Martí, contra o fatal destino da colonia amarrada a historia do colonizador (II)

Fernando Martínez Heredia

Entre 1880 e 1895, os conceptos de nacionalidade, clase e clasificación racial foron obxecto en Cuba dunha deboura histórica. Tres asuntos intimamente relacionados que a reacción procurou segregar. José Martí tomou parte na discusión e o seu criterio foi decisivo nos últimos anos dese  período, ao se converter no líder dun nacionalismo popular que daba continuidade á tendencia insurreccional e consideraba básico herdar o ideal de 1868, mais desde novas posicións que superasen as eivas e erros daquela Revolución.

Martí dálle preferencia ao fin da escravitude, e axiña as relacións entre razas, ao racismo e a liberación nacional. Eis as súas prioridades ao elaborar un proxecto de independencia por forza multirracial, na estratexia a medio e longo prazo. En textos temperáns como aquel de xaneiro de 1880, en que negros e mulatos aínda son «eles», manexa as ideas da culpa branca e de redención ao abrir paso á liberdade dos negros na difícil coxuntura da Guerra Chiquita, na que o racismo foi utilizado por España para confundir unha parte dos revolucionarios, mais ao mesmo tempo inicia seu longo camiño independente.[3] As transformacións sociais probadas polo país nos quince anos seguintes, o desenvolvemento intelectual de seu proxecto nos tempos en que era inviable a insurrección e os decisivos logros políticos e de prestixio de Martí os anos noventa, farano máis profundo e máis libre ao tratar esas cuestións.

Advirto dúas liñas de traballo, moi vinculadas entre si, na posición de Martí para ás construcións de razas e de nación. Unha é a recuperación da memoria revolucionaria de 1868, de xeito tal que resalten os sacrificios e heroísmos compartidos en pé de igualdade, e se recoñeza a guerra como medio para achegar razas profundamente divididas. Isto é, para recoñecerlle ao non branco[4] dignidade e auto-estima que por outros medios non podería obter ou levaríalle un tempo moi dilatado e azaroso, e para inducir ao que se aprecia de ser branco a abandonar ou minorar o racismo que forma unha parte importante de súa concepción da vida social. Nese plano individual, que é básico, enaltece a conduta dos bravos guerreiros e os leais acompañantes non brancos durante a guerra, mais en Martí eles non forman a comparsa habitual dos próceres brancos, presentes noutras narracións patrióticas, ou progresistas. Gaba o ascenso desas persoas humildes mediante as prácticas revolucionarias, e saúda a aparición de heroes e personalidades cubanas perdurabeis.

Martí comprendeu que a afirmación de que a abolición da escravitude foi unha fazaña revolucionaria era un punto principal para a instalación do cubano.[5] Hai que distinguir entre a realidade dese aserto no seu tempo e a manchea de causas aducidas polo historiador actual no proceso da emancipación. Carecendo de movementos abolicionistas con expresións sociais importantes, a radicalización da guerra revolucionaria de 1868-1878 mobilizou os esforzos e o vontade nun exército plurirracial que asinou con sangue a unión entre liberdade persoal e independencia nacional, inzou o ideal de igualdade dos cidadáns e fixo seu o significado político da abolición da escravitude. No período de 1880-1895 estes temas e outros foron un asunto máis para a deboura histórica que habería determinar o contido da nación, seu proxecto, e estratexia política. Martí actuou con plena consciencia nesa pugna.

A outra liña de traballo é súa concepción antirracista, moi consistente e ben fundamentada. Vense aos ollos a orixinalidade e fondura do seu pensamento, tan gabado como pouco comprendido e utilizado. Martí opúxose abertamente ás teses racistas imperantes na antropoloxía e as ciencias socias naquela altura. Elaborou unha crítica moi profunda e orixinal sobre ás nocións de cultura, progreso e civilización. Nesta segunda metade do século XIX, na que as ciencias sociais estaban a constituírense, gozaba dunha influencia decisiva o racismo «científico», asistido polo poder inmenso que ostentaban a idea de ciencia, o evolucionismo e o positivismo. Era lugar comúns a misión do home branco de civilizar aos demais pobos do mundo, definidos por natureza inferiores. Unha noción de progreso capitalista  profundamente racista na altura, formaba parte do proceso de unificación de ideas entre as elites intelectuais latinoamericanas e as de Europa e Estados Unidos, nos que as primeiras eran case sempre subalternas. No terreo da difusión de ideas e crenzas, o colonialismo mental era aínda máis amplo e descarnado.

Entender a singular capacidade de reaccionar contra a corrente dominante deste intelectual que, ao mesmo tempo, posuía unha vsta formación occidental moderna, non é posibel sen recordar seus vinte anos de estudos de Cuba e América dende unha perspectiva de de liberación nacional. Súas vivencias e aprendizaxes de xuventude en Mesoamérica -un área cultural que contaba con 2500 anos de historia autóctona e adiantos extraordinarios – deberon seren determinantes na súa formación, mais serían as as ideas políticas as que o levaron por outro camiño e máis lonxe que a outros intelectuais que tamén admiraron as civilizacións autóctonas americanas. A experiencia de México naquela altura, cun nível de loitas revolucionarias e de ideas políticas e sociais de avangarda en América Latina, foi decisiva para Martí [6]

A grandeza do Apóstol só pode entenderse na súa dobre actividade articulada: superando a mezquindade imperante na política cubana de entreguerras, dunha banda, e safando do canon biolóxico para a Historia e as ciencias humanas dominante en Occidente, mediante un criterio cultural que non era meramente inclusivo senón antirracista e anticolonial, inspirado na idea de liberación nacional e de xustiza social. E aliás, manter unha campaña respectuosa coas realidades materiais e espirituais de seu país de escravitude, castas, racismo, colonialismo e expoliación de pobres e traballadores, non para as comprender e se render ante elas, senón para traballar dende súa existencia, criticalas e combatelas sempre que fose necesario e convocar a cubanos e cubanas a mudalas.

Non hai razas, conclúe o pensador, mais os cubanos negros e mulatos existen, son unha parte específica da sociedade, alén dos decisivos de súa condición humana; unha parte que foi deformadda e negada na historia de Cuba, que por fin ve ante si máis oportunidades, confía no seu futuro e loitará pola xustiza e a liberdade. Para tal facer, a Martí resúltanlles fundamentais a ideoloxía mambisa e a praxe revolucionaria. O obxectivo é facer realidade o que el está a afirmar no terreo das ideas: que entre iguais por natureza e parceiros disímiles dunha cultura, poda construirse a nación e as novas relacións entre razas. Neses campos, como noutros, a guerra revolucionaria debe ser a preparatoria da república. O patriotismo plural identifícase na historia, mesmo que non se interese polo pasado remoto das diferentes culturas de que procede senón pola igualdade que ven do evento revolucionario e das narracións heroicas e edificantes.

Non esquezamos que a obra de Martí foi truncada pola aceleración da súa actividade política práctica e por súa temperá morte. Sen dúbida pretendía analizar os compoñentes da nación que trataba de fundar. Seu proxecto de libro La raza negra. Su constitución, corriente y tendencias. Modo de hacerla contribuir al bien común, por el suyo propio é un bon exemplo diso.

José Martí non enunciou súa posición en libros de carácter científico social, senón en centos de artigos e discursos inspirados polo combate ideolóxico e político. Porén as suas sentenzas famosas –e outras que non o son tanto- sobre a raza e outros asuntos importantes revelan fondura de pensamento con dereito a formar parte da historia da ciencia social, por dereito, o dia que superemos o conservadorismo e o colonialismo mental que hoxe a dominan. Tamén ficarán definitivamente esquecidas as diversas «clasificacións» do Apóstol que levaron a graves erros e xeraron ira e polémica durante o século pasado, todas elas procedentes de querer medir o pensamento de Martí a partir de cánones europeos asumidos acriticamente. Unha incomprensión capital do máis valioso do pensamento martiano, que tan útil sería para lidar contra a colonización mental.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *