Miguel Blesa fora o banqueiro da ofensiva de George Bush e Aznar contra Cuba

Rosa Bentraces – Terra Sen Amos

Miguel Blesa, trece anos presidente de Caja Madrid (CM) e amigo de Jose Maria Aznar, fora unha peza básica do rearme empresarial e financeiro da mafia cubano-estadounidense de Miami e da política de Bloqueo Total contra Cuba promovida por George W.Bush e Aznar.  Blesa acabara na cadea depois de CM comprar en 2008 o City National Bank of Florida (CNBF) por un sobreprezo que escandalizara aos medios bancários. Coa mediación do CNBF, os herdeiros de Mas Canosa resucitaron a Fundación Nacional Cubano-Estadounidense (FNCA) e grazas a Aznar, fixéronse en 1996 coa empresa SINTEL, propiedade da Telefónica. Os cabeceiros de Mas desbaldeiraron a empresa decontado, o que fora protestado cunha acampada dos traballadores de SINTEL que durou seis meses no centro de Madrid. Falecido nestes dias en Córdoba en circunstancias ainda non determinadas, Miguel Blesa non recibe honras de Aznar nin da cúpula do PP, seu partido.

Aznar fachendea en Miami á beira do seu amigo Jorge Más Canosa, daquela capo da FNCA , e de Antonio “Toñín” Llama, terrorista e amigo do expresidente do PP. Llama promovera en Madrid coa axuda do PP a Fundación Hispano-Cubana, sucursal da FNCA de Florida.

O pendello financeiro armado en Miami por Aznar para servizo da FNCA pagaba calquera inciativa endereitada a elevar o cerco económico e político contra Cuba, conforme a política trazada por George Bush. O diñeiro de Caja Madrid e Telefónica, procedente do aforro popular, moveu vontades a prol do Bloqueo entre algúns recén egresados do Pacto de Varsovia coma Chequia, na que o auto-proclamado martir da liberdade Vaclav Havel esganizaba contra Cuba para apartar dos telexornais o seu propio fracaso económico. A conspiración bancaria de Bush-Aznar, tinguia de vergoña o Parlamento Europeo cunha Posición Común contra Cuba que hoxe non quere ser nin mencionada en Bruxelas.

De porparte, George Bush centuplicaba o orzamento da National Endowment for Democracy (NED) para fomento de asociacións anti-cubanas, bolsas de estudo nos EUA para familiares de calquera persoa que se manifestase en disposición de servir dentro de Cuba os intereses políticos do governo de Washington, pagar un avión militar C-130 para transmiitir sobre Cuba sinal de TV e Radio, arrequecer o rigor das leis do Bloqueo e favorecer dende a Cámara os obxectivos da FNCA. Coma en tempos de Ronald Reagan, o governo de George Bush negaba toda evidencia de estar acubillando o terrorismo contra Cuba, mais obxectivamente xurdian acompañantes violentos e provocacións en paralelo a batalla polo bloqueo total da illa. A prensa norteamericana falaba da resurrección do teniente coronel Oliver North, o axente de Reagan para a política terrorista contra Irán mentres aumentaban os voos non autorizados sobre espazo cubano e comezaba unha criminal campaña contra o turismo en Cuba na que estaba implicado o axente da CIA Posada Carriles.

O arruallo de Aznar por servir a política imperial, comprometia aos seus amigos para alén da Lei, coma aconteceu con Blesa que houbera de entrar na cadea polas inaceptabeis condicións de compra do City National,mesmo que a decisión do xuiz Elpidio Silvia fose revocada en breve pola Administración de Xustiza e acompañada co escandaloso procesamento do xuiz por presunta prevaricación.

Aznar e Blesa poden pasar a historia por ter inaugurado un estilo totalmente novedoso de relación  entre unha metrópoli imperial e unha ex colonia americana, consistente en conspiraren contra a loita pola  soberanía duns emancipados que participan da mesma cultura e história dos colonizadores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *