Moitas maneiras de ser Raul


Raúl, Vilma e Fidel

Rosa Miriam Elizalde

A Revolución, coas mulleres. Ou non haberá Revolución. A quen se deberon senón redes de finanzamento, casas de seguridade, intendencia da guerrilla na Serra Mestra, ou Eugenia Verdecia, a levar cartuchos de dinamita, granadas de man, balas, peites de metralladoras, fulminantes debaixo da saia?  “Con heroínas anónimas como estas, que imitan en todo ás mambisas do pasado, non pode haber causa perdida”, escribe Raúl Castro mozo, sábado 29 de decembro de 1956.

Vilma Espín, o amor guerrilleiro de Raúl, a súa compañeira de toda a vida, completará a educación feminista do líder revolucionario. Abonda repasar antes e despois de eles namoraren no balbordo da guerra para vermos unha historia de coherencia. De antes viña seu feminismo: homes e mulleres iguais, mesmos dereitos, obrigas compartidas e común axenda para o cambio social. Como explicar senón as palabras admirativas de Raúl no seu diario a pouco do desembarco do Granma, ou o protagonismo das mulleres no Exército Rebelde, onde constituíran  o pelotón das Marianas mentres Asela dos Santos dirixía en plena insurxencia o Departamento de Educación da Segunda Fronte Oriental, que comandaba Raúl.

No Exército Rebelde non era só dos homes o privilexio de viviren e morreren pola patria. A guerrilla cubana superou outras frontes revolucionarias, antes e despois de 1959, que deran ás mulleres só postos subalternos. Teté Poboa, segunda xefa das Marianas, lembrou como gañaran o dereito de chantarlles cara aos soldados batistianos no campo de combate: “As causas que maduraron a nosa decisión de estarmos na avangarda de combate (…) proceden dun sentimento maternal de furia e rebelión ante as infamias da tiranía sobre os labregos durante a ofensiva iniciada en maio do 58: nenos asasinados en bombardeos e ametrallamentos: fillas e esposas violadas en presenza dos seus; familias enteiras masacradas, casas e sembrados queimados”.

Nacera unha proposta revolucionaria en feminino: elas participaban na fronte, camiñaban sen pouso, compartían privacións, escribían o seu diario, identificaban sen se alterar os disparos inimigos. O amor entre Vilma e Raúl non existiría, se cadra, sen ese mutuo respecto, igualdade e admiración. Vilma era delicada coma un lilrio e forte como a roca volcánica da Gran Pedra, e o Comandante guerrilleiro rendeuse a un sentimento por unha muller absolutamente fóra de serie que sabía apuntar cun fusil e dirixir homes curtidos nunha guerra feroz contra os esbirros da ditadura, que tiña por riba unha sólida educación técnica e artística. Graduárase como Enxeñeira Química, bailaba ballet; tiña un posgrao do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, cantaba con preciosa voz de soprano e pintaba. Para Raul deseñou un autorretrato en decembro de 1958 con este epígrafe: “Espero que esteamos sempre xuntos e non teñas que botar man deste deseño para verme”.

“Foi un amor moi bonito, que non se apagou cos anos”. Quen o di é Yolanda Ferrer, que tiña 13 cando coñeceu Vilma, nos preparativos do que Fidel chamaba unha revolución dentro da Revolución: a Federación de Mulleres Cubanas. A FMC, que cando morre Vilma en 2007, dirixirá Yolanda até 2012. Naceu para defender e executar aquel proxecto de liberación feminina que tiña que loitar contra séculos de cultura machista e incomprensións dentro das propias filas revolucionarias: “Por qué unha organización só de mulleres, se a loita foi unitaria, se a Revolución condenou sempre toda discriminación, incluída a do sexo?”, era o tipo de pregunta que facían entón algúns compañeiros e que o propio Raúl lembraría nun dos aniversarios da Federación.

“Raúl foi o primeiro en saber que as mulleres querían organizarse. Díxérallo Vilma e o apoio del foi absoluto desde o comezo”, conta Yolanda. “As mulleres do Secretariado da FMC puidemos coñecelo na súa dobre dimensión: primeiro, como o extraordinario dirixente da Revolución cubana que é -estratega brillante, de gran modestia e lealdade a Fidel, cun gran sentido do humor… Coñecémolo tamén como ser humano, como pai, como avó, como esposo. Eles foron un exemplo de familia e falo en pasado, porque ela xa non está fisicamente.” Yolanda, a quen se lle creba a voz a cada que nomea a Vilma, afirma que, independentemente de onde estivesen e as tarefas que pesasen sobre eles, o matrimonio falába por teléfono desde o traballo, alomenos un par de veces ao día e planeaban os encontros cos fillos e os netos na intimidade familiar.

Artigo publicado en La Jornada de Mexico, ao Raúl  Castro cumprir 90.

(Traducido para Terra Sen Amos por Rosalía Eiras)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará