Manu Chao fala da relación entrañable con Cuba dende a súa infancia

R. A. Hernández e Yinett Polanco.

Hai 17 anos pisou esta Illa por primeira vez coa expedición Cargo Tour 92, aínda que Cuba fora unha palabra inseparable ao longo da súa vida. Entón presentouse no teatro Karl Marx. Desde ese momento, como unha necesidade inquebrantable, o músico franco-galego Manu Chao regresa cada certo tempo á Illa, á mesma Illa da que tanto lle falase desde pequeno o seu pai, o xornalista e escritor galego Ramón Chao, e que fose o berce do seu primeiro heroe musical: Bola de Nieve; a terra dun amigo sempre presente na súa casa: Alejo Carpentier e, sobre todo, o espazo de loita dun dos seus maiores símbolos: o Che. Precisamente para render homenaxe ao guerrilleiro e líder revolucionario cubano-arxentino regresou Manu Chao a Cuba este ano, con senllos concertos na Habana e Santa Clara.

Nacido en París en 1961, José-Manuel Thomas Arthur Chao é un dos músicos progresistas máis recoñecido no mundo franco e hispano-parlante. Alleo aos grandes circuítos mediáticos, este prolífico e políglota cantautor emprende a súa música de maneira crítica e comprometida coas causas do seu tempo, a partir de textos cargados de preocupacións sociais e unha amplísima combinación de ritmos procedentes de Europa, América Latina e África. Os seus álbumes máis recoñecidos Clandestino (1998), Próxima estación esperanza (2001), Radio Bemba Sound System (2002) Siberie me etait contée (2004), A radiolina (2007) e Baionarena (2009), véndense por millóns de copias.

Manu ChaoPara o antigo membro da banda Mano Negra, e desde hai varios anos líder da Radio Bemba Sound System, coa que ofreceu un memorable concerto na Tribuna Antimperialista da Habana no 2006, as súas agrupacións máis recoñecidas son dúas bandas de escenario que funcionan coa enerxía como primeira palabra. Pleno de emoción cando canta o mesmo nun gran estadio que nunha esquina improvisada, pero sinxelo e máis ben tímido na vida cotiá, Manu emprendeu esta viaxe coa Jiribilla durante dous días seguidos, conformando a retrincos unha conversación na que nos confesa as súas visións ao redor da música, os desexos de estudar Medicina en Cuba, as súas reflexións o redor dunha época inquedante e apaixonante ao mesmo tempo e a certeza que o acompañou neste camiño buscando un ideal, onde máis que respostas déixanos as súas eternas interrogantes: Cando será? Cando será? Por onde sairá o sol?.

-Estes dous concertos nos que participaches en Cuba foron en homenaxe ao Che. En varias ocasións comentaras que o coñeceras de neno. Para alén do líder , que é o Che, no persoal, para Manu Chao?

-É o exemplo dunha persoa á cal se podería describir cunha frase que estaba nunha caixa de Mano Negra, entre o dito e o feito, o camiño é dereito, ou sexa, actuaba sempre de acordo co que pensaba e hai pouca xente así. Non o coñecín pero dáche a sensación de que puña os seus actos á altura dos seus pensamentos. Lin cousas del. É un símbolo súper forte. En Europa sempre foi un símbolo da mocidade, a adolescencia, nos lugares de rock, sempre estaba aí o Che, como un irmán máis. O seu alcance é mundial. Cando fun a África, a traballar a Mali, a lugarciños pequenos son eles os que che comentan do Che porque saben que algo tes que ver con Latinoamérica e enseguida fálanche del, como dicindo, loita pa nós.

-E cando chegas a Cuba e a xente fálache non do mito, senón da parte humana?

-A visita ao Memorial foi moi forte por iso, foi conmovedor ver os seus obxectos, cousas que te levan a súa vida diaria: detalles coma o reloxo, o mate… Cando estiven ante os restos, sentín moito respecto; pero ante a parte humana dos obxectos no Museo, emocioneime.

-Contaches que na túa casa escoitábase moito Bola de Neve e logo chegaron os Van Van e Eliades Ochoa . Ademais do Che e a música, que outras razóns te unen a Cuba?

-As máis fortes son esas. O que máis me liga a Cuba desde a miña infancia que non o poderei quitar nunca da miña educación é Bola de Neve. Teño 48 anos e para a miña vida é moi importante: foi a súa música, o meu primeiro profesor, o meu primeiro heroe musical.

-Carpentier regaloulle ao teu pai, Ramón, o primeiro par de maracas que tiveches.

-Hai un detalle da anécdota de Carpentier sobre min, que o meu pai me contou hai anos pero non lembro ben, algo lle dixo Carpentier ao meu pai de que eu ía ser músico, el avisoulle á familia.

-Hai pouco participaches na Feira do diario comunista francés LHumanité, onde se realizaron actividades relacionadas con Cuba, como cualificarías a imaxe que do noso país existe en Europa?

-Hai varios níeis: ao nivel do público que vén aos nosos concertos hai unha imaxe positiva, o problema son os medios de comunicación, onde é horrible como queren describir a Cuba, non é información, non é xornalismo, é pura propaganda anticubana e xa sabes como son os grandes medios neoliberais de comunicación, que a forza de bater acaban machucándoche, e constantemente repiten a idea de que Cuba é ditadura, e só falan mal da Illa e nunca dos seus logros que existen, que están na educación, na saúde, que son evidentes e aí nin mu.

Entón, o traballo de cada día é desmontar esa propaganda. Por iso, en cada entrevista alí ou me chega a pregunta ou a provoco, porque non é xusto, dá unha rabia terrible cando ves como expoñen os grandes medios de comunicación que o diaño de Latinoamérica é Cuba.

Calquera persoa que viaxou por Cuba e outros países da rexión sábeo. Xa o comentaba o outro día, o inferno non o vin en Cuba, vino noutros países, vin cousas moito máis duras, violentas, inaceptables. A pelexa alí é esa, reequilibrar a información. De todos os xeitos hai moita xente que manda outra información sobre Cuba, pero o problema son os medios.

-No Vello Continente de que modo se recibe a cultura cubana?

-Os músicos cubanos foron embaixadores extraordinarios, á parte da xente que coñece máis ou menos a Cuba e busca sempre cousas para informarse, moitos outros se sensibilizaron coa película do Buena Vista Social Club, que calou fortemente a nivel popular, en toda Europa, até a última aldeíña do continente. Máis que a película a música foi moi escoitada. Vas a calquera recanto perdido en Francia e cantas algún deses temas e as persoas cántano contigo, é case parte do folclor de alí, chegaron á alma de xente de toda clase, de calquera idade. Por mor diso moitos comezaron a interesarse, a coñecer outras bandas.

-Como é a túa relación cos cubanos cando chegas á Illa?

-É moi lindo o que pasa coa xente, xa sexa na Habana ou no Mejunje, onde foi verdadeiramente entrañable, e as ganas agora é volver o máis rapidamente posible con toda a banda, porque de rumbitas pasámola ben e espero que á xente lle guste; pero teño ganas de vir con toda a banda a facer un show de tres horas, facer unha xira pola Habana e a outros lugares de Cuba. Paréceme moi entrañable ver rapaces que me crucei na proba de son e dixéronme que percorreran cen quilómetros para vir ao concerto. A verdade é que houbo un trato moi lindo coas xentes e danme ganas de volver coa banda para dar máis.

-Logo de vivir en varios lugares de América Latina, non pensaches quedar en Cuba por un tempo?

-Sempre mo plantexo cando veño aquí. Á máis de músico, gostaría de ser médico, quero aprender Medicina, e que mellor lugar no mundo que Cuba para facelo?, estívenmo plantexando toda esta semana como opción de vida. Quero aprender a curar á xente e busco profesores polo mundo, faime falta un pouco de tempo pero un día vou tomar esa determinación. Toda esta semana estiven pensando que mellor lugar no mundo para atopar eses profesores que en Cuba?, onde ademais podo atopar os mellores profesores de música, todo cubano é un profesor de música.

-Imaxina que nuns anos alguén entre á túa consulta e dígache: pero si eu teño todos os teus discos.

-Coido que nunca curarei nun consultorio, seguirei camiñando por aí e onde chegue tratarei á xente. Pero non me vexo nun consultorio, véxome camiñando coa guitarriña e con sabedoría de curandeiro, que mellor agasallo para unha persoa que librala de molestias? Apaixoante. Devagar vou aprendendo a aliviar algunhas penas, pero fáltame moito camiño.

Iso é o que me falta con Cuba, sempre veño facer concertos, a pasar unha semana pero gustaríame quedarme máis tempo, digamos seis meses para entendela mellor, máis profundamente. Haberá tempo para iso.

-Nesta viaxe acompañouche Jacek Wozniak, pintor co cal traballaches por moito tempo, ou sexa, que non só se dan os concertos, senón tamén as artes plásticas homenaxean ao Che.

-Ao principio cando Jorge, o meu representante, faloume de vir aquí estes días non nos falaba de concertos. Eu estaba con Wozniak e o primeiro que pensamos foi: imos alí e pintamos un cadro, porque temos unha expo xuntos. Wozniak vén moito a pintar á miña casa porque vivo nun taller onde hai moito espazo, e o primeiro traballo que fixemos xuntos foi o libro Siberie me etait contée. Tiña nese entón moitos textos abandonados facía anos, escritos de mocidade en francés, que para min eran cancións erradas. Un día el chegou ao estudo, empezou a ler todo iso, preguntoume se podío levalo e regresou á semana con cada texto acompañado dun debuxo. Coidaba que aqueles textos non funcionarían mais cos deseños era diferente e decidimos facer ese libro onde el pintou sobre os meus textos e aprendemos un oficio, porque foi un ano de traballo no cal aprendemos a facer un libro, fixémolo todo nós: escribir, pintar, confeccionar, escoller o papel, ir ao prelo, foi lindo.

Logo continuou vindo pintar á miña casa, e un día plantoume un coitelo na alma cando me dixo: agora tes que escribir sobre os meus cadros. Dixen que non por moitos meses porque unha cousa é traballar en Photoshop, onde si non serve bórralo e non pasa nada, e outra é escribir nun cadro onde non o podes borrar. Eu non teño ningunha técnica, pero tanto insistiu que un día me lancei a graffitear un cadro del e aí empezou a expo que temos agora que se chama Manwoz, de Manu e Wozniak, que se exhibiu en bibliotecas, en lugares abertos para que o poida ver o pobo. Espero que podamos traela aquí un día, sería un soño.

-Unha das características que máis che sinalan é a enerxía que transmites enriba do escenario.

-De adolescente era máis observador, as festas montábanas os colegas, a min nunca me gustou ser o centro de atención, sempre estaba no recuncho máis escuro observando e pensando: por favor que ninguén me saque a bailar. Agora chego aos lugares e todo o mundo mírame, afíxenme pero non é natural para min. Antes dos concertos cústame, estea onde estea, nunca se me quitou, agora mesmo non me sento ben, estou nervioso, inquieto. Daría todo o ouro do mundo para cambiar todo, e o plan para esta noite fose irse ao río a pescar, pero logo empeza o show e ao segundo de subirme ao escenario séntome feliz e despois do show ultrafeliz. Todo o bonito do show págoo antes, todo págase na vida. Tento usar técnicas para aceptalo, para estar tranquilo, para tomar forzas, cústame ser sociable unha hora antes do concerto, repítome unha e outra vez: a vergoña non mata. Hai moita xente que cando me ve na rúa tranquilo antes do show e logo veme no show non me recoñece, din: non é a mesma persoa; si é a mesma pero en momentos diferentes. O primeiro paso que dou no escenario convértese en adrenalina. A miña teoría é que toda esa enerxía que teño no palco vén do meu medo a subirme nel.

-Facer cancións é un modo de descargar a túa rabia cando ves algo que non che gusta.

-Sempre, son a miña pequena terapia persoal. Escrebes máis cando ves cousas que non che agradan, se cadre é egoísmo, pero nos meus momenticos felices non me che gorenta escreber, o vivo e punto. Cando algo me volve infeliz ou me dá rabia, por como funciona o mundo, necesito escribilo, sacalo, foi decote o meu salvavidas.

(Este texto é a primeira entrega da extensa entrevista realizada por La Jiribilla a Manu Chao)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará