“Mans fóra de Cuba” berra a solidariedade en Compostela

Luisa Cuevas Raposo (Cubainformación) – Terra Sen Amos

A solidariedade con Cuba ergueu a voz unida, martes 20 no Toural de Compostela en convocatoria de emerxencia contra a ofensiva dixital externa, promotora dunha falsa imaxe de revolta popular que o fracasado asediante da illa desde hai máis de 60 anos, o goberno dos EUA, espalla agora nos media dominantes coma proxecto humanitario. Os responsábeis do Bloqueo e de todas as carencias e dificultades económicas de Cuba, os EUA, invitan arestora a opinión internacional a sumarse a un chamado comando de salvación que sen arriar o Bloqueo interveña na illa coma antes fixera o Imperio en Iugoslavia e Nicaragua ou como tentou de a pouco desde a fronteira colombiana contra Venezuela. A concentración de emerxencia foi iniciativa do Colectivo Internacionalista Mar de Lumes, co apoio da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, e nela coreárose lemas contra o Bloqueo e o imperialismo e en defensa de Cuba e a súa Revolución.  “O imperialismo destrue paises; Cuba salva vidas”,  podía lerse nunha extensa faixa.

Cubainformación.

En nombre de Mar de Lumes, Oscar Valadares recordou que a recente ofensiva estaba dirixida contra a soberanía e independencia de Cuba e a clara vontade popular de seguir unha dirección propia; recordou que o ataque chegaba no medio dunha insólita crise sanitária e que, querendo vestilo de asistencia humanitaria, os causantes do bloqueo non buscaban senón aganar a illa e o seu pobo.  

“Non estamos hoxe aquí para negarmos as dificultades que atravesa Cuba –precisou­­- senón para proclamarmos en todo momento e lugar, fronte a mentira: esas dificultades non poden explicarse sen aludirmos ao bloqueo económico e comercial que procura aferrollar o país e paralisalo”.

Advertiu que durando o bloqueo máis de seis décadas e depois de encarnizar seu infame cerco sobre a Illa, a nova ofensiva do goberno dos EUA non procura mellorar a situación das persoas que o pasan mal en Cuba, senón aproveitar os problemas para convencelas de que poden sair do paso se entregan a soberanía e a liberdade e regresan á dependencia e á subalternidade.

“Como xa é habitual- proseguiu- nada disto é explicado polos grandes medios de comunicación (…) que coa súa ocultación sistemática dos logros cubanos, xogan un papel esencial na guerra por mobilizar o medo e o odio e por desactivar a solidariedade e a amizade entre os povos. Non podemos permitilo”. 

Recordou que Cuba, sen invadir, bombardear nin bloquear ningún país veciño é o lugar verdadeiro no que a educación e a sanidade son bens colectivos. “É ese país que pode afirmar que non ten crianzas a durmir na rúa; é o país que, no medio da maior crise sanitaria da historia recente, puxo seus propios medios a traballar para producir vacinas que subministrar ao seu povo e enviar ao resto do mundo; Cuba é o país cuxas misións médicas están en 28 estados de 4 continentes, e mesmo antes da pandemia de covid-19, onde fosen precisas. Ese país que mesmo ofreceu axuda á Europa e aos Estados Unidos, cuxos poderes ollan para ela por riba do ombro e promoven a suxa feira de mentiras ás que temos que asistir a diário.¨ 

Negando ao  imperialismo dereito a se vestir de axuda humanitaria e a empregar a dor e as dificultades para conseguir seus obxectivos de dominación, dixo que fracasarían cantos pretendesen que a solidariedade internacionalista ficase calada e na casa. “E, sobre todo, non han conseguir que o pobo cubano fique en casa e calado: Dicimos non!”

No acto foi anunciada para a vindeira Segunda, dia 26, fronte a estatua de José Martí, no paseo de Montero Rios de Vigo, ás 20,00, a comemoración do Asalto ao Cuartel Moncada, ao se cumprir o 68 aniversario daquel feito heroico que había arestar o proceso revolucionario cubano e a caída da ditadura de Batista. A Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil chama a lembrar aquel feito heroico que tras dura loita realizou a independencia de Cuba e recorda que a reincidente campaña que o imperio lanza hoxe contra a illa, ao cabo de máis de 60 anos de cerco fracasado, está dirixida contra o valor de exemplo e coheréncia da Revolución Cubana, recoñecido por todos os paises do mundo na Asemblea Xeral da ONU.

Unha reflexión sobre ““Mans fóra de Cuba” berra a solidariedade en Compostela”

  1. Vale. Moita literatura sobre feitos inegabeis, pero realmente como podemos axudar a paliar con “pasta ” contante e soante?
    Acorde que hai anos, desde o centro de traballo, participar do envío de material diverso para Cuba. Pero agora quixera saber como podemos axudar realmente, á marxe de mobilizacións, de poder aportar esa axuda urxente.
    Non preciso nin comentarios nin novos artigos (aínda que teña que clicalos para que isto saia do meu computador). Quero dicir, non preciso máis literatura. Preciso coñecer, xa, feitos que aporten bens físicos á illa. Grazas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *