Mais de 50 anos de bloqueo dun povo é unha violación maior dos Dereitos Humanos

Iroel Sánchez – CUBAHORA

O bloqueo económico, comercial e financeiro aplicado ao povo de Cuba dende hai máis de 50 anos, constitúe unha violación rechamante, esmagadora e sistemática dos seus dereitos humanos e se o Goberno dos Estados Unidos quere realmente promover políticas de axuda aos cubanos, o imperativo é que elimine as restriccións en vigor para desmontar de vez tan obsesiva e inxusta política. Cuba levou este argumento a segunda mesa sobre Dereitos Humanos en Washington ao tempo que amosaba a súa preocupación polo respecto e garantía dos dereitos humanos nos Estados Unidos, entre elas, as documentadas violacións do dereito á vida á luz das mortes por armas de fogo e a brutalidade e abusos policiais, en particular contra a poboación afro-americana, a maiores da crecente inseguridade cidadá.

Deseño de Alfredo Martirena Hernández
Deseño de Alfredo Martirena Hernández

Na Directiva do Presidente Obama para as relacións con Cuba, feita pública 14 de outubro, con varios aspectos de carácter positivo, a expresión Dereitos Humanos aparece once veces. O discurso dos Dereitos Humanos ocupa o cerne da política exterior dos Estados Unidos e verbo de Cuba. Desaparecida a Unión Soviética e retiradas as tropas cubanas de África, o asunto foi utilizado como  xustificación do bloqueo económico, as emisións ilegais de radio e televisión e os chamados programas de axuda á democracia, incrementados logo do cambio de política cara á Illa proclamado pola Administración Obama 17 de decembro de 2014.

Mais casualmente, a publicación da directiva ocorreu o mesmo día que na Habana, altos funcionarios de Cuba e Estados Unidos reunianse por segunda vez a proposta da parte cubana, para un diálogo sobre Dereitos Humanos que a publicación do importante documento presidencial desprazou absolutamente nos medios de comunicación. Segundo o comunicado publicado pola Chancelería cubana, nese diálogo: “Un dos exemplos do compromiso de Cuba coa protección dos dereitos humanos, é o seu alto nivel de ratificación dos instrumentos internacionais na materia, como Estado Parte, de 44 dos 61 instrumentos internacionais recoñecidos no tema, no entanto Estados Unidos asume só obrigacións con 18 destes instrumentos”.

A delegación cubana mencionou outras inquedanzas pola realidade estadounidense, como a desigualdade salarial entre homes e mulleres, a discriminación dos migrantes e outras minorías, os atrancos para a sindicalización e o baixo índice de traballadores afiliados, a importáncia da poboación excluida da seguridade social e dos servizos de saúde e educación; o traballo infantil e as crecentes e graves manifestacións de racismo e discriminación racial.

A representación cubana abordou asemade as violacións de dereitos humanos cometidas polos Estados Unidos noutras partes do mundo, nomeadamente no contexto da súa chamada loita contra o terrorismo. Salientou nese sentido as torturas cometidas en centros de detención e cadeas secretas, así como as execucións extraxudiciais, incluíndo mortes de civís a medio de ataques con abesouros (drones, en Inglés). Criticou, en particular, a permanéncia do centro de detencións no territorio ilegalmente ocupado polos Estados Unidos na badía de Guantánamo e as torturas e graves violacións alí cometidas.

Entre os propósitos da directiva presidencial estadounidense sobre Cuba está o de proseguir o apoio aos dereitos humanos, incluíndo a liberdade de expresión, relixión, asociación e reunión pacífica, endebén os informes de 2015 revelan que durante o mandato de Obama: “o goberno empregou unha lei antiga contra a espionaxe para fiscalizar e perseguir dúas veces máis persoas nos últimos sete anos que durante todos os governos precedentes dende 1917. Os acusados son funcionarios e xornalistas que buscaban dar a coñecer ao público violacións de liberdades civís e abusos de dereitos humanos polas autoridades. Unha organización nacional de defensa de xornalistas afirmou que as medidas de control de información polo governo actual son as máis agresivas dende hai 40 anos, e xornalistas veteranos dos principais medios acusan ao governo Obama de ser o menos transparentes e o máis encarnizado contra a prensa libre. A maiores, non se respecta o dereito á sindicalización, viólanse as normas de saúde laboral e centos de miles de menores de idade traballan no campo sen dereitos mínimos. Hai condicións de escravitude, quer na agricultura, quer nas maquiladoras urbanas”.

A espionaxe da povoación a grande escala foi denunciada coma violación das liberdades civís fundamentais. Unha concepción clasista dos Dereitos Humanos ampara este abuso, por exemplo, cando as forzas armadas actúan dentro e fóra dos Estados Unidos en situacións de emerxéncia, como aconteceu durante o furacán Katrina ou o sismo de 2010 en Haití: protexer a propiedade está por riba do dereito a vida.

O Departamento de Interior (Department of Homeland Security, ou DHS) encargado da vixiancia a grande escala e de protexer esa orde clasista, ten nas súas competéncias a aplicación da directiva de Obama sobre Cuba, onde se expón con total claridade cal é o comercio que debe protexer coa Illa: “O DHS reforzará a seguridade e a eficacia das cadeas de abastecemento e sistemas de viaxe transfronterizos en apoio da participación entre persoas e entidades de comercio dos Estados Unidos co sector privado de Cuba”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *