas (abesouros ou drons) contra o estarivel no que el estaba a pronunciar un discurso sobre os 81 anos de fundación da Garda Nacional Bolivariana, na avenida Bolívar de Caracas, xusto cando estaba a denunciar o saboteo do sistema eléctrico e defendía o programa de recuperación económica e o Censo Nacional de Transporte.

O presidente mencionou que tomara a primeira explosión coma unha falla no lanzamento de pirotecnia preparado para o remate do acto, que foi seguida por un estourido detrás do estaribel no que estaba a falar. O ataque deixou sete feridos.

Maduro dixo que a súa primeira reacción foi de observación e serenidade porque asegurou ter confianza plena no pobo a na lealdade da Forza Armada. “A min protéxeme Deus, mais na terra quen me protexe é a Forza Armada”. A seguir anunciou a captura dos autores materiais do atentado e a recada de probas, nunha investigación á que xa se lle via o fin. “Para a historia ficará o recordo do que fixeran para deter a Revolución e a resposta popular para ultrapasar estas ameazas”. Depois do atentado, Maduro declarouse máis decidido ainda para loitar con renovadas forzas pola Revolución Bolivariana “e vencer polo único camiño que temos: o da paz e a Constitución”.

Acrecentou o presidente que en Venezuela triunfará a paz, a tranquilidade, o desenvolvemento e a prosperidade, co programa de recuperación económica que inclúe a reconversión monetaria e outras medidas tomadas de a pouco. “Dígolle aos opositores que degoran por viver no seu país, que eu son a garantía da paz para o seu soño poder realizarse; se por acaso un dia me deran danado de algún xeito, a dereita tería que verse as caras con millóns de humildes, de obreiros e campesiños, de soldados nas rúas que tentarian facer xustiza”.

Información procedente da presidencia Bolivariana e de Resumen Latinoamericano

http://www.resumenlatinoamericano.org/2018/08/04/urgente-atentado-contra-el-presidente-nicolas-maduro-varios-drones-cargados-con-explosivos-el-presidente-ileso-7-efectivos-de-la-gnb-heridos/

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *